Gonzalo Sancho
Muxos no Gafos
Despóis de moitos anos colaborando na limpeza do río Gafos en Pontevedra, hai un feito que me segue chamando a atención de xeito curioso: Muxos en auga doce.
Así como polo mar abaixo vai unha troita de pé. Río arriba tamén poderán ir os muxos. Máis o noso meolo amósanos que non todo é nadar. Hai peixes de auga salgada e peixes de auga doce. Estos non poden vivir naquelas e aqueles morren nestas últimas.
Os muxos teñen querencia polos esteiros. No Lérez vense ata a cascada de Monteporreiro. No Miño ata o embalse de Freiría, 80 kilómetros río arriba. No Gafos superan a ponte de Rosalía de Castro cara ao seu nacemento; pouco máis e chega un punto que non remontan.
Os muxos chegan a uha altura xeográfica dos ríos no que as augas son exclusivamente doces, nin salgadas nin salobres. Nin sequera as augas mariñas das mareas vivas acadan estos puntos máis elevados. Os muxos superan pequenos saltos de auga no seu ascenso, Tampouco é que salten como os salmóns.
Eu vin reos na zona intermareal do Gafos. O Moreno, en vida, amosóume coa punta do seu dedo índice salmóns pola zona do antigo balneario de Monteporreiro. Uns e outros peixes sin avantar nin recuar. É de supoñer que facendo o proceso de ósmose, como fan as anguías tamén.
Este proceso deben facelo en certo momento do crecemento orgánico das especies ictícolas migratorias. Os epitelios das galadas deben adaptarse as sales das novas augas mediante un proceso fisiolóxico. Máis os muxos entran e saen da auga doce aproveitando os fluxos das mareas, sin esta necesidade metabólica.
Cómo esto é posible.? Hai peixes estenohalinos e outros eurihalinos. Os muxos son eurihalinos. Toleran amplos abanos de salinidade nas augas que outras especies non poden soportar.
E falando de soportar, debo deixar aquí o tema científico e centrarme no empírico. Eu ben sei que os abogados non soportan aos abogadiños das silveiras. Os médicos non tragan aos curandeiros. Así, os científicos soportan a curiosidade do non titulado, ata certo punto. Máis alá hai que retornar, como fan os muxos nos ríos.
O derradeiro domingo, conforme avanzabamos na limpeza do Gafos, dende a desembocadura, río arriba, os muxos ían nesa mesma dirección escapando da nosa presencia. Chegado un punto, baixo a ponte de Rosalía de Castro deixaron de adiantar e fuxiron de nós cara a ría, coándose entre as nosas pernas. Deben de aguantar a auga doce un determinado tempo, tendo que voltar ao mar. Certo é que no curso medio é alto dos ríos nunca se ven muxos. Dito de outra maneira: os muxos poden beber auga doce, pero non a barra libre.