Manuel Pérez Lourido
As estacas de Silgar
Hai cousas que acontecen porque non hai outro remedio, como por exemplo os fenómenos meteorolóxicos, e outras que dependen da acción do ser humano. A proliferación dos virus é outro elemento da existencia que se afasta de momento do noso control e as medidas que tomamos ao respecto xa son directamente imputables á nosa capacidade de resposta. Non poucas veces, porén, é o ser humano o que actúa como unha forza da natureza e leva por diante o que por diante se lle poña.
É de todos coñecida a decisión do concello de Sanxenxo de actuar na praia do pobo para delimitar o espazo que cada usuario debería ocupar, evitando o amoreamento de seres vivos (xa se sabe que os seres vivos somos moito de amorearnos e máis cando imos á praia). Co fin de preservar a seguridade e a orde, dispuxéronse en Silgar unhas estacas de madeira e unhas cordas que marcaban o territorio aos cidadáns dun xeito equitativo e estable. O aspecto do areal, así marcado, era noxento, pero iso é outro cantar.
O primeiro que se lle ven a un á cabeza ante esta xenial idea é que pasaría co resto de praias do noso litoral que non dispuxeron dun mecanismo de sinalización tan sinxelo e económico, dentro do que cabe. Habería contaxios á destra e sinistra?, quedaría a poboación decimada ao remate da tempada de verán? habería que ampliar os cemiterios dos pobos da costa? A fin de contas, ao non contar con ese parcelamento, os usuarios dos areais se cadra rematarían uns por riba dos outros no seu afán de gozar do sol nun verán especialmente caloroso.
Pero o que pasou é que a xente tirou dun recurso chamado sentido común e fixo uso das praias mantendo unha distancia racional dos uns respecto dos outros e no se deron gromos, nin ingresos hospitalarios nin mortalidade de ningún tipo.
Servidor non estaría a escribir isto se non lera que agora o concello de Sanxenxo xa retirou de Silgar as estacas e as cordas, pero deixou sen levantar unhas cantas como "símbolo de seguridade" no municipio.
No resto das praias, nas que as autoridades reaccionaron sen tanto pulo obsesivo-compulsivo diante dos perigos da pandemia, quedou ao ar e ao vento toda a area da praia, como símbolo do sentido común dos gobernantes, habitantes e visitantes do municipio.