Marta Rodríguez Engroba
Se vostede me promete que non vai maltratar máis, queda libre
Teño que confesar que nalgún momento, sobre todo desde que Si, hai saída naceu e comezamos o traballo activo contra a violencia de xénero, tiven a esperanza de que a nosa loita algún día tería éxito.
Non pensaba que íamos gañar esta guerra, unha das máis duras que hai, pero si que, pouquiño a pouco, cada vez máis batallas, e que non soamente a sociedade, se non tamén, e isto é vital, as institucións, irían concenciándose cada vez máis da imperiosa urxencia de tomar medidas drásticas e rigorosas cos maltratadores, e reforzar todo o posible a protección as vítimas da violencia machista, e, por suposto, a dos seus fillos nos casos nos que existan.
Por desgraza, a sucesión de acontecementos de todos estos anos que levamos en activo deron ao traste con esta esperanza, e a escalada incesante de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas non deixou de medrar dun xeito dantesco, o mesmo que a de menores aos que os seus proxenitores, malditos proxenitores, non dubidaron en segar as vidas coa única e malvada finalidade de danar as súas nais, ademais de ver como, día a día, a violencia de xénero se torna nun delito cada vez máis relegado, e que se utiliza sen escrúpulos con fins políticos.
O acontecido esta semana na miña cidade, Lugo, na que a situación no que atinxe a violencia machista vai, desde hai tempo, en claro retroceso, foi unha confirmación máis de que as vítimas de violencia de xénero non soamente están vendidas, se non que, ademais de verse na necesidade de defenderse dos seus maltratadores, semella que máis dunha vez deberán facer o mesmo coa…….xustiza?.
Unha condena de catro anos, que inicialmente solicitaba a Fiscalía para un home, acusado de ameazar a súa ex muller cunha pistola de fogueo, ademais de amosar actitudes claramente agresivas con ela durante a convivencia, chegando, por exemplo, a agarrala do pescozo en varias ocasións, a acosala telefónicamente cando xa estaban separados, e acudir ao seu domicilio para controlala, ameazandoa con expresións como "voute matar, cóstame mil euros contratar a unha persoa para que te mate", ou abordala no garaxe da vivenda e atemorizándoa cunha arma curta de fogueo dicíndolle "Queres que te mate?", feitos istos polos que foi detido e condenado por un delito de malos tratos habituais, foi, inicialmente, reducida a dous anos de prisión,despois de que él recoñecera os feitos, para, posteriormente, por mor dun acordo co ministerio fiscal, ser suspendida, coa condición de que non volva delinquir nun prazo de tres anos e que realice o curso de reeducación para maltratadores.
Sen verbas.
Deixando aparte o feito de que, e esta é unha opinión miña moi persoal, eu dubide moito da eficacia deses cursos de reeducación para maltratadores, e con todo o respecto o digo para aqueles que os imparten, de verdade, pero eu teño claro que a maldade non é algo que se "reeduque".
Unha enfermedade, mesmo unha adicción, poden chegar a superarse, claro que si.
Ser malo, sen embargo, é algo que se leva dentro, que non se arranxa así como así, e, en todo caso, os resultados positivos, de chegar a producirse, serían a longo prazo, polo que o risco de que esa persoa agreda de novo é máis que considerable, por non dicir certo.
Por outra banda, ser maltratador non é sinónimo de ser imbécil.
Todo o contrario. Mesmo semella que a maldade lles fai afiar o inxenio, polo que é de sentido común que, con tal de non ir ao cárcere van prometer o que faga falta, tamén non reincidir, por suposto, e farán todos os cursos que sexan precisos, malia que, por desgraza, na maioría dos casos, o mesmo lles tería facelo de reeducación ou de física cuántica, porque a finalidade non é redimirse, se non, única e exclusivamente, evitar ir a prisión.
Pero o máis terrible de todo é que aqueles que imparten xustiza, ou polo menos algúns, non sexan, polo visto, quen de chegar a esta conclusión e se presten a "negociacións" cos agresores coma neste caso, sen ter en conta que están poñendo a unha muller nun risco certo, moi lonxe da que se entende sería a súa obriga, protexela.
Por outra banda, non hai nada que anime máis a reincidir a un delincuente que a sensación de impunidade, de que os seus delitos non teñen consecuencias.
Que o faga de novo é, agás raras excepcións, sinxelamente, cuestión de agardar.
Isto nos da unha idea das mans nas que estamos. De que cando unha muller tenta escapar da violencia de xénero, corre o risco de que a propia xustiza a poña, de novo, a mercé do seu maltratador.
É evidente que esa prevención da que tanto nos falan, raramente se aplica, e que a formación, o saber moita teoría, e máis ainda de leis, non implica ter a psicoloxía nin a sensibilidade e mesmo, por qué non dicilo? a tantas veces necesaria intuición que traballar con vítimas de violencia de xénero require.
É absolutamente demencial que un home, condenado previamente por malos tratos continuados, salga libre porque promete portarse ben, coma un neno que tivo un berrinche ou rompeu un xarrón mentras xogaba, e que se libra do castigo a cambio da promesa de ser bó.
Tremendo ter que dicir isto, pero, a nos, as mulleres, visto o visto, ante un sistema que, lonxe de axudarnos, axuda a maltratarnos, pouco nos pasa.
Asociación Si, hai saída