Manuel Pérez Lourido
Formas de levar a máscara
A continuación, na liña de servizo público que anima a esta sección, imos a expoñer as distintas formas de levar a máscara ofrecendo deste xeito un necesario catálogo de opcións e sempre atendendo a experiencias observadas no día a día desta pandemia xa tan nosa.
Comecemos pola forma axeitada de facelo, isto é, a que cubre o nariz e a boca. Dependendo do modelo de máscara levaremos cuberto tamén o queixo (as máscaras en acordeón, por exemplo) ou deixaremos libre este tramo final da nosa faciana. Cómpre sinalar tamén o aspecto un pouco troglodita que as máscaras outorgan aos hipsters, ocultando a meirande parte da súa barba e deixando á vista uns pelos que parecen saír dos cantos da propia máscara. Certo é que a barba dos hipsters, por moi coidada que estea, sempre lle vai dar un aire paleolítico, ou polo menos a min mo parece.
Nota: teño que ver de buscar sinónimos para "máscara" ou vou encher o texto con esta palabra.
Outra desvantaxe de levar ben posta a máscara é que a xente está a tropezar máis nas rúas, sobre todo á xente que usa gafas, porque se lle empanan as gafas. Ademais, este importante sector da poboación, os que usamos gafas e se nos empanan, cando lemos a prensa no bar, volvemos á casa con información errada: comentamos que vai vir chuvia cando se anuncia bo tempo ou que o goberno pensa subir os impostos cando en realidade está a pensar en baixalos. Estas noticias non cadra coas que a familia escoita nos telexornais e prodúcese nos fogares confusión, desconfianza, discusións, balbordos, altercados, separacións e divorcios (aínda que as estatísticas sobre isto último deron a baixa, pero claro, isto lino nun xornal e tiña as gafas embazadas…)
Despois temos un xeito de levar a faciana cuberta (dou este rodeo porque non me convencen os sinónimos da RAG: caranta, carantoña, carauta, careta, caroza, felo, anteface) que consiste en non cubrir o nariz. É a opción máis acaída pola xente que usa gafas, para evitar que se lle empanen. O aspecto que lle da a un levar o nariz descuberto é horroroso, sobre todo para certos tipos de nariz, que aparentan unhas proporcións desorbitadas. Respirar, respírase mellor, iso si.
Pasamos ás persoas que levan a máscara baixada ata o queixo e cando un observa póñense a soprar, como se se estiveran a aliviar dun problema respiratorio. De seguido afastamos a vista, pero se seguísemos observando notaríamos que o suxeito nunca sube a máscara e só se limita a soprar cando sente que o miran. Así pasan o día paseando unha máscara engurrada no queixo.
Outra versión desta última moda, máis campechana ou diríamos máis descarada, é a de deixala posta arredor do pescozo, coma unha bandeira recollida, coma quen xa rematou unha faena. Esta modalidade serve para protexer á gorxa do frío e para tapar unha noz moi avultada.
Por último, imos deixar constancia da forma máis desagradable de portar a máscara e, porén, unha das que máis se adoitan ver nestes tempos: colgada dunha orella. Hai que ser lacazán para non quitala de todo e levala aí, coma un pendente hippy da pandemia. É coma a xente que conduce levando un brazo colgando por fóra da xanela do coche, coma un peixe morto. Se un se fixa ben, esa xente seguro que leva unha máscara colgando da orella.