Antón Masa
Os datos da Xunta confirman que Ence sigue incumprindo a lexislación
Fronte ás declaracións triunfalistas dos directivos de ENCE, que veñen de afirmar que a fábrica de Pontevedra vai camiño de se converter nun "referente na economía verde de Galicia", imponse máis unha vez a realidade que, en forma de datos oficiais, vén poñer as cousas no seu sitio. En efecto, dáse a casualidade de que onte mesmo temos recibido os datos aportados por ENCE á Xunta de Galicia, datos que fan referencia aos vertidos á Ría no período que vai de xaneiro de 2012 a maio de 2013 e que non deixan lugar a dúbidas.
De acordo cos resultados das análises dos vertidos de ENCE no ano 2012, a fábrica lonxe de ser referente ambiental- ten empeorado respecto de anos anteriores; e os datos de 2013 fan pensar que a situación vaise repetir no ano en curso. De forma xeral pódese afirmar que os vertidos de ENCE incumpren a Lei de Augas de Galicia e a normativa de Augas residuais urbanas, ámbalas dúas de obrigado cumprimento para a empresa pasteira, pois non se pode obviar que esta última define claramente que "a efectos de aplicación da normativa, augas residuais urbanas son as augas domésticas ou aquelas industriais que se verten ao medio xunto con augas domésticas ou pluviais", situación que, evidentemente, caracteriza ás augas de ENCE.
Pois ben, dos 52 datos de DQO (demanda química de osíxeno) correspondentes ao ano 2012, un total de 32 (o 61,5 %) superan os 125 mg/L fixados pola lexislación como límite máximo, unha situación que empeora no 2013, no que o 90,9 % das mostras (20 dos 22 datos existentes para este parámetro) superan este límite. Do mesmo xeito, 3 das 52 mostras do ano 2012 (o 5,8 %) incumpren a legalidade no que fai a Sólidos en suspensión (SS) ao superar o valor de 35 mg/L fixado na lexislación, situación que se repite nun 18,2 % das mostras aportadas para o ano 2013. Hai que indicar que ningún dos 26 datos aportados no ano 2012 superaba o valor de 25 mg/L fixado pola lei para a DBO (demanda biolóxica de osíxeno) mentres que 1 dos 11 datos correspondentes ao ano 2013 acadaba os 32 mg/L. Debemos resaltar aquí que precisamente para este último parámetro os vertidos de ENCE teñen empeorado de forma notábel, pois de ser certos os datos aportados por ENCE en anteriores ocasións- pasouse de non superar o valor de 5 mg/L a valores que superan en moitas ocasións os 15 mg/L. O mesmo debemos dicir para os valores de mercurio (Hg), que con anterioridade eran practicamente sempre inferiores aos 0,05 µg/L e chegan agora en demasiadas ocasións a valores entre os 0,1 e os 0,53 µg/L. Convén indicar aquí que, si ben é certo que estes valores non son especialmente altos, non cumpren co establecido na Lei de Augas de Galicia, que só permite o vertido deste perigoso metal pesado no caso de que proveña da materia prima utilizada no proceso industrial, algo que non ocorre neste caso.
Esta e non outra é a realidade de ENCE; e os seus directivos poderán asegurar que cumpren co fixado na Autorización Ambiental Integrada (AAI), pero agocharán sempre que cumpren só porque esa AAI hoxe cuestionada polo fallo do Tribunal Supremo que anulou o acordo de Supramunicipalidade de 2003- permítelle contaminar dúas ou tres veces máis do fixado na lexislación, e que calquera Lei está por riba dunha disposición administrativa.
Non temos datos do número de episodios olorosos da fábrica, pero fronte ás declaracións do Sr. Casal que asegura a súa redución nun 83 %, só podemos dicir que a cidadanía continúa percibindo e padecendo- os fedorentos cheiros de ENCE en demasiadas ocasións; na zona de Pontevedra ou na de Marín en función dos ventos. E que xa abonda; que abonda de dicir que ENCE ten eliminado definitivamente os cheiros; que abonda con lembrar a máis escandalosa das campañas anti-cheiro, aquela do 9-II-92 ("Nos vamos a dar donde más nos huele") que foi ao tempo o máis escandaloso dos fracasos de ENCE.
Poden seguir mentindo, poden seguir tapando as súas vergonzas con solucións arquitectónicas de discutíbel gusto e das que, por certo, temos serias dúbidas de que se cheguen plasmar en realidade; xa o tentaron máis veces, con infantís debuxos e coa contraditoria proxección dos aneis de crecemento dunha árbore; desas mesmas árbores que agora non deixan ver o bosque galego e que ENCE converteu en monocultivo de alto risco de incendio.
Pretenden mudar a realidade repetindo constantemente unha mentira, e fártanse de dicir que teñen solucionados os problemas dos vertidos á Ría e das emisións á atmosfera; que xa teñen practicamente eliminado os cheiros e que só falta integrar a fábrica na paisaxe. Pero non é certo; non se trata de "invisibilizar" a fábrica. O problema de ENCE non se pode reducir a un problema de "feismo"; o problema de ENCE, o seu impacto negativo, sigue sendo un problema ambiental, social e económico. ENCE é incompatíbel coa explotación racional do marisqueo, da pesca e do turismo; é incompatíbel cun modelo de explotación racional para os nosos montes, coa calidade de vida e coa saúde das persoas. ÿ incompatíbel, en definitiva, coa creación de emprego de calidade e co despegue económico da comarca.
Desde a APDR seguimos esixindo á Xunta de Galicia que deixe de amosar complicidade cunha empresa que foi condenada por delito ecolóxico, que incumpre boa parte da lexislación ambiental e que impide o saneamento e a recuperación da Ría e o desenvolvemento sustentábel da comarca; consecuentemente, esiximos que anule a AAI a ENCE e que impida a prórroga da concesión na Ría máis alá do 2018.
02.08.2013