Marta Rodríguez Engroba
Por que non denuncian as vítimas de violencia de xénero?
Levo durante todo o mes de Outubro, xa practicamente rematado, observando como desde a inmensa maioría de puntos de España se está a falar dun máis que notable descenso do número de denuncias por violencia de xénero, que caeron entre un quince e un vinte por cento.
Hai tan só uns días, foi feito público un estudo realizado polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, no que se analizaban varias razóns polas que isto podía suceder, e mencionaban, entre outras, o medo, a vergoña, temor a perder os fillos e mesmo descoñecemento dos recursos aos que poden acceder.
Nada novo, o cal xa é, por si mesmo, máis que desalentador, porque se para facer tales descubrimentos tivemos que chegar case ao final do ano 2020, non é de estrañar que a violencia de xénero e o número de mulleres asasinadas por mor dela non deixe de medrar.
Non digo eu que as razóns para non denunciar expostas polos que se supoñen autoridades na materia non sexan certas, porque o son, pero, unha vez máis, ademais de marearnos a cabeza e distraer a nosa atención daquelo no que non interesa que se repare e menos ainda que se visibilice cunha morea de cifras e estatísticas froito dun máis deses "sisudos" estudos que, permítanme que, con todo o respecto, lles diga aos autores, na práctica de moi pouco ou de nada lles serven as vítimas, curiosamente, unha vez mais, esqueceron, ou descoñecen, o cal sería ainda máis grave, unha das razóns máis importantes pola que a inmensa maioría de mulleres vítimas de violencia de xénero son reacias a denunciar:
O temor, unha vez posta a denuncia, a non ser debidamente protexidas, un temor ao que, lamentablemente, non lle falta fundamento, como elas ben saben, e como ben sabemos tamén os que traballamos con elas e tentamos axudalas.
Porque claro, é moi doado instalas a denunciar, e o certo é que a denuncia é o paso imprescindible para sair da violencia de xénero, pero, que vai pasar despois, especialmente naqueles casos, que son moitos, moitísimos, nos que o agresor non entra en prisión?.
Case cada día vemos como mulleres que teñen asignada protección, cando a precisan non atopan nin rastro dos axentes que deberían acompañalas, como chamadas por quebrantamentos de ordes de afastamento, por dispositivos electrónicos que alertan da proximidade do agresor, non obteñen resposta ou o fan cando xa é demasiado tarde.
Ano tras ano comprobamos como nas datas mais cruciais, nas que mais perigo corren, como son as fins de semana, vacacións, Nadal…nas que o repunte de agresións é un feito mais que demostrado, especialmente se existe intercambio de menores, están, elas e os seus fillos, mais desprotexidos que nunca, porque os efectivos dispoñibles son os mínimos.
O concepto "prevención" non figura na súa folla de ruta, agás para incluilo nos guións das súas aparicións públicas.
Todo o contrario do que sucede cos de "ponte", "días libres", "fins de semana" ou "vacacións", dos que ninguén lles cuestiona o dereito a disfrutalos, pero asegurándose de que alguén se ocupe das tarefas de atención e protección cubrindo os postos que quedan baleiros, algo que non se está a facer.
Lamentablemente, moi poucas veces isto chega a saberse, xa que as afectadas, superadas xa pola súa propia situación persoal, polo medo, non atopan, loxicamente, forzas para denunciar estas eivas e enfrontarse a aqueles que se supón deberían protexelas, tendo, ademais, a certeza de que, de facelo, levarían as de perder case con toda seguridade, e soamente trascende se o resultado das súas gravísimas neglixencias é tráxico e non se pode esgrimir ese argumento que xa é un clásico de "non existían denuncias previas" (dito doutro xeito, "a nos que nos rexistren, a culpa foi da vítima por non denunciar!), como ocurriu, por mencionar un exemplo, en Setembro do 2016 en San Lucar La Mayor (Sevilla), cando Estefanía denunciou a súa parella, solicitando unha orde de protección que non lle foi concedida por mor do atestado dos axentes que a asistiron e que concluiron que non existía risco para ela, sendo asasinada tan só un mes mais tarde, polo cal hai tan so unhas semanas a Audiencia Nacional condenou ao Ministerio do Interior, tamén tarde.
Para Estefanía, coma para tantas outras vítimas, non hai volta atrás.
Pero, curiosamente, cada vez que nos contan o resultado dun destes estudos que, e sinto ter que dicilo, a maior utilidade que eu lles vexo é a de contribuir a encher os petos de todos aqueles que os levan a cabo, para os cales rápidamente se crean postos de traballo e se lles adxudican despachos, a falta de protección nunca aparece na relación das razón polas que as mulleres vítimas de violencia de xénero non denuncian, malia estar mais que demostrada e ser manifestada polas vítimas en reiteradas ocasións.
E o peor de todo de que non a mencionen non é o propio feito como tal, se non que, como sempre pasa, do que non se fala non existe, polo que, mentras divagan e divagan, e volven a divagar, non se fai nada por correxir esta gravísima eiva, que fica calada e agochada, porque entre as institucións ninguén saca a relucir os trapos sucios dos outros.
Xa se sabe, amor con amor se paga, non si?.
Creo que a día de hoxe, por moi tremendo que poida soar, xa se pode afirmar que a loita contra a violencia de xénero está xa mais que perdida, porque, como en todos os eidos da vida, o primeiro chanzo para resolver calquera problema é asumir e admitir a súa existencia, e nesta "loita" os intereses mandan.
É moito o rendemento que se lle saca a violencia de xénero (político, social, profesional…..) e moitos, demasiados, os beneficiados, polo que, obviamente, e, como xa dixen máis veces, ninguén quere matar a galiña dos ovos de ouro.
Tremendo, cru, pero real.
Asociación Si, hai saída