Pedro J. Peón Estévez
The House of Rising Sun
Pontevedreses todos: Se miran vostedes cara Oriente verán, alí xusto onde o sol nace, unha casa grande onde tamén nacen moitos pontevedreses, dos que tan só unha pequena parte é consciente de ter nacido en Mourente (boa terra, melhor xente). Pois alí, na casa do Sol Nacente -máis conhecida por Hospital Montecelo- venho de pasar quince días na companha de Covid, atendido pola xente máis boa e valente que veu a este mundo. Sanitarios da pública: canto vos debemos e que mal vos pagamos; "Diós, que buén vassallo si oviesse buén señor !". Ou parafraseando a Churchill: "Nunca tan poucxs fixeron tanto por tantxs". Iso no tocante aos trabalhadores da Sanidade. En canto ós dirixentes, podémoslhe aplicar a mesma frase pero cun lixeiro matiz: "Nunca tan poucxs foderon tanto a tantxs"
Descúlpenme o inlgés do título pero veume tan axeito que non puiden resistir a tentación. O inglés non é santo da minha devoción. Vaias por onde vaias, atopas o inglés ata na sopa. O castelán está inzado de anglicismos pero resulta que o que pon en perigo ó español é o galego, mandatruco! Ai , pero iso non importa; o inglés farda e o galego non. Son xa vello de máis para cambiar de criterio, así que sigo na minha: "o galego farda, o inglés non!". Do Reino Unido só aproveito os Beatles...e Newton...vale, e Darwin...e Dickens...ai!, e J.K. Rowling, e tamén...........
Ben, dicía eu que me atopaba interno en Montecelo onde unha equipa de heroes/inas loitaba arreo contra o virus que ameazaba con devorarme. E facíano con resolta entrega, protexéndose con varias batas desbotables, varios pares de luvas, patucos, gorro, pantalha de metacrilato, dobre máscara...e todo elo amarrado con fita adeshiva, improvisado, precario, incómodo, perigoso. Eu non sabía quen era quen baixo aquela insufrible...protección? Eu soamente vía olhos, olhos fermosos, amables..."Diós, que buén vassallo si oviesse buén señor !!" Senhor Feijó, ostia xá!, levamos case un ano con esta praga e aínda os profesionais sanitarios non disponhen duns traxes protectores medianamente fiables. E que non ve como caen contaxiados día si, día tamén ? Recoméndolhe que se lea (ou lhe lean) o artigo de opinión <Sentencia demoledora contra la gerencia y sus métodos corruptos> de CESM Galicia / Delegación Pontevedra. Nada que vostede non saiba. En realidade é vostede mesmo o desenhador dos tales métodos. Pero vaiamos co que vinha contar.
As noites na Casa do sol Nacente fanse moi longas, agardando polo lusco do abrente, envolto na negrura e a silenciosa escolta dun trilhón de coronavirus. Só o burbulhar do osíxeno rompe a monotonía ata que tamén se torna rutineiro. Pero hai máis. Neste durme-vela comezo a recibir certa extranha información e non tenho claro se é cousa do meu subconsciente ou se algo ou alguén intenta cominicarse comigo. Non recibo ningún tipo de estímulo luminoso ou sonoro.Tampouco químico a traveso do gusto ou o olfato nin táctil, nada que garde relación cos sentidos. Pode que estivera a sonhar pero xúrolhes que nunca estiven tan desperto. Non percibo ideas, nin palabras, só sensacións pero entendo perfectamente os conceptos que me trasladan nunha sorte de mensaxe telepática. E dicía:
- "Que hai ! Non te asustes. Son, o que vós chamades, un coronavirus. Son un dos integrantes do mesto exército invisible que pulula ó teu redor e nomeáronme portavoz para un primeiro contacto cos humanos, así que non che pareza mal se entrei na túa cabeza e me instalei nunha área do teu cerebro que non utilizades ( coma case todas ) Estou aquí entre as túas neuronas -non moitas, a verdade- e voume presentar, que un será microbio pero educado. Non vexo nin oio pero sinto. Non tenho cerebro pero son un estratega que pode evoluir dunha xeración a outra con tal de saltarme as vosas defensas naturais. Non se me pode enganar, nin subornar, nin convencer porque carezo de vicios, ambicións persoais ou afán de notoriedade, debilidades estas exclusivamente humanas. Non podo razoar e ameazarme é unha perda de tempo. Estás a pensar -porque sei o que pensas- que formo parte dunha invasión organizada para acabar cos humanos e dominar o mundo e os seus tesouros...boh!, paxaradas. A nós, o imperialismo colonial e as riquezas non nos chaman nin chisca. O noso interese é exactamente o mesmo que tódo-los seres vivos do universo: a SUPERVIVENCIA !, conservar a nosa vida a costa do que sexa. Facer prevalecer a nosa especie por encima de tóda-las demais. Povoar este mundo e cantos mundos houber. Eis o obxectivo universal da vida. Esa é a loita: as especies que melhor se adapten sairán adiante; as que non, extinguiranse. Por iso, e só por iso, nos servimos dos humanos invadindo os seus corpos, porque sen un portador en que intalarnos, a nosa vida é efémera. Non hai premeditación no noso comportamento, nin odio, nen vinganza. Só instinto de supervivencia. Disque non somos tan malos que respectamos ós pequechos. Falso. O certo é que os nenos posúen unhas defensas moi potentes. Eis outra vez a Natureza garantindo o futuro dunha especie.
Como se nos combate sabédelo de sobra pero algúns parecen esquecelo. Esta "guerra" gánhase nas trincheiras, póndose a salvo nun refuxio, eludindo o corpo a corpo. Enfrontarnos, provocarnos, negarnos só favorece os nosos fins. Disciplina, protección, investigación e observación das normas son un freo para nós. Non nos frean nin chisco as medalhas, as pistolas, as cruces (latinas, gamadas ou de caravaca), auga bendecida, bandeiras, esconxuros, himnos, os exabruptos do trump, as mamarrachadas da dereita tricéfala...e deixemos a cousa aquí porque a listaxe é interminable. Repito: esta guerra non a ganharedes atacando pantasmas, dando paus de cego, facendo o canelo e dicindo sandeces. Nos USA facemos magas mentres o ocupa da Casa Branca se desocupa de nós. Non penses que estou a dar claves para rematar con nós, non. Aínda que case toda Espanha cumpre as normas sanitarias, sobran festeiros, botelhoneiros, caietanos e deputados batuqueiros, caralsoleiros, negacionistas varios, xandocos, mocolongos anti-vacinas "porque disque che inxectan un microchip" e pseudocientíficos bebedores de lexivia a quen contaxiar e facelos contaxiadores de vez..." Penso que Covid seguía falando cando me venceu o sono xa de manhacinha.
Cando acordei, aínda pensaba no tema. Pensei que a pandemia era unha como unha riada que saca toda a merda a flote. Que ten o seu mérito este goberno por sobrelevar esta crise carregando coas rémoras da dereita tricéfala a quen se une agora a lamprea dos Peares. Outro fachendoso a amolar a Simón. Outro máis. Neste país, se es educado, axinha te toman por parvo. A toro pasado todos sabemos que Simón se trabuca, que podía ter feito así ou andando...vale pois que dimita Simón pero, quen se pon no seu lugar ?...Ti ?! Home, por favoor ! O "Posturitas" non, desde logo. O "Posturitas Felón" non ten vergonha, nin máster nin medio dedo de fronte. Foi posto aí por unha "alianza de perdedores" e non para de perder sempre a rebufo de vox
O melhor é que xa estou na casa e xa recuperei o olfato e o tufo da Celulosa !