Calros Solla
Os sucesos de Nueva Puebla: A matanza dos cinco Ventín (II)
En Zamora, o 2 de setembro de 1936, a preguntas do xuíz instrutor, David Méndez Domínguez, de 27 anos, natural do lugar de Sotillo (Cobreros-Zamora), xornaleiro na obra do ferrocarril e afiliado á CNT, declarou que: "sobre las ocho de la tarde del citado día veinte, le entregó una escopeta un tal Manuel Ventín, con la que hizo guardia en la carretera y frente a Campamento hasta las once, que se acostó hasta las cuatro y media de la mañana del día veintiuno, enterándose por la mañana de que iba ser asaltado el puesto de la Guardia Civil...".
O 10 de setembro o comandante de Infantaría José de Mora y Requejo foi substituído na instrución da causa 513, verbo dos sucesos de Nueva Puebla, polo alférez Antonio de la Hoz Rodríguez.
En Zamora, o 6 de outubro de 1936, Perfecto Ventín compareceu perante o xuíz e prometeu dicir a verdade. Perfecto Ventín Barreiro tiña 54 anos, estaba casado, exercía a profesión de capataz de canteiros, era natural de Quireza (Cerdedo) e estaba aveciñado no Campamento de Nueva Puebla.
O xuíz instrutor preguntoulle a Perfecto Ventín Barreiro se era certo que, o día 21 de xullo, xuntamente cos seus sobriños Manuel, "Arentino", Olegario e Ramiro "Eloy", obrigaran a todos cantos se atopaban polo camiño a subir aos camións, dicindo que ían a Puebla (a uns 11 km de distancia) a implantar o comunismo.
Perfecto Ventín respondeu que non era certo, que el non tivera participación ningunha nin coaccionara a ninguén para que subisen aos camións.
O xuíz, vendo que as declaracións de Perfecto Ventín Barreiro entraban en contradición coas de Manuel Lorenzo Campos (tamén detido), ordenou ese mesmo día 6 un careo entre ambos os dous.
Na dilixencia de careo, Manuel Lorenzo afirmou que vira a Perfecto Ventín armado de escopeta arredor do cuartel do Campamento de Nueva Puebla. Así e todo, nesta ocasión Manuel contestou con evasivas ás acusacións de coacción vertidas anteriormente contra Perfecto Ventín. Perfecto Ventín, no uso da palabra, afirmou que, como xa dixera, naquela altura se atopaba no Campamento, pero que non levaba armas, e que era totalmente falso que coaccionase ou obrigase a ninguén a subir aos camións. O xuíz considerou as acusacións de Manuel Lorenzo "debilitadas por completo". Perfecto Ventín pediu que o seu testemuño fose corroborado polo garda civil Domingo Blanco, "herido en el ataque por parte de los obreros". (Perfecto Ventín amenta a un Domingo Blanco, mais, ao parecer, o garda civil aludido chamábase Domingo Rodríguez). Perfecto, co seu puño e letra, asinou ao pé: "Perfecto Bentín Barreiro".
O 6 de outubro tamén compareceu perante o xuíz Manuel Ventín Rivas, de 29 anos de idade, casado, de profesión canteiro, natural de Codeseda (A Estrada) e aveciñado no Campamento de Nueva Puebla. Prometeu dicir a verdade.
Manuel Ventín negou ter participado nos sucesos do Campamento, negou ter estado alí, pois estaba durmindo a sesta cando oíu o rebumbio dos camións e as explosións das bombas. Afirmou, así mesmo, que non coaccionou a ninguén para que subisen aos camións. Manuel, co seu puño e letra, asinou "Manuel Ventín".
O 6 de outubro tamén compareceu perante o xuíz Perfecto Erundino Ventín Rivas, de 28 anos de idade, casado, de profesión canteiro, natural de Codeseda (A Estrada) e aveciñado no Campamento de Nueva Puebla. Prometeu dicir a verdade.
Erundino Ventín negou estar presente no Campamento a tarde do asalto, xa que estaba na súa casa, dende onde escoitou as explosións das bombas. Tamén negou ter coaccionado ou obrigado a ninguén a subir aos camións co obxectivo de marchar cara a Puebla. Perfecto Erundino, co seu puño e letra, asinou "Perfecto Ventín".
O 6 de outubro tamén compareceu perante o xuíz Olegario Ventín Rivas, de 24 anos de idade, casado, de profesión canteiro, natural de Codeseda (A Estrada) e aveciñado no Campamento de Nueva Puebla. Prometeu dicir a verdade.
Olegario Ventín afirmou estar na casa o día do asalto e que, ao oír as explosións, pechouse no seu cuarto, do que non saíu até despois de cesado o tiroteo. Tamén negou ter coaccionado ou obrigado a ninguén a subir aos camións. Olegario, co seu puño e letra, asinou "Olegario Ventín".
O 6 de outubro tamén compareceu perante o xuíz Ramiro Lois Ventín, de 21 anos de idade, solteiro, de profesión canteiro, natural de Piñeiro (Quireza-Cerdedo) e aveciñado no Campamento. Prometeu dicir a verdade.
Ramiro Lois declarou que o día do asalto estaba durmindo. Espertárono as detonacións e, por medo a que lle pegasen un tiro os obreiros, saltou por unha ventá e botou a correr cara ao monte. Negou as acusacións de coacción. Ramiro, do seu puño e letra, asinou "Ramiro Elois Ventín".
Na documentación procesual, o apelido Lois vai ser transcrito "Eloy", "Elois" ou "Eloys". O nome Erundino vai ser transcrito, de primeiras, "Arentino".
O día 8 de outubro de 1936 compareceu perante o xuíz o garda civil Domingo Rodríguez Barrio. Rodríguez Barrio identificou a Manuel Lorenzo Campos como un dos principais dirixentes do asalto ao cuartel da Garda Civil de Campamento. E preguntado pola actuación de Perfecto Ventín e dos seus sobriños, respondeu que, por "rumores de dominio general", os citados eran "significados izquierdistas revolucionarios".
O 10 de outubro de 1936, Antonio de la Hoz Rodríguez, xuíz instrutor da causa contra os Ventín e outros, chamou a declarar ao alférez da Garda Civil de Puebla de Sanabria Alonso Marino Prieto, que participara na defensa do cuartel do Campamento o día do asalto. O alférez Alonso Marino Prieto, "por no poder abandonar su servicio", declarou o día 23 en Puebla de Sanabria, sendo remitida a súa declaración escrita a Zamora.
Nas súas manifestacións, o garda civil Alonso Marino Prieto, de primeiras, nomeou un por un os principais asaltantes do cuartel do Campamento de Nueva Puebla: 20 dos nomeados xa foran detidos e 65 "y otros muchos" estaban fuxidos. Entre os citados polo alférez Marino Prieto non figuran os Ventín de Cerdedo.
A continuación, o xuíz preguntoulle ao garda civil Alonso Marino se Perfecto Ventín Barreiro e os seus sobriños Manuel, Erundino, Olegario e Ramiro "Eloy" Ventín se atopaban entre os asaltantes ao cuartel ou se, pola contra, se puxeran ao lado da forza pública. O alférez respondeu que "todos estos individuos, tanto tíos como sobrinos, desde antes del Movimiento, eran conocidos como de ideas revolucionarias, y el veintiuno de julio tomaron parte directa en el asalto al puesto de la Guardia Civil del Campamento". Parafraseando a Groucho: "se non lle gusta a miña declaración, teño outra".
O 27 de outubro de 1936, o xuíz De la Hoz Rodríguez procesou a Perfecto Ventín Barreiro, Manuel Ventín Rivas, Perfecto Erundino Ventín Rivas, Olegario Ventín Rivas e Ramiro "Elois" Ventín, xa que "dada la significación extremista de los acusados, se pueden apreciar indicios suficientes de criminalidad y, al mismo tiempo, participación directa y voluntaria en los hechos que se les imputan" e tamén que "los hechos realizados por los acusados son claramente constitutivos de un delito de rebelión militar". Os Ventín continuarían en situación de prisión provisional incondicional comunicada.
O procesamento dos Ventín baseouse nas declaracións do garda civil Alonso Marino Prieto, nas declaracións do canteiro de Beariz Manuel Lorenzo Campos (tamén procesado) e mais nas do garda civil Domingo Rodríguez, a cuxo testemuño se acollera Perfecto Ventín. O garda civil Domingo Rodríguez (que Perfecto nomeou Domingo Blanco) declarara: "Tanto el Perfecto como sus sobrinos eran significados izquierdistas revolucionarios".
Continuará...
- Campamento de Nueva Puebla (ou de Santa Bárbara).
- Prisión provincial de Zamora