Antón Roel Villanueva
Fotos que nos fan cóxegas no corazón
Estaba soíña inclinada cara diante cos cóbados apoiados no carriño da compra, as mans abertas sobre as meixelas e a vista cravada nunha vella fotografía ampliada e colocada na parede á entrada do super, a foto, como un espello dun tempo fuxido, tiña engaiolada a velliña vestida toda de negro onde destacaba o cabelo branco de neve ben peiteado nun rostro cheo de engurras, sorrinte, non daba credito a verse representada nunha foto nun super tanto tempo despois.
Ela que fora lavandeira. Estaba a ollar unha vella foto das lavandeiras do río do Gafos, mulleres traballadoras, humildes cas mans desfeitas polo xabròn Lagarto, a friaxe da auga xelada e a lixivia sempre con sabañóns, lembra que non tiñan para luvas e cubrían as mans feridas con panos pois tiñan vergoña de mostralas. Estaba ali orgullosa e os seus recordos retrocedían noutro tempo de fame e penuria cando as mulleres do barrio da Virxe do Camiño como ela ían lavar ao lavadoiro da Ponte Boleira a carón do Gafos e neste tempo de inverno cando chovía tiñan que ir moi cedo para coller sitio debaixo da ponte e despois de lavar, cargadiñas cos caldeiros e as tinas de zinc, que pesaban o dobre pois chovendo non podian escorrela e póla secar nos praderíos das beiras do río como facían no tempo de verán.
A publicidade é unha inversión que a derradeira fin é vender máis e gañar máis cartos pero hai publicidade ben feita que vende o seu produto pero tamén indirectamente vende valores e virtudes do luar onde os vende e resalta as virtudes dun pobo e axúdanos na nosa autoestima como galegos a sentirnos orgullosos de ser como somos. En resumidas contas, o vivir falar e sentir como o que somos, sen ningún tipo de complexos. O facer anuncios no idioma que falamos a cotío promocionando e dando a coñecer lugares e costumes nosas, axudándonos dalgún xeito de valorarnos e sentirnos orgullosos do noso país resaltando as nosas virtudes e tamén os defectos, sen complexos de ser coma somos. Tamén poñendo fotos antigas de oficios e tradicións xa extinguidos, pero que aínda permanecen na nosa memoria como fai unha coñecida cadea de super, mirando vellas fotografías axúdanos a non esquecernos de parte de nosa historia que tiñamos esquecida.
A min gústame esa publicidade aínda que sexa por interese de vender máis. Sae a velliña coa compra e bótalle unha ollada á vella foto e pensando: a pesares de todo o que pasamos e isto que nos veu agora aínda seguimos aqui eu e máis o río que vai cheo de bágoas das lavandeiras, as miñas compañeiras da alma que xa non están entre nós. Lembra que, cando a deixen ir visitar unha irmá que ten na residencia, ten que contarlle que saíron nun retrato que está nun super na rúa de Vigo, e marcha orgullosa tirando do carriño, pensando que cando chegue ten que pór a lavadora.