Manuel Pérez Lourido
Escornavirus
Cando me quero meter con el, o que sucede acotío, chámolle "escornavirus" ao coroavirus, aínda que nos momentos de máis noxo o que lle chamo é COVID-19, poñéndoo á altura de C3-PO e outros inventos do defunto George Lucas. Cadaquén leva a carraxe que lle da todo isto como pode.
Carraxe da tamén ver convertida a pandemia nun argumento político no que priman máis os interes dese ámbito ca o interese xeral da saúde da xente… a ese tipo de carraxe non hai maneira de metela en cintura. Váiseche das mans en cando prendes un medio de comunicación (un medio que comunica o que lle interesa aos que sosteñen economicamente ese medio), váiseche das mans que o que piden é labazadas como se con elas se puidesen espelir a tanta xente de baixa catadura moral, que só pensa no seu cu (o que o ten medo, e polo tanto só pensan no medo que teñen). Teñen medo de perder o posto, o soldo, a posición, o chofer, o secretario, os contactos, as relacións, os privilexios….
Unha das escasas virtudes do escornavirus foi retratar, outra vez máis, a tanto cargo que só é unha carga para o país. Tanto representante que só se representa a si mesmo, e mesmo así fai unha representación calamitosa. Houbo tanto espectáculo dende o comezo da pandemia que nalgúns casos saiamos a show diario. Como chegaría este/esta aí? era a pregunta horrorizada.
Outro dos asuntos que amosou ás claras a pandemias, convertendo nun berro algo que se escoitaba polo baixo, é a indescritible situacións das residencias da terceira idade, principalmente as de carácter privado, autenticas trampas sen saída neste momento de necesidade. Xa se está a falar dunha lei que regule un pouco ese barullo, porque claro, todos estes anos saía máis a conta ollar cara outra parte, ata que xa non houbo maneira de desviar a ollada.
E outra consecuencia máis do noso inimigo escornavirus: o espallamento do odio teimudo contra Amazon, o demo, o inimigo mortal do benestar do comercio de proximidade, a orixe de todos os males que padecen as tendas de barrio… porque, claro, as demais transnacionais que temos ao noso carón, de patente galega algunha, esas si que fabrican aquí ou cando o fan fóra, teñen aos traballadores nunhas condicións de luxo… canta hipocrisía, canto sangue de orchata, que sinalan de xeito fariseo a uns, no canto de considerar a complexidade do asunto. Cando o que fixo que aparecese no ollo do furacán a empresa de Bezos foi o tremendo pulo que experimentou cando a xente tivo que mercar dende a casa porque non podía saír dela. Nese momento os mellor colocadodos eran aqueles que estiveran a xestionar moi ben o seu negocio todos estes anos. E si, a min págame Amazon un soldo cada mes, dame un sobre como aqueles de Bárcenas.