Marta Rodríguez Engroba
O lucrativo negocio da dor. A fórmula infalible para perpetuar a violencia de xénero
A gran maioría dos que me coñecen polo meu traballo no eido da violencia de xénero tiveron, nalgún momento, ocasión de escoitarme dicir algo que, me consta, nin é "politicamente correcto", nin gusta a moitos, pero que, pese a quen pese, é unha realidade.
Que ao abeiro da violencia de xénero se xerou un negocio algo máis que suculento para moitos, que atoparon, nunha lacra tan dolorosa, unha fonte de ingresos e un salvoconducto para progresar, nalgúns casos, política e socialmente.
De feito, creo que isto se incrementou, e de xeito notable ademais, neste caótico ano que estamos a piques de rematar e que convertiu a violencia machista, as súas vítimas, nas grandes esquecidas, pero máis utilizadas que nunca cando e polo que interesa, como deixou patente, sen ir máis lonxe, o pasado 25N, no que os xa tradicionais postureo e posta en escena lograron superar aos de anos precedentes, malia as restriccións vixentes pola pandemia.
Medraron tanto como a desprotección de quen sufre os malos tratos na sua pel, así de claro.
E, para axudar a reafirmar a miña teoría, que ogallá fora tan so eso, unha teoría sen fundamento, hai un par de días, botando unha ollada a unha revista, atopei unha "noticia" que, ademais de deixarme "ojiplática", é o exemplo perfecto do que acabo de manifestar.
Contaban nela que unha tal Amber Head, modelo e actriz, seica, e non digo que non sexa así, pero que é máis coñecida por ter sido a parella dun actor, concretamente Johnny Deep, polo cal manifestou ter sido maltratada durante os dous anos que durou a súa relación, acaba de firmar un contrato para impartir charlas sobre os dereitos das mulleres,e, máis concretamente, sobre violencia de xénero, polas que se vai embolsar nada menos que 27000 euros! por cada unha delas.
Algúns medios xa a denominan como "nova oradora contra a violencia de xénero" e reflicten a intención da "estrela" de espallar unha nova imaxe da súa persoa amosándose coma unha muller solidaria e entregada a causas sociais…..De traca!.
Isto que é, a todas luces, un mercadeo indecente coa violencia machista, coa dor que provoca, e coas vidas que se cobra, non é, nin moito menos, algo que suceda exclusivamente máis alá das nosas fronteiras, nin moito menos, se non que no noso país está moi presente, medrando ademais de día en día, contando, ademais, co beneplácito dunha gran maioría dos que teñen a potestade de poñerlle freo, pero non o fan porque tamén eles saen beneficiados neste negocio, porque isto é a violencia de xénero para moitos….e moitas!, un grande e lucrativo negocio.
Tal vez non se manexen cifras tan astronómicas como as que vai cobrar esta muller tan "solidaria", pero si que máis dun peto se enche, e se non é en forma de cartos, hai moitras outras prebendas tanto ou máis apetecibles.
Así as cousas, cargos, despachos, sustanciosas subvencións para "chiringuitos de ben", orzamentos xenerosos para grupos de estudo ou obradoiros varios dirixidos por "elixidos", ou tamén, como no caso do exemplo, para impartir conferencias ou pagar sen escatimar a alguén famoso que dea lustre, por poñer algunhos exemplos, son o pan noso de cada día.
Tanto ten o que saiban de violencia de xénero.
De feito, as veces nin siquera se ten en conta, algo vital, a súa solvencia ou saude psicolóxica e moral, que, nalgúns casos e por diversos motivos, non sobran, sen pararse a considerar o tremendo e tal vez irreversible dano que poden chegar a causar, e de feito causan, cando son escoitados, como sucede as veces, por mulleres que están a ser vítimas de violencia de xénero e, porén nun estado emocional sumamente vulnerable e influenciable, chegando a crer e mesmo a elevar a categoría de referente a quen non está máis que a espallar veleno e, ollo, o máis importante!, a facer caixa.
Non deixa de resultarme especialmente chamativo, ademais, que ante algo tan obvio, moitos e, sobre todo, moitas, das que din defender os dereitos das mulleres, das vítimas da violencia machista, sempre fican en silencio, e, reflexionando sobre o tema, cheguei a unha conclusión que, non sei se sucede noutras cidades, pero na miña, Lugo, este silencio ten unha explicación máis que lóxica:
Como van protestar, se moitas das que enarbolan pancartas, ou arremeten contra o sistema, son as primeiras que se están a beneficiar del, ou mesmo viven del?
Por non falar de quen se queixa de revitimización, pero non dubida en recrear unha e outra vez a súa condición de vítima, por máis anos que pasen, e en cobrar por él, contando ademais, co apoio incondicional daqueles que manexan os fios, que tamén saen beneficiados, xa que "viste" moito ter ao seu carón alguén que sufriu violencia de xénero e que saca peito polo eido que sexa máis conveniente, que, sen dúbida, llo agradecerá como merece.
Evidentemente, presentarse como supervivinte da violencia de xénero e asumir ese rol dunha vez por todas, condición por certo, que eu crin, agora vexo que inxenuamente, que era algo ao que todas as que vivimos esa dolorosa experiencia aspirábamos e polo que loitábamos, non é algo, para este tipo de personaxes, que pague a pena, xa que, de ser así, adeus negocio!, polo que revitimizarse é un xeito de vida, un aspecto máis do seu traballo.
Ninguén semella darlle importancia ao feito de que nada ten que ver contar a propia experiencia tentando que sirva de axuda para outras mulleres, animándoas a que tenten sair do seu inferno, sen outro ánimo que non sexa este, con rentabilizar cada minuto, cada ferida, cada berro do que se di ter vivido, perpetuando así a condición de vítima, porque convén.
A violencia de xénero, reitero, é un negocio moi lucrativo para moitos, para demasiados, que non soamente non teñen ningún reparo en beneficiarse de tanta dor, se non que non se decatan, ou non se queren decatar de que están contribuindo dun xeito máis que eficaz a perpetuala, porque, quen quere matar a galiña dos ovos de ouro?
Asociación Si, hai saída