Pedro J. Peón Estévez
Bonecas de cera II
Nun anterior escrito abordei moi brevemente a música francesa dos meus anos mozos con creadorxs e intérpretes que eu denomino con saudade "Mes chères françasises".
Referíame eu daquela, e de maneira moi resumida, ó movemento feminino ye-yé francés na segunda metade dos anos sesenta e a primeira dos setenta, que tanta sona tivo na Europa de entón. Foi a idade de ouro dos pop británico e mediterráneo, punteiros da moda xuvenil no mundo de entón. Pensar arestora que algunhas actitudes e cancións daquel tempo foran prohibidas en certos países é algo moi difícil de comprender. Ou non. Lembro cando a Guerra do Golfo (dos golfos, máis ben) foran prohibidas cancións tan sinxelas e pacifistas como "Imagine" de John Lennon e "In the army now" de Status Quo. A Besta axinha amosou os afiados cairos en vendo perigar o seu negocio de morte e terror. E a Besta non morreu, só dorme. Ténhano ben presente. Alguns artistas franceses tamen sufriron a sempre absurda censura. Recordo a Johnny Halliday por "Jesus Christ était un hippie" e Gainsbourg-Birkin por "Je t'aime, moi non plus", por ponher algúns, pero tamén Jacques Dutronc e George Brassens padeceron "degaulliennes reproches" universalizando aquelo de "en tódo-las partes espiga o pan". E non ten volta; é o que fan tódo- los tiranos á primeira ocasión: prohibir cantar e queimar libros. Non falha.
Abordaba eu naquel entón, e de pasada, o movemento pop francés que, lonxe de ser van e populacheiro, foi evoluíndo -melhorando- dentro de si ate deixar unha fonda impronta no patrimonio inmaterial francés e universal. Esa corrente identitaria da xuventude occidental dos 60-70, moi logo habería de invadir o planeta. Foi a primeira invasión pacífica da historia. Era a de "Fai o amor e non a guerra" Vaiamos a po-la segunda, definitiva e moi urxente e necesaria: a de "Outro mundo é posible".
Citaba eu, en "Bonecas de cera", as cantoras loiras, caso do triunvirato Hardy- Vartán - Gall de longas e exitosas carreiras, pero non só; ( non lho digan a ninguén pero a minha preferida era Marie Laforêt ). Foron centos, loiras e morenas. Unhas, verdadeiras estrelas fugaces. Outras, auténticas supernovas, hogano clásicas, imprescindibles, das que aínda contan fans por milhóns. Tamén eles, cantores e compositores deixaron impronta. Achegarémosnos a eles outro día.
Noutro orde de cousas... por que divido estas donas cantoras en dous grupos: loiras e mouras? Hai algo discriminatorio ou ofensivo nisto? Espero que non, soamente trato de amosar unha tacha que, lamentablemente, aínda se dá en círculos franceses e estadounidenses, afortunadamente cada vez máis reducidos, que fan chistes de loiras tontas e superficiais, cousa que non se ten dado de Pirineos para abaixo (que se saiba). A propia Lisa Simpson manifestou a súa rebeldía ante este tipo de absurda discriminación nun dos capítulos da serie. Outro tanto ten soportado a carismática Brigitte Bardot pero o prototipo de loira lela foi a mítica Marylin Monroe. Esta dona era tan intelixente que conseguiu acadar o Olimpo de Hollywood convertendo a súa vida na interpretación contina do papel de parva, como ben deixa entrever en "Os cabaleiros prefírennas loiras". Pode que a súa vida acadase tan tráxico final por mor dun longo conflicto entre persoa e personaxes. Nunca o saberemos. Daquela queda claro o por que certos cabaleiros as prefiren loiras: por que as consideran máis accesibles por pouco asisadas dando por bo o prexuízo de louras = parvas e morenas = listas. Estas últimas eran vistas con receo pois, queiras que non, o home sempre temeu a intelixencia na muller. Non lembro tal actitude entre a xuventude sesenteira. Reconhezo que ós mozos do noso tempo, en tanto que latinos, nos atraían moito uns olhos azuis e un cabelo dourado pero nunca entraba a intelixencia no xogo (lembro agora á abraiante Marisol e o tolos que estabamos todos na escola por ela). O certo era que case sempre rematabamos emperelhados cunha moza morena. Sería tamén por que eran máis abondosas.
Ye-yés morenas (ou, cando menos, non louras) eran as dúas Chantal, Goya e Kelly,
ambas abondo famosas no seu tempo coas cancións "La poupée" e "Les poupées d'aujourd'hui" respectivamente, moi ilustrativas do momento. Cleo foi unha beleza de pelo acibeche que cantaba "Les fauves", un tema francamente bo na súa curta carreira. Máis curta foi a de Ann Ballester. Algo máis durou a de Claire Dixon, a quen paga a pena escoitar, o mesmo que a Elsa Leroy, cantora e actriz que rodou con J.L. Godard (Masculin-Feminin). Paga a pena pararse un pouco con Patricia Paulin ( Patricia de nome artístico pero patricias houbo moitas e esta localízase melhor co apelido). Era unha moza de semblante algo triste cunha cálida voz de gran calidade. Foi musa do gran compositor Michel Berger, quen non tardaría en casar coa xenial France Gall. Esta Patricia mereceu moito máis reconhecemento, dado o seu grande talento. Tamén a doce Delphine, que gravou tres EPs máis que interesantes. Naquela altura levábase gravar en EP, un vinilo de 45 rpm con dous temas por cara. Moitas, demasiadas artistas non pasaron do primeiro. Non deixen de escoitar a Christine Lebail, "La permission de minuit" ou a marchosa "Pourquoi pas moi" pagan a pena. Esta intérprete tinha o pelo ben preto nos seus comezos pero foilhe clarexando de vagar. Non foi un caso ilhado; suponho que eran esixencias do mercado. Merece mención aparte unha xovencísima Stella, intérprete netamente ye-yé de moi comercial repertorio moi ben excutado cun timbre vocal case idéntico ó de France Gall. As súas músicas son alegres, cheas de bo humor, pero as letras...as letras son demoedoras!, todas da sua autoría, sarcásticas e críticas a máis non poder contra certas modas e figuras consagradas do movemento. Gravou o primeiro EP con apenas trece anos. Despois vinheron máis unha ducia deles con cancións sempre escritas por ela sobre músicas dun tío seu. Chamábana a anti ye-yé francesa. Non sabería definila, canto máis a oio máis me parece un George Brassens feminino. No 69 ficou en silencio e reapareceu irreconhecible, dalí a un tempo, reconvertida en cantante dun grupo -Magma- e sen o look de fedelho rebelde, sen o curto cabelo escuro que substituiu por loiras guedelhas. A metamorfose era total; cambiou mesmo de estado civil e de estilo artístico. As devanditas só son unha pequena mostra dos centos de mulleres que cantaron en francés con maior ou menor fortuna, dirixidas na sombra por algún "pigmalión" pero non sempre. Tamén se deu o caso de haber unha gran muller tras un home ou outra muller. Como Alice Dona que comezou como cantante ye-yé alá por 1963 para exercer como autora e intéprete a carón dos melhores, como Lara Fabian, Serge Lama, Joe Dasin e un longuísimo etcétera incluída a supernova que estaba a piques de estalar no sur do país pois daquela ninguén podía sospeitar que en Avignon, a pouco da Costa Azul, ía irromper no mundo da música a maior dos catorce filhos dun marmolista: a pequena- grande Mimi, o rusinhol de Avignon, a fabulosa Mireille Mathieu! Escuso falar desta dona pois xa está todo dito sobre ela. Os seus números son de récord; a súa carreira comezou alá por 1963 e coido que aínda non rematou; gravou así como 1200 temas en once idiomas; vendeu 190 millóns de discos; tódo-los compositores porfiaban por que cantara os seus temas; tódo-los mandatarios do planeta querían facerse a foto con ela; en tódo-los seus concertos penduraron o cartel de "non hai bilhetes". Aínda me emociona oir o seu "Paris en colère", himno da liberación de París. Debe de ser porque nós nunca fumos liberados. Con todo, unha canción dela que me encanta é "La chanson du Troley", quen me conheza saberá por que. O mesmísimo Ennio Morricone escribiu dous temas para ela. Dese xenial autor, "Un jour tu reviendras", da banda sonora de " Cera una volta il west " na voz da Mathieu é algo sublime. Non fai falsete; non o precisa; a esa miudinha mulher sóbralhe voz.
Daquel tempo tamén é a virtuosa Marie Noëlle Neveu nacida en Amiens (patria adoptiva de Jules Verne) en 1948. Con dezaseis anos, a moza ten todo o que se precisa para triunfar no mundo da canción: creatividade; compón os seus propios temas, letra e música; é moi expresiva e posúe un rexistro vocal cheo de matices. Xeralmente aconpánhase dunha guitarra que manexa con soltura. Con esta equipaxe e disposta a triunfar polos seus propios medios, vén a Espanha á novena e derradeira edicción do festival do mediterráneo. Alí participa coa súa canción "Mon rêve c'est mon jouet" e comparte a actuación cun tal Ives Mathieu. Era 1967 e no ano seguinte volve para participar no primeiro festival da canción da Costa Do Sol en Málaga. Esta vez o segundo intérprete é Cristian Dupont e o tema, tamén creación de Marie Noëlle, é "C'est comme une..." O seu paisano Johnny Halliday actuou no fin de festa e outra heroína solitaria, a nosa grande Ana Kiro, acadou o terceiro posto con "El apartamento". Este tipo de eventos eran simples reclamos turísticos. Os demais países mediterráneos participaban só para dar un toque de internacionalidade. A Marie Noëlle gravoulhe Belter un EP en cada edicción. Iso e máis rodar tres cancións para o programa Teleritmo foi canto conseguiu a moza nas dúas incursións espanholas. Marie Noëlle intentou acadar notoriedade por tóda-las vías, mesmo adoptando varios alias. Como Emile Noë gravou "Souviens-toi", un tributo ós Beatles e como Èmelyne, a banda sonora do filme "Il Testimone", unha excelente interpretación sobre música de Piero Piccione que ficou case no anonimato pois ninguén se dignou a mencionala pese a que o resultado foi unha estupenda balada debida nun 90% á preciosa voz e "savoir faire" dela. Nuns doce anos de carreira aínda compuxo e gravou varios temas de corte naturista, ecolóxico, adiantándose ó seu tempo. Os seus personaxes eran a bolboreta, o bosque, o peito roibo. Cantaba á amizade (Bonsoir Nathalie) e amosou potencia vocal en "Crois-moi". Cantou á "Estrela da tarde" (o seu tema máis ye-yé). Marie Noëll era guapa, talentosa e cunha voz máis que bonita, en fin; que o tinha todo para acadar fama internacional pero ficou pouco menos que no anonimato porque tamén había detalhes que xogaban na súa contra: era morena e, por se fora pouco, intelixente e iso daquela non se perdoaba. Non escribiu letras románticas ou pícaras, non explotou o sex-appeal, non tivo un mánager ambicioso e todo o mundo sabe que sen unha promoción milhonaria non te conhecen nin na casa. Como dicía Stella parodiando a Sylvie Vartan: Se eu canto/ Non é por ti/ Non é por el/ Non é por min.....É pola guita, é pola pasta, é pola tela, polo parné...E non ten volta. Marie Noëlle nalgún momento entre décadas 70-80 converteuse en Mme. Boiteux. Sendo honrada non triunfou no turbio mundo artístico pero si como nai e esposa. Na década 80-90 aínda recibiu varios encargos para gravar algunhas sintonías de series infantiles de debuxos como a exitosa Georgie. Barbie, Ferdy e Son Goku foron outras que sen ser vedadeiros hits amosan a indiscutible calidade profesional da dona, cousa que agradecemos os fans. Coido que Francia debería reeditar a súa obra e darlhe o reconhecemento que inxustamente lhe negara. Aínda que sexa a título póstumo.