Javier Carballo de Jesús
Que "Baia" ben!
Pechando a axenda deste ano 2020 non podía deixar de desfacerme en lamentos. O que ía ser o mellor ano da miña vida veuse lastrado por mor dunha pandemia mundial, que nunca pensei vivir.
Escomezaba a andar co meu libro de pobo en pobo, perfecto de saúde e se todo ía ben na metade do ano graduaríame en Relacións Laborais na compaña de amigas e amigos cos que compartín gran parte da miña traxectoria académica.
Pero non foi así. O 8 de marzo tiven que facer a miña última presentación. A cultura (coma moitos outros sectores) precintouse por mor do virus, pese a ter demostrado que nos entornos culturais a seguridade é prácticamente total!
A miña saúde veuse resentida por unha hepatite e estiven ingresado 15 días durante o pico máis alto da pandemia. Dende aquí o meu máis agarimoso agradecemento ao persoal sanitario, en especial a Mari Jose Saborido (auxiliar da 5ª planta do clínico) por coidarme tanto e tan ben.
Por último, coma todos os estudantes de grado de último ano, non puidemos despedir como se merece a que se di "mellor etapa das nosas vidas", a universitaria.
E logo, volta a comezar! pandemia, mais pandemia, segunda onda...
Pero cando pechei definitivamente a axenda o pasado 29 de decembro (día no que cumplía 23 anos), un golpe de realidade estampouseme na faciana en forma de Tik Tok ( esa rede social que existe dende vai bastante tempo pero se fixo tendencia no confinamento). Baia Fernandez, á que admiro profundamente, colgou naquela rede a seguinte reflexión:
"Vos sabedes que hai persoas que se tiran ao mar cos seus fillos sabendo que probablemente non van saír dese ma. E ainda así tíranse porque o que queda nos sitios onde vivian, onde estaba o seu traballo, ocio e familia, quedou reducido a nada! a escombro. A cinsas. Vos sabedes que esa xente existe a día de hoxe e que leva anos existindo, non? Ahora despois de escoitar isto, se ves que tal dalle un repaso ao teu 2020, a ver se foi tan dramático como pensabas".
Entón, ao ver esta mensaxe, so puiden lamentarme polo egoísmo que de serie leva o ser humano. É verdade, foi un ano malo. Malísimo. Pero aínda así, publiquei un libro, recupereime da hepatite, gradueime, puiden estar ao carón da miña familia e tiven a gran sorte de que a ningún dos meus lle pillou o virus. En realidade tampouco foi tan malo no persoal. Seguro que o 2021 e o 2022 irá mellor. Mentres tanto, sigamos sendo combativos contra todos os virus, contra o cancro, contra o machismo e a pobreza, lacras sanitarias e sociais que tanta xente sufre cada día.
Ala, coma di Baia: Que vaia ben!