Xesús López Fernández
Sobre corrupción
Coido que na raiz da crisis que estamos a sofrire está fundamentalmente a corrupción como norma ética dos grupos de presión, os que dictan as normas que os políticos presuntamente beneficiados van convertindo en leis. Medio ambiente, economía, democracia, política fiscal, todo parece estordegado mentres non se produza o necesario tsunami social que se vexa coroado coa reposición da independencia xudicial. Pero parece estamos xa fóra do tempo da esperanza e que ésto non ten remedio. Que a sociedade está morta.
Pero neste momento e pra unha definición rotunda da situación que vivimos, vexo que poden valer unhas palabras ditas xa no 1950 por Ayn Rand, nada o dous de febreiro do 1905, en San Petersburgo, como Alissa Zinovievna Rosenbaum. Morrería nos EEUU en marzo do 1982, en Nova York. Deixémola falar no que parecen palabras pró noso tempo. Pra súbditos e gobernantes:
Cando advirtas que pra producire precisas obter autorización dos que nada producen; cando comprobes que o diñeiro flúe cara os que trafegan con favores, nunca con bens; cando percibas que moitos fanse ricos por sobornos ou por influencias mais que polo seu traballo, e que as leis non te amparan contra deles senón, pola contra, que son eles os que están protexidos contra tí; cando descobras que a corrupción é recompensada e a honradez convírtese en auto-sacrificio, daquela has poder afirmare, sen temor a che equivocare, que a túa sociedade está condenada. (Ayn Rand, 1950)
As palabras da escritoria e filósofa ruso-americáa resultan proféticas e teñen a frescura de calquer discurso rexeneracionista que de cando en vez oímos contra os escándalos que decote asoman na nosa sociedade e vocean os diversos medios de comunicación. Mellor será decir que non sempre afloran, que incluso xudicializadas moitas tramas do crime de diversa etnia que se dá no noso entorno, diríase que a acción popular terá de se conformare con algunha sentencia tépeda que non se vai executar, castrada como parece a Xusticia pra sancionare ós delincuentes.