Marta Rodríguez Engroba
Esixir xustiza alentando a violencia e o despropósito. A iso o chaman, algúns, loitar contra a violencia de xénero
En Lugo, a cidade na que vivo, comezamos o 2021 cunha mala noticia, a dunha presunta agresión sexual a unha menor, case unha nena, na que semella estar a convertirse nunha tráxica tradición, xa que hai un ano aconteceu o mesmo.
En canto os medios de comunicación se fixeron eco, as reaccións foron instantáneas, e, a medida que se ían producindo, en Si, hai saída íamos sentíndonos cada vez máis asustados.
Si, así, como soa, asustados ante o que íamos lendo e escoitando, mesmo chegando a recibir algunha mensaxe ou chamada nas que se nos instaba a posicionarnos XA e a emitir o noso "veredicto" públicamente, esquecendo, ou, polo menos, obviando, algunhas premisas que cremos son elementais.
Vaia por diante, antes de continuar, a nosa enérxica condena ante calquera forma de violencia sobre a muller, algo que cremos ter sobradamente demostrado, e que toda aquela que é agredida, sexa do xeito que sexa, conta co apoio incondicional de Si, hai saída e, por suposto, con toda a axuda que estea nas nosas mans prestarlles.
Así mesmo, como non podería ser menos, esiximos que a lei e a xustiza actúen con todo rigor, castigando aos agresores coa contundencia que delitos tan viles merecen.
Agora ben, dito isto, en primeiro lugar, ningunha destas persoas semellou ter en conta que a agresión, ata o momento, é presunta, e será a xustiza a que decida.
Nin eles, nin, evidentemente, nos, estabamos presentes no momento no que se produciron os acontecementos, descoñecendo, porén, o que sucedeu, e, se ben é comprensible que a noticia dunha agresión destas características suscite a indignación de toda persoa de ben, isto non nos otorga a facultade de xulgar, nin moito menos de sentenciar.
máis graves ainda, e isto é algo que nos alarmou sobremaneira, son as reaccións que clamaron pregando castigos algo máis que violentos para o presunto agresor, ignorando por completo a racionalidade que, se supón, como seres humanos, temos, ou deberíamos ter, algo, insisto, gravísimo, porque algunhos distos despropósitos mesmo partían de persoas que se autodenominan activistas, que din loitar contra a violencia de xénero e que se consideran capacitados para aconsellar e asesorar a mulleres que a están a sufrir……Tremendo!.
Non se pararon, nin por un momento, a considerar o dano que lles fan, nin, polo que semella, entenden o irracional da pretensión de paliar a violencia con máis violencia.
Isto pode dar unha idea de en que mans van caer moitas veces estas mulleres, e a dobre desgraza que lles provoca, porque son dobremente maltratadas: polo seu agresor, e por aqueles que din loitar para axudalas.
Tampouco, nos seus particulares esquemas mentais, ten cabida, polo visto, a reflexión de que as súas insensatas manifestacións, a súa particular "vendetta", e o veleno que destilan, poden chegar a entorpecer, e, de feito moitas veces o fan, a investigación e esclarecemento dos feitos, ignorando a prudencia máis elemental e ainda por riba criticando e cuestionando o traballo daqueles que teñen a obriga e a potestade de impartir xustiza.
Neste caso concreto, mentras continúa a investigación, a xuiza decretou prisión provisional para o presunto agresor, o cal quere dicir que a maquinaria policial e xudicial está a funcionar, e, se chegado o caso, se chega a conclusión de que non o fixo do xeito correcto, será o momento de esixir responsabilidades, pero nunca antes, nin moito menos tentando ocupar o seu lugar e asumir as súas funcións.
Non obstante, resulta fracamente curioso que moitos destes "gurús" que claman pola súa particular idea de xustiza, nunca, cando existe algunha irregularidade máis que manifesta, dean a cara, nin se manifesten como tanto lles gusta facer, pero claro, cando isto non lles complica a vida e lles reporta lucimento que é, en definitiva, o que persiguen coas súas indignas arengas.
En canto a nos, a Si, hai saída, afortunadamente, temos as cousas claras.
É evidente, e a nosa traxectoria así o avala, que, cando toca dar a cara, non nos doen prendas en facelo, malia que isto nos ocasione máis dun problema e nos cre algún que outro "amigo", pero cando toca, e agora non toca, ou, polo menos, non polo momento.
Tamén temos claras dúas cousas:
A primeira, que non somos xuices nin parte, polo que non somos quen para xulgar nin para sentenciar, e que isto tamén forma parte da axuda real as vítimas.
A segunda, que se hai un xeito letal e efectivo de contaminar, desvirtuar e facer estéril a loita contra a violencia de xénero é, precisamente, alentar a comisión de máis violencia.
E xa para rematar, se de verdade queredes axudar, un prego: PRUDENCIA.
Asociación Si, hai saída