Antón Roel Villanueva
A un olmo doente
Son un Olmo vello e sobrevivo na rúa Mariscal Pardo de Cela. Estou enfermo e pido axuda aos veciños, que cando o arranxo da rúa se opuxeron a que o talasen e coidáronme. Agora me teñen abandonado e preciso coidados e unha corta axeitada e un tratamento para os meus males, para que, cando chegue a primavera, volva xermolar e verdecer con novos folgos para embelecer a rúa, que volvan os paxariños a pousarse nas pólas e alegrar os veciños cos seus trinos. Os que non se opuñan a que me tallasen, agora utilízanme de parasol dunha terraza e como se fose un poste da luz colocaron un arame no meu tronco con bombillas para alumear os seus clientes.
De cando en vez, un xílgaro faladeiro e marmurador póusase nas miñas pólas e tráeme novas das outras àrbores da cidade, cóntame dos laios dunha vella Oliveira que a teñen engaiolada nun maceteiro como unha pranta sen espazo e esmorecendo que pide que sexa transplantada a un lugar mais axeitado onde poida respirar e vivir en paz os anos que lle quedan de viva, tamén contame do mal estado dos Laranxos da praza de Curros Enriquez e da do Teucro que, como fixeron cas Catalpas da Verdura, igual xa tiñan que ser substituídas por outras especies máis axeitadas. Cóntame o xílgaro falador que os veciños da rúa Laranxo botan de menos a àrbore que cortaron e non substituíron e nomeaba a rúa.
Cóntame o paxariño que o noso avó das árbores da vida, o Carballo de Santa Margarida, está doente cos achaques da idade e síntese abandonado como os vellos das residencias. Laiase de que non lle acaban de retirar a lousa de cemento que ten arredor e que afoga as súas raíces .As àrbores son seres vivos, fontes purificadores de osixeno e frescura, que en todas as cidades do mundo son considerados como pezas esenciais para a saúde publica e benestar da cidadanía. Ante a gran nevarada que caeu nestos días e que derrubou moitas árbores en Madrid, os expertos alertan da pérda da calidade do medio ambente, ca súa perda decatámonos da importancia nas cidades das arbores que purifican o ar e contribúen a mellorar a saúde dos cidadáns.
Boto moito de menos a miña amiga, a escritora Maria Victoria Moreno, que me daba aloumiños e decatabase de que as árbores falan e senten, e cómpre escoitalas porque temos sentimentos. Falábame dos poetas que escribían sobre nós: de Manuel Maria, Antonio Machado, Novoneyra, etc. Alegroume moito que pintasen un mural dela ao meu caròn, mágoa que se fora tan cedo, seguro que ela non permitiría que me teñan abandonado.
As árbores dan vida e embelecen as cidades. Son acubillo dos paxaros que cos seus trinos alegran as beirarrúas. As follas son esenciais para loitar contra a contaminacion e melloran o medio ambente e calidade de vida. Foi fonte de riqueza pra os nosos devanceiros como proteccion, alimento, madeira e leña. Pero non só se trata de plantar árbores, hai que cioidalos e tallalos a tempo para cando veñan os temporais non caian e provoquen accidentes e plantar os axeitados para cada lugar e cando se ten que tallar algún, axina substituílo. Das árbores que estiveron sempre con nós e fixéronos compaña, só nos acordamos delas cando non están