Juan José Esperón
Oficios dos veciños: Capador
Persoa que por oficio se dedica a capar animais. O capador viña polo camiño tocando o chifre. (RAG).
Hoxe tócanos o oficio de capador ou castrador, que era sumamente imprescindible fai anos nas aldeas.
A gran maioría dos veciños da parroquia de Cerponzóns criaban polo menos un porco na súa casa, era unha das bases donde xiraba durante todo o ano ter comida no salgadoiro, a non dispoñer de frigoríficos. Normalmente dabanlle de comer as lavaduras, algúns tamén aproveitaban e botábaselles no cortello, na maseira landras , mazás, castañas, nabos, verzas, patacas, millo etc. Deste xeito o porco tardaba sobre un ano e medio en engordar, listo para sacrificar.
A maioría da parroquia cando criaban o porco para despois consumir na casa, capaban o porco. Esa costume viña de muitos anos atrás, seica que o capalos, os porcos engordaban máis rápido. Hoxe en día sábese que os porcos sen capar medran e engordan mellor. Tamén o feito de capar os porcos era debido a que a carne sabía mellor, seica aqueles porcos que non eran castrados a súa carne tiña un sabor a mexo é o cheiro desa carne era desagradable.
Esto era debido a que nas partes grasas e nas glándulas salivares os porcos acumulan androsterona, producida nos testiculos. Así muitos dos paisanos preferían engordar unha femia, porque a súa carne sabía mellor…
Meu pai tivo durante muitos anos unha granxa de porcos, él,seguindo a tradición, capaba todolos porquiños machos, sendo eu o seu axudante. Daquela tiña muitos clientes carniceiros, que dispoñían de posto de venta na Praza de Abastos de Pontevedra, cando viñan a mercarlle os porcos, todos eles querían que estivesen capados, si estaban sin capar non os querían.
Os carniceiros sempre lle decían que non querían a carne que supese a "bravío".
Recordo pasar pola miña casa o capador, eran os anos sesenta e setenta, pasaba en cabalo e levaba un chifre ou asubío, o cal cada certo tempo é donde había casas, comenzaba a chifrar ou asubiar para que a xente supese que xa estaba o capador polo lugar, esto xa se perdeu, agora xa non asubían, nin veñen a cabalo, agora dan aviso co claxon da furgoneta, tanto o butanero como o que ven co pescado, é a veces, cada seis meses ou máis, pasa motorizado un descendente de aqueles paragüeiros tocando o chifre e anunciando que afila coitelos, pero como digo, de vez en cando.
Recordo que a época de castrar era entre os meses de febreiro a xuño como moito, cando o castrador viña polo lugar de Pidre e comezaba o seu aviso co chifre, os veciños da Rons xa o escoitabamos, o seu son indicábanos que era o castrador, tiña un son distinto ao paisano que arranxaba os paraguas, recordo de algún neno que se escondía cando viña o capador, dado que unha das formas que había daquela para asustar os máis pequenos, despois de facer unha trastada, era a de decirlle que cando viñera o capador ían facerlle o mismo que aos porcos…jajaja.
Na parroquia había varios veciños que tiñan habilidade suficiente para capar eles mismos, un de eses veciños era o señor José o da Rons, o muiñeiro, foi o que lle enseñou a meu pai a capar. O señor José tiña as súas tradicións e formas de facer a hora de capar, a máis curiosa era que para desinfectar a ferida que lle facía o porco, lavaba con viño tinto quente, e seica lle resultaba, nunca lle morreu ningún porco que pasou polas súas mans para capar.
Falando con varios veciños e veciñas sobre os seus recordos sobre este oficio, un deles recorda a un veciño da parroquia que facía a función de capador en varias casas, era o señor Lorenzo, O Mandila. Comenta este veciño que sendo pequerrecho na súa casa comprábanse todos os anos dous porquiños, ao cabo duns días chamaban O Mandila para que viñese a capalos.
O señor Lorenzo era un paisano de carácter tranquilo, as cousas facíaas pausadamente, os recordos sobre él son bos, aínda que quen me estivo contando este recordo dicíame que lle daban pena escoitar os gritos dos porquiños cando os capaba. Ségueme comentando que ao finalizar a faena a súa avóa ofrecíalle ao señor Lorenzo unha boa cunca de viño e un pouco de xamón, seguidamente sentábase á beira da palleira e coa súa forma pausada que tiña para todo, comezaba a falar do tema do día mentres comía e bebía sen présa ningunha.
Outro veciño que tamén realizaba este labor era do lugar de Meán, coñecido por todos como O Moreno. Tamén estaban os Cochón de Leborei.
Unha veciña ao preguntarlle polos capadores que viñan doutros lugares,recorda a varios, un deles de apelido Quintela, vivía na Cross. Despois viña un capador que tiña un gran porte, era alto e sempre levaba un chapeu de ala ancha, coñecíano como o Capador de Cuntis. Outro era un irmán de Agustin, o cuñado da Petela, non recorda o seu nome, pero si que sempre chegaba a parroquia en bicicleta.
A maioría dos capadores dispoñían de ferramentas para desarrollar o seu traballo, meu pai non precisaba delas, con unha folla de afeitar, unhas tesoiras, un coitelo e un bote de desinfectante era suficiente, eso sí, sempre co cuidado de que as ferramentas estivesen desinfectadas…
Moito antes de que houbese o spray morado que usaba meu pai, os que se dedicaban a este oficio tiñan as súas preferencias para desinfectar as partes cortadas, así o señor José facíao co viño, outros lles botaban auga con sal e había quen tiña un po branco, que se mercaba nas farmacias.
O paisano que desempeñaba o oficio de capador non era ben visto polos veterinarios, decían que non estaban aptos para levar a cabo esa función, mentras que os capadores comentaban que eran os veterinarios os que non tiñan idea de castrar. Estaban ben vistos polos paisanos, os veciños chamaban sempre os capadores, ata que pouco a pouco os veterinarios foronse facendo con éste traballo.
Hai que recoñocer que as formas en que tiñan de castrar eran un pouco salvaxe…pero para os que facían ese traballo era do máis normal, eu tamén o miraba así, mameino desde que nacín.
Normalmente o capador empregaba unha navalla adecuada para tal menester, xunto coa agulla e máis o fío para coser despois a ferida. Pero había algúns, dependendo a zona, que usaban o sistema do mazo. Segundo Sotelo Blanco, usaban ese sistema poñendo os xenitais do animal encima da temoncela ( pao longo que forma parte do carro) e golpealos cun mazo, desta maneira esmagaba o nervio. Tamén había a maneira de estrangular cos dedos o nervio, logo ataban os xenitais cunha corda para que fosen mirrando.
Cando era a época de capar os porcos que tiñamos na granxa pasabamos varios días capando, podiamos capar uns cincuenta ao día. A min tocábame suxeitar ao porco, tiña que coller coas miñas mans as dúas patas traseiras, mentres que as dianteiras metíaas entre as miñas pernas e cruzábaas. Era un momento onde tiña que usar toda a miña forza para suxeitalo de tal forma que non se movese, mentres o meu pai estaba listo, primeiro botaba alcohol nos xenitais, despois facía o corte e retiraba primeiro un testiculo e despois outro corte e retiraba o segundo testiculo, remataba a faena rociando co spray especial para desinfectar, aínda parece que estou notando o cheiro que expulsaba ese desinfectante de cor morado.
Nada máis terminar soltabámolo o porco, en poucos días xa tiña as feridas cicatrizadas.
Ao ter unha granxa como a nosa, cunha media de 500 porcos todolos dias do ano, a castración tiña outras vantaxes, ao ter os porcos en cuadras onde habían machos e femias, castrandos prevíñase a reprodución non desexada, reducíase a agresividade e consecuentemente as feridas e as condutas de monta.
Daquela non tiñamos libros para estudar éste oficio, aprendin mirando, escoitando as explicacións de meu pai, despois practicando, o principio cos berros do meu pai decindome que así non rapas ! Fai coma che dixen !
Hoxe en día xa hai pouca xente que ten porco para criar, e quen ainda o ten, a hora de mercarlo xa lle ven capado, polo tanto xa non teñen que chamar o capador, ainda así, si necesitades unha man que o faga, as mañas non as perdin…