Alexander Vórtice
Dapena vs. Maradona
A coraxe normalmente carrexa consecuencias, por iso non é valente calquera. Paula Dapena é a xoven futbolista pontevedresa que non se arqueou fronte ao pensamento ou á mudez maioritaria, é a moza que non quixo gardar un minuto de silencio polo falecemento de Maradona, algo que é un exemplo de coraxe e un acto de valentía que tanto se bota de menos hoxe en día. Dapena dixo: "Eu négome a gardar un minuto de silencio por un violador, un pedófilo, putero e maltrador".
Enseguida chegaron as consecuencias polo seu nobre posicionamento: a noticia fíxose viral a nivel mundial e algúns partidarios do astro do fútbol comezaron os seus ataques incesantes cara á moza de tan só 24 anos. A xoven chegou a ser ameazada de morte por algúns dos seguidores do desaparecido xogador arxentino. Uns feitos absolutamente reprobables á vez que decadentes, unha obscena praxe que nos permite ver o enferma que está unha parte da sociedade na que vivimos.
E é que o cortés non quita o valente: Diego Armando Maradona poder ser que fora o mellor xogador de fútbol de todos os tempos, iso non se discute pero, asimesmo, a súa vida estivo marcada a nivel persoal por moitos recunchos ambiguos, actos polos que ninguén debese aplaudir ou enorgullecerse, tendo en conta que todos cometemos erros, que ninguén está libre de pecado, pero que non todos somos personaxes públicos que "dan exemplo" das súas vidas de maneira diaria.
Paula Dapena mostrou no campo de xogo, nese minuto de silencio, que eses 60 segundo de silencio quizais non foxen tan meritorios. Tamén foi a adaíl de moitas mulleres que sofren malos tratos; Dapena deixou moi claro que os malos tratos son horribles, veñan de quen veñan, sexan dunha persoa normal e corrente ou dun mito, un famoso adorado cal deus na súa Arxentina natal. Aínda con todo o sufrido, Paula di que o volvería a facer, que non lle atemorizaron os brutais improperios recibidos nas Redes Sociais, nin sequera lle dá medo que existan persoas que queiran vela morta.
Agora a Paula outorgóuselle -moi merecidamente- o Premio Cidade de Pontevedra 2020 xunto ao persoal sanitario, pola súa notable valentía, por atreverse a dar voz a todas esas persoas que non tiveron ou non puideron ter as agallas de facelo ela mesmas. Porque tal e como diría J.M. Darhower:
"Ser o primeiro en facer algo require moito valor". Parabén, Paula, o meu máis sincero parabén.