Pedro De Lorenzo y Macías
Lembranzas dun pobo esquecido. Capítulo cuarto
A taberna do perruqueiro, alcumado o Tesouras, estaba na entrada da aldea; era barrigón, tripudo e trapalleiro. Facía de todo: de sacamoas, de capador, de curandeiro; máis todo o facía mal. O seu viño era o mais liturxio, católico e apostólico.....: ía ben bautizado.
A sua cova era a sede das discusións e dicisións da aldea, pois ninguén perdía o control, a mercede do relixioso viño.
Estaban todos dándolle ó trapo, berrando coma cans, coma burras; estaba alporizados pola morte das duas bestas. O cuspe convertíase en escuma rabiosa e gritaban "morte ó lobo".
Entrou o Penicho e todos preguntábanlle.....; ergueron tal barullo que as toupas foron de vacacions.
- Está ben, compadres. Vou falar e no me toquedes. As bestas mortas estaban enfermas de peste, e elas mesmas se apartáron e se engtregáron ós lobos; estes fixeron ben o traballo.
- ¿ Cómo están as bestas?.
- Ven. Pariron tódalas eguas, e teñen poldros moi feiticeiros e valentes. En vez de facer de bruxas planideiras, preparemos O Curro.
O viño corría demasiado frouxo e pronto se fixeron as queimadas, para rexeita-los malos espíritos e recrea-las súas gorxas. Todos opinaban, daban ideas, e pouco a pouco, case todos terminaron rezando o Vía Cruces na compaña de Baco.
Ian recompoñendo as curvas das corredoiras: O Matarife agantaba de Zonas, o Zonas ía a remolque do Recho, Xoanciño, o parvo, ía de guia.
De guisa en guisa chegaron a casa da Cabra, en entre risotadas e baile, déronlle a romanza.
"Maruxa, Maruxiña,
¿quén canta mellor,
o Dionisio ou a Cabra?".
Saiú A Cabra cun camisón vello e cuns farrapos, coa escopeta espantounos, entre tiros de posta ían correndo escachándose de risa.
- ¡¡CABRONS!! Se sodes homes vir para acó, galiñas, galopins. ¿Qué carallo os importa a miña vida?
Xa ían lonxe berrando, e Maruxa botou un sorriso... "Os homes son os homes. Sonche así".
Tamén polos vahos embriagouse a lúa, e foi a durmir tras unha nube negra. Hai silencio e todos durmen, agás Penicho que pensa no pobre Luisón.
Os Trouleiros espertaton, durmidos no Campo Santo; cos seus fedos embriaron ó Cabuxo e ós outros.
Pedro de Lorenzo y Macías.