Javier Carballo de Jesús
Mulleres ao poder
Por todos é sabido, sen desmerecer esta atroz pandemia que estamos a vivir, que a enfermidade máis lonxeva que o ser humano padece ten unha diagnose evidente. Chámase enfermidade do poder e rezuma caciquismo e machismo polos catro costados. Dende o señor feudal (ou moito antes) ata os nosos días con Trump, Putin, Abascal e, como non, os intentos de imitación destes coma fai Gonzalo Durán.
Polas declaracións que sempre realiza este último aos medios, o home parece que non se ruboriza para nada e reafírmase sempre nas súas palabras. Coñecida é aquela saída de tono intolerable contra a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva. Agora, Gonzalo returns, como Johnny English e atrévese a chamarlle á actual Presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez, "presidenta ladrona del puesto".
Sabía que Durán tiña moi mal perder, pero unha persoa que en democracia cando perde lle chama ladrón de posto ao que democrática e legalmente, por decisión da soberanía popular ocupa dito posto, só amosa a concepción de propiade do poder que él mesmo ten.
Pola contra, as persoas que coñecemos a labor desinteresada que conleva estar na oposición (a mellor escola da política), sabemos que neste mundo as circunstancias son cambiantes, as persoas son soberanas co seu voto e os políticos deben aceptar con dignidade o lugar no que o voto os puxo.
Quen coñeza a Marta Giráldez, estará de acordo conmigo que é unha persoa honesta, que desempeña a súa labor de alcaldesa de Meis e Presidenta da Mancomundade do Salnés de forma cabal, con cabeza e dedicación. Que despóis de moitos anos na oposición asumiu o seu cargo de alcaldesa porque os seus veciños lle outorgaron a confianza. Que asumeu a presidencia da Mancomunidade porque a corporación deste ente lle outorgou a confianza. E ela, como non podía ser doutro xeito, abriu as fiestras de ambos lugares e inundounos de transparencia, boa xestión, cercanía e feminismo. Quén intentou desvirtuar a elección de Marta recibiu un duro golpe o pasado día 9. A xustiza avalou de forma contundente a elección da actual Presidenta da Mancomunidade do Salnés.
O de Gonzalo Durán xa non nos sorprende. Son pataletas. Despois de insultar de forma moi grave a Carmela Silva, entre outros ataques machistas aos que nos ten acostumados, pretende desgastar a Marta Giráldez co mesmo mecanismo. Non nos sorprende. O que si sorprende é que nigúen no Partido Popular saia a desdecir estas intolerables sandeces. Estos ataques á democracia, consentidos polas altas esferas dos populares, non lle funcionaron daquela e non lle funcionarán agora. Durán non soporta admitir que as mulleres socialistas gobernan moito mellor ca él. E non soporta ver a unha muller presidir o ente que Duránte un tempo sentiu da súa propiedade.
Non son ninguén para facer recomendacións, pero igual era o momento de deixar de facer o ridículo, de avergoñar ao seu pobo e asumir que Marta Giráldez é a lexítima presidenta da Mancomunidade do Salnés. Mentres tanto para aqueles que sintan os síntomas da enfermidade do poder, o tratamento é moi sinxelo: Democracia e feminismo!
Como no seu dia dixo o presidente Zapatero, "Onde hai mais mulleres no poder, hai mais igualdade de dereitos". Eu anhelo ver mulleres na presidencia do país, nas autonomías, nas corporacións locais.. así que mulleres ao poder!