Antón Masa
Que intereses defenden os concelleiros do PP de Pontevedra?
Mentiría si dixera que me sorprenderon as declaracións dos concelleiros do PP en Pontevedra ao respecto da polémica suscitada polos recentes escapes de ENCE; non me poden sorprender porque en Pontevedra estamos afeitos a contemplar a defensa contumaz de ENCE por parte dos representantes dese partido. Pero si debo admitir que, coma pouco, resulta preocupante a posición adoptada neste caso desde o PP municipal; que fronte ás agresións á saúde sufridas por un bo número de persoas veciñas de Pontevedra, os seus representantes municipais teñan adoptado unha posición de defensa a ultranza do agresor e mesmo asuman coma propias as posicións empresariais, resulta cando menos preocupante; diría máis, é inadmisíbel que unhas persoas que foron elixidas mediante votación para defender os dereitos da cidadanía adopten esta posición, e a xente debería tomar boa nota.
E resulta inadmisíbel tamén que na súa carreira por defender á empresa pasteira cheguen a poñer en dúbida algo evidente: tanto o pasado día 11 como o 17 as emisións de compostos químicos en ENCE foron superiores ás habituais; de non ser así non se terían producido as denuncias veciñais que referían dificultades respiratorias, oculares, de gorxa, E mesmo pretenden descualificar as declaracións do alcalde Lores e da concelleira da Silva sen dubidar para elo en utilizar a mentira e a terxiversación.
Porque cando o Sr. Alcalde fala de que a nube procedente de ENCE o día 17 tiña que levar algún produto químico non fai máis que constatar unha obviedade. Calquera na comarca de Pontevedra estamos afeitos aos cheiros de ENCE e somos quen de recoñecer cando cheira máis e cando menos, e calquera sabe recoñecer tamén cando, ademais deses cheiros, sofre algún síntoma de nariz, ollos ou gorxa. ÿ unha obviedade que o vapor de auga non cheira e moito máis que non produce os síntomas referidos. Como é obvio tamén que en ningún momento comparou Carme da Silva a perigosidade de ENCE coa de Brenntag ou Chernobyl.
Da súa aseveración de que tamén Brenntag ou Chernobyl eran as fábricas máis seguras ata que o deixaron de ser non se pode deducir como fan ENCE e o PP- que estea a afirmar que un accidente en Lourizán puidera ter as mesmas consecuencias que os sucedidos en Caldas ou Ucraína. Só falou de seguridade, é desde logo o que está claro é que a historia de ENCE e a situación da fábrica- non ofrecen garantías de seguridade. ENCE, como Brenntag ou Chernobyl, será segura ata que deixe de selo, e logo virán as lamentacións. Por iso, e por moitas máis razóns, non se pode permitir que ENCE (e ELNOSA) siga en Lourizán por máis tempo.
O que si resulta sorprendente é observar como os propios traballadores de ENCE son máis críticos coa súa empresa que os concelleiros do PP, que como xa dixemos- asumen de forma absolutamente acrítica os argumentos empresariais no tema que nos ocupa; eles saberán as súas razóns, pero desde logo o asunto non cheira ben.
27.08.2013