Lina Garrido
Por fin temos un proxecto para a estrada de Almofrei
Os/as socialistas de Cerdedo-Cotobade estamos felices polo feito de que por fin se albisca unha solución para a estrada de Almofrei que cumpre con tódalas expectativas e se adapta aos tempos, en lugar da chapuza que ía facer Louzán, coa complicidade do alcalde.
O proxecto que vén de anunciar a Deputación é unha obra do presente, dos tempos que vivimos, con máis de 800 metros de sendas peonís, máis de 250 metros de plataforma sobreelevada ao paso polos núcleos de poboación e outros case 400 metros con cuneta tendida que permite camiñar con seguridade sobre ela.
Un proxecto de 1,5 Km que cubre toda a estrada e non só os 750 metros de chapapote que quería botar Louzán.
A veciñanza de Almofrei e de todo o concello disporemos non só dunha estrada moderna e segura, senón dun itinerario para ir a camiñar e gozar dunha contorna marabillosa. Unha obra de case 900.000 euros que dobra o presuposto do anterior proxectiño de Louzán e Cubela.
Unha obra da que estar orgullosos/as e que é posible porque na Deputación fanse as cousas como é debido. E, o mellor de todo, unha obra que nada ten que ver con tratos de favor, senón cun tratamento integral e con criterios do século XXI de tódalas estradas provinciais. Xa podía tomar nota a Xunta de Galicia que ten tantas e tantas estradas autonómicas abandonadas.
Noraboa a toda a veciñanza de Cerdedo-Cotobade!
Lina Garrido. Portavoz do grupo municipal do PSOE