Manuel Pérez Lourido
P-O-N-T-E-V-E-D-R-A
En Pontevedra, preto dos xardíns de Casto Sampedro, a carón da praza da Ferrería, pódese ver en grandes letras o nome da vila: P-O-N-T-E-V-E-D-R-A. Puxeron esas letras aí polo Nadal, e aí quedaron. E un costume moi espallado, o de poñer o nome da vila nalgún espazo público, na entrada da mesma ou xa dentro dela.
Seguro que hai quen pensa que iso é unha paletada, que porque se faga en moitas cidades do noso país e do estranxeiro non o é menos, senón máis. Haberá quen pregunte a quen vai dirixida esa información: os turistas adoitan saber como se chama o lugar ao que viaxaron e os pontevedreses, bueno, os pontevedreses normais coñecen o nome da súa vila (outra cousa sería en A Coruña, onde moita xente pensa que vive en La Coruña). Pero todo isto son insidias de insidiosos, gañas de amolar, pensamentos de xentes preguiceiras que non teñen nada mellor que facer. Mentres, a xente de ben o que fai é retratarse diante das letras e enviar as fotos a familiares emigrados ou distantes, que xa saben que o que sae na foto está en Pontevedra, pero nunca está de máis recordarllo. A redundancia ten mala prensa pero non ten nada máis de malo.
Esta moda das letras das cidades seguramente comezou nun barrio de Los Angeles chamado Hollywood, onde puxeron en 1923 unhas letras de case 14 metros de alto nun outeiro para servir de anuncio dunha operación inmobiliaria nesa área. Hoxe en día esas letras son unha icona da cultura norteamericana. Non lle foi nada mal a ese letreiro, quen di que lle vai ir mal ao noso?, quen di que non está ben andar ao rabo dos tempos, no cumio das ondas, mergullándose nos usos comúns…?
O certo é que aos habitantes das vilas modernas gústanlle esas letras xigantescas co nome da súa cidade, e aos visitantes gústanlles tamén visitar eses sitios onde están localizados. Son parvos, uns e outros? en caso afirmativo, por que? O concello que desexe medrar como destino turístico ten que obrar en consecuencia: calquera día aparecerán viaxeiros anoxados preguntando pola situación do nome da vila se non o atopan pola vila adiante eles sós, en grandes caracteres. Non se pode loitar contra as modas, as maiorías están para algo, milleiros de moscas non poden equivocarse...