Dani Antelo
Unha de celulosas, por favor
O historial de ENCE non vai ser borrado por moito retoque de última hora que se lle queira dar, cun deseño novo de logotipo ou cun cambio de nome de actividade. A tendencia cara a humanización das urbes é unha realidade global: agora máis que nunca, resulta lexítimo cuestionar a existencia de industrias e modelos produtivos incompatibles coas novas directrices, a favor da sostibilidade e a harmonía das cidades coa súa contorna.
Non só entre os cidadáns de Pontevedra existe un grande apoio a que celulosas desapareza da súa ubicación actual. Tamén somos moitos e moitas as marinenses que desexariamos que así fose. Se ese sentir non se fai manifesto é pola vinculación da vila á fabrica ou por ese medo provinciano ao que dirán. A poligonización do noso centro urbano e a dependencia dunha fábrica contaminante mal ubicada dá de comer a moitos, si, pero limita o desenvolvemento da vila cara unha reconciliación óptima consigo mesma.
Asfixiados por un polígono industrial, unha factoría fedorenta e unha base naval en abandono, Marín quedou encaixada nunha especie de cámara de gas, fomentada polo estado e coa compracencia do rebaño. Persoalmente non vexo que esas economías estean reflexadas de maneira plena na dinámización da miña vila, ao contrario, son dos que pensa que a limitan. Do mesmo xeito, a aposta de todo ou nada á dependencia de ENCE paréceme tan cutre como a aposta por un modelo basado só no turismo. Haberá logo que darlle ao coco pensando no futuro e na sinerxia de novos modelos, algo que non se logra desde a cultura do “tira pa diante e imos vendo”.
A proximidade á capital e a ubicación ventaxosa do noso concello debería ter sido en conta, xa desde fai tempo, como parte dunha extratexia económica-social integrada que favoreceza novas oportunidades, mirando máis alá da poligonización dunha área urbana castigada dabondo.
Por outra banda, chantarrlle todo o peso do conflicto dos traballadores de ENCE a Miguel Anxo Lores non é xusto, pois a defensa firme do seu modelo é o que puxo a Pontevedra no mapa e motivo de orgullo da maioría dos seus habitantes. Pregúntome se sentimos o mesmo orgullo en Marín. Unha vila que foi perdendo grande parte da súa indentidade por sacrificar a súa xoia máis valiosa: o privilexio perdido de mirar e respirar cara o mar.