Pedro M. Cortegoso Gago
Avenida de Ourense, unha oportunidade perdida
O pasado 16 de marzo producíase na Avenida de Ourense de Marín o atropelo dunha muller de 25 anos cando cruzaba por un paso de peóns. Este suceso ten que levarnos a reflexionar sobre a situación dunha das vías principais de entrada e saída de Marín.
A primeira impresión cando entramos en Marín por esta estrada é que estamos ante unha rúa saturada de coches a ambas beiras e cunha densidade de circulación intensa nas horas punta.
É evidente que esta avenida necesita unha mellora en todos os aspectos, primeiro para evitar este tipo de sucesos lamentábeis e segundo para mellorala e facela máis humana.
Porén, as obras que actualmente están a piques de rematar, iso esperamos, supuxeron o gasto de miles de euros para deixar un "paseo" igual ao que tiñamos antes. A única diferencia é que agora temos un carril bici, se é que se pode chamar así, que non vai a ningures. O Plan de Mobilidade para Avenida de Ourense era isto?
Non houbo unha actuación integral para modernizar a Avenida de Ourense. Desperdiciouse unha oportunidade de ouro para arranxar a avenida humanizándoa e calmando o tráf
Foi un erro manter o paseo onde estaba, limitado por un balado e sen ver practicamente o mar. Non sería mais sensato cambialo e poñelo na outra beira da estrada? Así non teríamos que cruzar por unha estrada para poder pasear, as persoas non terían que expoñerse ante os coches, poderíamos ter unha beirarrúa ampla que permitiría revitalizar a Avenida de Ourense dándolle unha oportunidade aos comercios e negocios de hostalaría. Teríamos un espazo público de mellor calidade urbanística para desfrute de todos e todas, desprazando das rúas os vehículos e devolvéndolle as persoas o lugar que lles corresponde.
Estas reflexións non se fixeron e non se fan no concello por que o grupo de goberno do PP, que xa leva bastantes lexislaturas, no ten unha visión global nin un proxecto a longo prazo para Marín. Non teñen valentía para tomar grandes decisións e levar adiante as actuacións que necesita Marín, aínda que non gosten a unha minoría.
As cidades do futuro van por outro camiño, temos o exemplo de Pontevedra diante nosa, o da peonalización e recuperación dos espazos urbanos para as persoas e o da mellora dos transportes públicos e reducións das emisións contaminantes. Marín non pode quedar atrás, unha vez máis.