Marta Rodríguez Engroba
O previsiblemente negro e perigoso futuro que nos agarda en violencia de xénero
A medida que van pasando os días, e cando pronto sairá a luz a terceira entrega do que eu xa denomino o "efecto Carrasco", semella que, lonxe de ir diminuindo, o rebumbio mediático e social, medra de día en día, como tamén medra o número xa desproporcionado de rémoras que non se resignan a ficar sen unha parte do pastel.
Mentres a suposta maltratada, e protagonista da historia, se refuxia, segundo din as publicacións e programas que seguen as súas coitas coma se fosen correspondentes de guerra, nun chalé dunha luxosa urbanización, vamos, o mesmo que todas as vítimas de violencia machista, que, en canto contan a súa historia, teñen a súa disposición unha vivenda ou chalé de luxo no que facer o seu calvario bastante máis levadeiro mentras nas súas contas correntes entran miles e miles de euros, van xurdindo sen cesar máis e máis personaxes que tentan facer, de algo tan terrible como é a violencia de xénero, o seu Agosto.
Familiares e amigos de cada unha das partes contando as súas versións da historia e tentando desmentir as contrarias, o testemuño da suposta amante do tamén presunto maltratador, analistas da linguaxe corporal e dos xestos da Sra. Carrasco....e dos seus outfits....importantísimos para o tema que nos ocupa!, e mesmo un perruqueiro flip......digo, místico, ao que os que xa temos unha idade lembramos principalmente porque hai xa bastantes anos, moitas famosas do momento, en diversos spots publicitarios lle dicían, desde unha cabina telefónica (mirade se hai tempo!) que o necesitaban, e que agora declara, desde a súa casa chea de imaxes de santos que "a máis grande," ou sexa, a nai da protagonista, que, por certo, segundo a súa propia filla, tamén sabía e calou, se lle aparece, ninguén se resiste ao filón que, ironías aparte, porque o tema pode ter calquera cousa menos graza, está a ser esta historia para moitos, e isto cando aínda está comezando.
Horas e horas de televisión, páxinas e máis páxinas de diversas publicacións, están a facer que o mesmísimo Covid teña agora mesmo un serio rival mediático, máxime desde que a canle impulsora de todo isto, decatándose do filón atopado, decidira ampliar a súa oferta de carnaza, nesta ocasión con compoñente macabra incluída, revivindo a traxedia doutra muller xa falecida, Carmen Ordóñez, que así mesmo foi, segundo agora tamén declara a golpe de talonario parte do seu círculo de achegados, de famosos, algúns xa caducos, e outros eternos aspirantes a selo, brutalmente maltratada por unha das súas ex parellas, comezando así outro circuito paralelo de testemuños, desmentidos, bágoas, arrepentimento.....mentres os actores convidados, incluído o seu propio fillo, agardan na cola para pasar por caixa.
Eu, obviamente, non sigo todo este despropósito con asiduidade, porque non o aturaría, e, ademais, tería que pedir como mínimo unha excedencia, e non curta, para poder dedicarlle todo o tempo que acapara, pero si que tento facerlle un certo seguimento, porque o que está a suceder me preocupa, e moito, moitísimo, xa que vai máis alá da sinxela anécdota, do "amarelismo" dos programas de corazón.
Se este "fenómeno" se limitara a isto, a un tema de moda coma tantos outros, nos que as idas e vindas da famosa de turno enchera horas de programas de corazón, durante un tempo moi limitado, o que o tirón do personaxe sexa rendible, e que cada quen é moi libre de ver ou non, teño que recoñecer que non me roubaría nin un segundo dos meus pensamentos, pero, tratándose de violencia de xénero, debo confesar que a reacción desproporcionada dunha gran parte da sociedade, que eleva aos altares ou condena dun xeito que soamente se pode cualificar de demencial e, o peor de todo, o posicionamento dun goberno, ou, polo menos, dunha parte fundamental súa neste eido, e as, na miña humilde opinión, máis que imprudentes e inoportunas manifestacións da Ministra de Igualdade, están a facer que a miña preocupación en canto ao que nos agarda no que atinxe a evolución da loita contra a violencia machista, a atención, a protección das súas vítimas, se teña transformado xa, directamente, en temor, en medo, e moito me temo que non infundado.
Por unha banda, temos unha sociedade da que se nos vende que está cada vez máis concienciada, pero que, maioritariamente, semella ser incapaz de reaccionar cando unha muller é maltratada preto deles, nin acudindo na súa defensa, nin moito menos denunciando, pero que non dubida en posicionarse cando a afectada é unha famosa.
AÍnda non escoitei a ninguén manifestarse, nin pedir xustiza, por exemplo para Sacramento Roca, a quen a súa ex parella acoitelou en Palma de Mallorca o 18 de Novembro do 2018 malia existir varias denuncias por acoso, ou para Ionela, asasinada pola súa parella en Torrejón de Ardoz o último día do 2020 diante dos seus dous fillos, existindo unha orde de afastamento.
Alguén se interesou por saber se, despois de que a irmá de Soledad, a muller asasinada polo seu marido en Gondomar o pasado Decembro declarara publicamente, diante de cámaras e micrófonos, representantes políticos, institucionais, etc, etc, que ela lles contara que estaba a ser maltratada, se tomou algunha medida?.
Non soamente non se volveu falar do caso, senón que, curiosamente, esas declaracións desapareceron como por arte de maxia das edicións dixitais dos medios que as recolleran, conservando tan só as relativas a carta que ela deixou escrita, pero ninguén se inmutou, non había necesidade.
Soledad, coma Sacramento, como Ionela, como tantas e tantas outras vítimas non interesan, eran mulleres anónimas, e, porén, tampouco foron noticia máis alá do minuto de silencio.
E xa que estamos, alguén se interesou, ministra incluída, por saber que pasou co caso do ex maxistrado do Constitucional, Fernando Valdés, tras ser procesado por malos tratos no mes de Outubro?.
A resposta é non. Nin a ministra nin a Delegada do Goberno de violencia de xénero, porque, estes asuntos, xa se sabe, dependendo de quen sexa o presunto agresor, mellor non "menealos", non si?.
É, sen ningunha dúbida, moito máis doado, ademais de máis vistoso, apoiar unha famosa a golpe de hashtag, por non dicir que será unha reacción fantasticamente acollida e compartida por moita xente, que non concibe outra implicación que non sexa a feita desde o sofá, a base de "clicks" e "likes", e isto é o que interesa, accións populares, sexan ou non mínimamente sensatas ou xustas.
Por todo isto e máis, repito que teño medo, moito medo, porque o panorama que se albisca en canto á xestión da loita contra a violencia de xénero, por parte deste goberno, non pode ser máis desolador.
Unha ministra que non amosa nin o máis mínimo interese en coñecer o problema desde a base, comezando pola prevención, por suposto, e desde o primeiro momento no que a vítima decide poñer un pé na comisaría para denunciar o seu maltratador.
Se o persoal que as recibe e as atende non soamente está debidamente formado, se non se ten a sensibilidade imprescindible para poñerse na pel dunhas mulleres que chegan destrozadas, con que criterio é seleccionado, que protección posterior se lles presta a elas e aos seus fillos, que seguimento se lles fai, se son debidamente informadas dos recursos e axudas as que poden optar, se non acaban moitas delas por desistir ante unha desesperante burocracia que non saben, nin poden, en moitos casos, afrontar, etc, etc, etc.
Unha ministra, unha delegada que non dubidan en manifestarse publicamente sinxelamente ante o escoitado nun programa de televisión, erixindo en referente a unha señora, que, como xa dixen noutras ocasións, non vou xulgar baixo ningún concepto, pero de cuxa historia descoñecemos, como é lóxico, toda a verdade?.
Unha ministra e unha delegada que, ignorando por completo a presunción de inocencia ,acusan aberta e publicamente a un señor que, polo momento, non foi condenado?.
Non sei que pensaredes vós, pero se isto non é para dar medo........
Asociación Si, hai saída