Tribuna Viva
Denuncian a "sistemática vulneración dos dereitos das persoas presas no Centro Penitenciario de A Lama"
Desde Abaixo os muros!, coordenadora anti-represiva galega, queremos informar e denunciar a grave e sistemática vulneración dos dereitos das persoas presas no Centro Penitenciario de A Lama, amparando-se na suposta situación de alerta sanitaria.
Segundo denuncian familiares das persoas reclusas neste centro, a mediados do mes de Marzo foron informadas pola dirección, presidida por Teresa Delgado, da reapertura dos vises familiares e íntimos, despois de seis meses sen existir esta posibilidade, nunhas condicións abusivas que, de novo, vulneran os seus dereitos básicos e non atenden nin a legalidade que marca o regulamento penitenciario nin a propia do “estado de alarma”.
Os presos e presas deberán gardar unhas corentenas de illamento de dez días logo de cada vis realizado, num modulo especial destinado a tal fin. Este illamento pode equiparar-se ao castigo mais duro que prevé o proprio Réxime Penitenciario (que é de 14 días), e aínda o supera, xa que neste caso os presos permanecerán illados sem saídas ao patio (o illamento de castigo contempla unha saída de 2 horas).
De feito, xa sabemos que o número de vises solicitados e mui inferior ao esperado, debido ás consecuencias do exercicio deste “dereito”, que nestas condicións non merece ese nome.
A imposición destas corentenas vulnera as disposicións decretadas polo Estado de alarma, que non contempla a obriga de illar a persoas de forma infundada como é o caso, xa que se están colocando en corentena persoas que non mostran síntomas de coronavirus, sen realizarlles PCRs ou outras medidas de detección, nin a elas nin as persoas que as visitan.
De Abaixo os muros queremos denunciar esta situación de abuso, que é mais unha manifestación do desprezo con que actúa a dirección deste centro cara os dereitos dos e das reclusas, e que ademais vulnera a lexislación española e os acordos internacionais sobre o tratamento nas prisións, como a mesma Lei Mandela da ONU, que prohibe os illamentos prolongados.
Por este motivo, nos próximos dias iniciaremos unha campaña de chamadas masivas ao CP de A Lama, pedindo explicacións e esixindo que se cumpra a legalidade e se respecte a dignidade dos e das persoas encarceladas nestas condicións.
Abaixo os muros!, coordenadora anti-represiva galega