Marta Rodríguez Engroba
Non te vexo, non te escoito; logo, non existes
Vinte e tres anos.
Os dous últimos encerrada baixo chave na súa casa de Madrid, onde o seu marido a deixaba cando ía traballar, e onde a maltrataba, a agredía, mesmo con coitelos de cociña, ameazándoa con matala, para despois ir ao seu país de orixe e facer o mesmo coa sua familia.
Tivo que ser un amigo da vítima, co que conseguiu contactar, o que, desde Alacante, dera a voz de alarma aos servizos de emerxencia, grazas ao cal a Policía Nacional acudiu ao domicilio, comprobando que a muller presentaba lesións na cara, corpo e cabeza, procedendo despois a deter ao marido como presunto autor de detención ilegal e malos tratos.
Todo o mundo que escoitou ou leu esta noticia se rachou as vestiduras ante a crueldade do agresor....Que desalmado!.
Certo, un auténtico desalmado, pero non o único, malia que, unha vez máis, o silencio foi total sobre o outro maltrato do que esta muller foi obxecto, sobre os outros maltratadores dos que esta muller foi vítima, os veciños.
Porque os veciños, ademais de non ver nunca a muller, algo como mínimo sospeitoso, escoitaban berros, golpes....
"Era unha parella conflitiva", manifestaron diante das cámaras e dos micrófonos, algo que os molestaba moito, seica, polo que decidiron que había que buscar unha solución, e dito e feito, colocaron corcho na parede para non escoitar, porque, cito textualmente, "estaban fartos".
E asunto arranxado.
A súa crueldade, a de todos eles, é de tal calibre, que ante un máis que evidente caso de violencia de xénero, o único que lles preocupou foi as molestias que lles causaba, polo que, unha vez solapados os golpes e os berros, a sorte que puidera correr a rapaza non era algo que lles quitara o sono en absoluto.
Non tiveron nin a máis elemental humanidade de levantar un teléfono e chamar a policía.
O mesmo daba que a súa veciña fora mesmo asasinada ao outro lado da parede.....Abondo tiñan con soportar os ruídos, os berros...!.
O máis grave é que este caso non é un feito illado, nin moito menos.
Pola contra, a indiferenza, o silencio cómplice ante os casos de violencia de xénero, son o pan noso de cada día nunha sociedade cruel, máis deshumanizada cada día, que vibra, eso si, ante calquera historia que acade tirón mediático pero que contempla, escoita, sen inmutarse, o inferno de quen vive, ou, mellor dito, loita por sobrevivir, ao seu carón.
Como pode ninguén que se chame ser humano, escoitar a través da parede os golpes, os berros, dunha muller que está a ser brutalmente maltratada, e non me serve a desculpa de que non sabían o que pasaba, porque, lamentablemente, todos sabemos que, agás raras excepcións, os ruídos que se escoitan dunha a outra vivenda son perfectamente identificables, e tomar a decisión de amortecer os ruídos sen importarlles nin o máis mínimo a sorte que a muller puidera correr?.
E se algunha dúbida existía da súa maldade, coas súas declaracións diante dos medios quedou máis que evidenciada, e isto nos leva a outra cuestión.
Algunha vez se toman medidas legais contra estas persoas que, sendo perfectamente conscientes de que unha muller está a ser maltratada, non soamente non a axudan, tal vez non poñendo corcho nas paredes, coma neste caso, pero si facendo oídos xordos e finxindo non decatarse?.
Porque, por desgraza, isto non é nada raro.
De feito, sucede case cada vez que temos noticia dun caso de violencia machista, e non é que se descubra por casualidade, non, é que os propios e inhumanos autores deste delito de omisión de socorro, porque disto se trata, dun delito, o confesan tranquilamente diante de cámaras, micrófonos, e onde faga falta con tal de ter o seu minuto de gloria, polo que da a sensación de que foi incluído no Código Penal sinxelamente para encher un oco e que o texto quedara máis lucido a vista, pero que cometelo non ten maior transcendencia, e que aqueles que o cometen gozan de total impunidade.
Debo ser mui curta, probablemente o sexa, pero non me cabe na cabeza como ninguén se pode botar a durmir tranquilamente sabendo que moi preto, tal vez ao outro lado da parede, un malnacido lle pode arrebatar a vida a unha muller, sen facer nada para tentar evitalo.
Agás, eso si, que un caso adquira tintes mediáticos, afecte a alguén coñecido, e, moi importante!, se faga viral. De feito, isto último é imprescindible.
Entón é tal a a implicación e o arroxo que amosan defendéndoa afervoados, que a mesmísima Juana de Arco palidecería acovardada, pero, eso si, a golpe de "like", hashtag ou tweet, que, afortunadamente, os tempos cambiaron, e agora xa se pode loitar desde o sofá, tranquilamente, sen comprometerse demasiado, que non está a vida para complicala.
E xa que falamos de tweets, gustaríame saber que opina a Sra. Ministra sobre este caso, se é que sabe da sua existencia, malia que moito me temo que, tratándose dunha vítima anónima, coma tantas e tantas outras, non estea esperta de noite, atenta por se ten que manifestarlles o seu apoio, dicirlles aquelo de "Eu si te creo", ou erixilas en referentes, malia que en casos coma estes, raramente hai versións que contrastar, porque as lesións, as feridas, a soidade e o terror falan por si mesmos.
Tampouco por esta muller, malia o duro do seu caso, nin polo resto de vítimas anónimas, se inician campañas nas redes....Para qué?. Qué se ía gañar?.
Tampouco, por suposto, para que os que foron cómplices, como istos veciños "fartos", paguen por non socorrer a quen estaba a correr un evidente perigo e nin sequera dar a voz de alarma.
Non se ían meter nas cousas da parella!.
ademais, eso non vende, que non acabo de entender de que vai isto!.
A concienciación, a implicación de moitos....e de moitas é así de selectiva.
Eu teño que dicir, cunha enorme dor de corazón e un desacougo que cada vez levo peor e que as veces mesmo me fai pensar en tirar a toalla, que o único avance real que vexo no que atinxe a loita contra a violencia de xénero, despois de 7 anos de loita con Si, hai saída, 7 anos de contacto estreito con vítimas, é o do oportunismo.
O único que vexo medrar é a falta de escrúpulos que a converte nun negocio para moitos, sendo isto, ademais, socialmente aceptado.
É máis, non facelo así, non entrar a formar parte dese mercado, é o que está mal visto e se condena.
A violencia de xénero, a suposta loita para paliala, é un ben cobizado para medrar social, profesional e politicamente, e as súas vítimas, peóns cos que xogar esa partida que tantos queren gañar, e cando non poden ser utilizadas para isto, a táctica utilizada na maioría dos casos é, nin máis nin menos que a dos veciños desta muller que estivo presa durante 2 anos:
Non te vexo, non te escoito, logo non existes.
Asociación Si, hai saída