Tribuna Viva
Manifesto polo aniversario da proclamación da II República
Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín
No 90a aniversario da II República, queremos lembrar e homenaxear aos homes e mulleres que o martes 14 de abril de 1931, ás 7 da tarde, organizan unha gran manifestación para proclamar a República en Marín.
Ata Cantodarea e Estribela chegaba unha multitude escoltada polas bandeiras das sociedades obreiras e coa bandeira republicana ao fronte, despois de pasar pola Ponte da Liberdade, onde estaba a pedra testemuña de momentos históricos da nosa vila.
Na cabeza da manifestación van os presidentes e dirixentes do Centro Republicano local e Sociedades obreiras, rematando no Pazo Municipal.
En presenza do alcalde ízase a bandeira republicana entre os entusiastas aplausos da multitude e Agustín Rey toma a palabra para expresar o que significa a proclamación da República no que respecta á orde, á xustiza e á liberdade, sendo moi aplaudido. Antes de disolverse a manifestación, o presidente do Centro Republicano, Gonzalo Martín March, pide aos asistentes non arriar a bandeira republicana sen antes defendela apaixonadamente.
Lembrando aquel ilusionante período da nosa historia e ás veciñas e veciños que o protagonizaron, a ARMH de Marín apoia o manifesto Galiza pola República; tal como se expresa no mesmo, queremos unha República laica, sen privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que acabe coa impunidade e condene os crimes conta humanidade cometidos durante a Ditadura.
Avogamos por un novo 14 de abril que liquide definitivamente o franquismo, incrustado nas institucións, e permita a libre expresión de quen considere que se poden mudar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo da cidadanía.
Vai para todas aquelas persoas que sufriron a represión e persecución, o noso recordo e admiración; honramos a súa memoria e, como fixeron hai 90 anos, agora nós repetimos un sentido e esperanzador berro de Viva a República!!
Marín, 14 de abril de 2021
Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín