Marta Rodríguez Engroba
Doña Emilia tíñao moi claro. Despois de máis dun século, o noso goberno, a nosa sociedade, aínda non son quen
"La enfermedad que arrebata a tantas españolas es la navaja, esgrimida por celosas y brutales manos".
Estas palabras foron escritas por Emilia Pardo Bazán no ano 1907, e son un fragmento dun artigo que titulou "La mujer española".
Nel, Pardo Bazán xa se refería e identificaba con toda claridade a grande praga que xa entón existía, a que moi poucos, por non dicir ninguén, poñía nome, e menos aínda unha muller: O feminicidio.
Dña. Emilia non usou eufemismo ningún, non utilizou argumentos ou denominacións "edulcoradas" para nomear a un dos cancros mais letais do noso país, que xa atopara, cando ela escribiu este artigo, o seu sitio: A violencia de xénero.
Pero de nada serviu que ela, o mesmo que, na actualidade, uns cantos que, a dicir dalgúns, e de algunhas, non nos enganemos, malia que isto último non gusta lelo ou escoitalo e menos aínda admitilo, non temos filtro, falara alto e claro, que o diagnóstico desa enfermidade, do feminicidio, non deixara xa entón, e siga sen deixalo, lugar a dúbidas, porque hoxe, 114 anos despois!, a menciña para curala segue sen existir, e segue sin existir, sinxelamente, porque, malia ter a fórmula e as pautas para administrala, é evidente que non interesa facelo, tentando disfrazar de dúbida, de descoñecemento, e dun aparente esforzo que non é tal, unha realidade que o que realmente sosteñen, ademais dunha escasa e falsa concienciación, son moitos intereses que, en consecuencia, a engordan.
O acontecido nos últimos días é un evidente e tráxico exemplo, por poñer tan só algún, do que estou a dicir.
O pasado Luns, día 10 de Maio, desde o Goberno amosaban, faltaría mais!, a súa condena ante o noveno asasinato machista contabilizado en España no que vai de ano.
O noveno, o que fai unha media de mais dunha muller asasinada por mes, sen contar o resto de agresións machistas sen resultado de morte, e tantas outras que fican agochadas tras as portas de tantas casas, e tras o silencio aterrorizado de tantas mulleres.
Ao mesmo tempo que a súa condena, recordaban as ferramentas, os condutos, ou como se lles queira chamar por medio dos cales calquera muller que estea a ser maltratada pode pedir axuda: O teléfono 016, as consultas on line a través de e mail, unha canle de Whatssapp, etc, etc, ademais, por suposto, das chamadas ao 091, Policía Nacional, e ao 062, G. Civil.
Que ben, non si? Hai que ver cantos recursos se poñen a disposición das vítimas de violencia de xénero!
Ainda haberá quen diga que non están protexidas!
Que alivio, por outra banda, para moitos que, tantas veces, cando unha muller é asasinada pola súa parella ou ex parella, sexa posible dicir eso de "Non existían denuncias previas"!, porque claro, se a muller non denuncia, non se lle pode prestar axuda, porén, a responsabilidade, se a súa situación desemboca nun desenlace fatal, é súa e soamente súa.
Pero, o que é a vida!, Mª. Soledad, a muller acoitelada en Sagunto pola súa ex parella o pasado Domingo, viña de sufrir moito, aguantou canto puido e mais, pero, finalmente, temendo pola súa vida, pediu axuda.
Acudiu primeiro ao Concello, para informarse dos programas de axuda a vítimas de violencia de xénero, e, posteriormente, presentou unha denuncia ante a Policía Nacional, denuncia que, tras ser avaliado o seu nivel de risco polo "infalible" test VioGén, ese test que nunca falla, seica, e que é o que, tras arroxar o seu resultado, vai ser decisivo para valorar que medidas de protección se lle deben aplicar a cada vítima, se é que se lle debe aplicar algunha, independentemente das puntualizacións ou advertencias do perigo que corre que ela, a propia vítima, a que coñece perfectamente, mellor que ninguén, ao seu maltratador, poida facer, porque o que dí o test vai a misa, derivou, no caso de Mª. Soledad, nunha orde de afastamento, malia que ela solicitou protección, pero se o test di que non, que o seu risco non o é tanto , é que non, e punto.
Ademais, moito me temo que Mº. Soledad escolleu un mal día para pedir axuda....un Venres!, coa fin de semana a porta, e as fins de semana, xa se sabe, todo vai mainiño, ou, directamente, se paraliza.
Soamente falta mentalizar aos asasinos de mulleres, algúns dos cales seguen a ter o malísimo costume de matar durante elas, e o de Mª. Soledad foi un deles, decidindo acoitelala o Domingo, rematando así coa súa vida.
Ninguén dese persoal tan formado que se ocupa da protección das vítimas semellou ter en conta un "pequeno detalle":
Que as primeiras horas posteriores a denuncia, se o agresor queda libre, por moita orde de afastamento que se lle impoña, cunha agresividade aínda maior por ter sido denunciado, e por non poder exercer o control absoluto sobre a súa vítima como viña facendo ata ese momento, son cruciais, e o risco que esta corre, medra exponencialmente, polo que o seguimento debe ser especialmente exhaustivo.
Irónico tal "lapso" nun país no que as estatísticas son algo así como un "mantra", ou mellor dito, unha especie de "resposta tipo" a que se recorre para darlle explicación e xustificación a case todo, mesmo a aquelo que, se mire por onde se mire, non a ten, como é deixar desprotexida a unha vítima de violencia de xénero.
Mª. Soledad foi acoitelada o Domingo pola súa ex parella, ese que tiña unha orde de afastamento, et voilá!, entón, cando xa a matara, si que houbo rapidez de reaccións, desde para convocar o consabido e, perdoádeme a expresión, para min xa, a estas alturas, insultante, minuto de silencio, ademais, por suposto, de inútil, ata para tentar xustificarse cada quen nel, aducindo, o alcalde, que no Concello se cumprira escrupulosamente con todos os protocolos (será por protocolos!), que a protección de Mª. Soledad era responsabilidade da Policía Nacional, cuxa representación optou por acudir caladiña a sair na foto, e dicindo a Delegada do Goberno de Valencia diante dos micrófonos e das cámaras que eses protocolos tiñan que ser revisados.....agora!, cando unha muller mais foi asasinada, porque neste país noso de pandeireta temos a curiosa costume de ir ao revés de toda lóxica e sentido común:
En vez de traballar na prevención, e de practicala, por suposto, primeiro deixamos que maten, e despois, se tal, xa imos revisando....ou non, porque, ao fin e ao cabo, a violencia de xénero sempre existiu, e vai seguir existindo.
Se mesmo Dña. Emilia xa falaba dela!
Ademais, tampouco é para alporizarse tanto.
Mª. Soledad era unha muller anónima, como moitas que a precederon e outras moitas que, desgraciadamente, correrán a mesma sorte, polo que, en poucos días, quen se vai lembrar dela?.
Non se vai mobilizar todo o mundo por cada vítima da violencia machista que é asasinada, e, como dixo hai algún tempo un deses políticos que nos tocou en sorte, ao que, os que lle botamos e os que non, mantemos no seu despacho, referíndose as vítimas, "No les vamos a poner un guardaespaldas detrás a cada una".
Diga que si!
Visto o visto, cen anos despois do seu pasamento, se Doña Emilia levantara a cabeza, vendo o pouco que se avanzou, ou que mesmo se retrocedeu na loita contra o feminicidio, estou segura de que, de pura tristura, morrería de novo.
Asociación Si, hai saída