Juan José Esperón
Oficios dos veciños: Zapateiro
ZAPATEIRO : Persoa que fai, amaña ou vende zapatos (RAG).
Un gran maioría de zapateiros eran artesáns dedicados a fabricación e arranxo do calzado, a maioría traballan sós ou en ocasións tiñan algún aprendiz. Hai anos había dúas castes de zapateiros: os zapateiros de taller e os zapateiros de portal, uns tiñan o taller fixo, con todo o material necesario, outros - os de portal - eran semiambulantes, pois adoitaban a colocarse en rúas ou prazas dependendo a ocasión. O zapateiro de taller dispoñia dunha ampla gama de ferramentas, así era que eles facían o traballo todo completo, desde ir mercar o material axeitado para a elaboración de botas, zapatos, sandalias, botinas…etc.
O zapateiro que era artesán tiña nas súas mans un longo proceso para fabricar o calzado :
Comenzaba por cortar a peza de pel, despois “acertar" a peza, "aparar" a peza, a "monta-la" sobre a forma… despois tiña que "emplantillar", de seguido tocaba recortar a peza e facerlle un recheo de sola, para seguidamente colocarlle o piso de sola ou de goma. Máis tarde tócalle o cosido do piso do calzado, seguido dos tacóns, rematando o traballo co punteado e sacándolle brillo.
Os zapateiros de portal eran aqueles que marchaban polas aldeas e vilas coas ferramentas xustas e necesarias para facer arranxos sinxelos. As ferramentas lévannas nun caixón de madeira que dispoñía dunha correa para pasar polo hombreiro, ese mesmo caixón sírvelle de mesa de traballo.
Dispoñían de grosa, martelos da sole, escofina, tiraformas, coitelas, chaira, tanaza, troquesa, tesoiras, agulla, roseta, subelas, sacabocados, remachador, estenacillas, compás, bigornia, dedil, manopla, tirapé etc. Hoxe en día os zapateiros adícanse, a maioría, a arranxos sinxelos, botar tapas e pouco máis, xa que unha gran maioría da xente merca o calzado, úsao e xa non leva a poñer tapas ou a reparalos, tira con eles e merca outros.
Falei con algúns veciños por este oficio, queria que me contasen, fun anotando os seus recordos:
Unha veciña da parroquia, natural de Sta. María de Xeve, contoume que cando ela tiña quince anos todos os días do ano atravesaba polo monte ata chegar ao lugar da Piolla en Lérez, alí, nun baixo de unha casa estaba o seu pai, Emilio Bea, de profesión zapateiro durante moitos anos, logo de ter traballado nos tranvías de Pontevedra a Marin. Comentábame que para que o seu pai comese quente, xa que non tiña medio de transporte adecuado para ir a casa, ela era a encargada de levarlle a comida, así o fixo día tras día, ano tras ano, ata que casou.
Tamén me contaron que recordan o zapateiro do empalme de Alba, O Mudo, foron moitos veciños da parroquia os que acudiron durante anos a arranxar o seu calzado a xunto del. Hai tamén veciños que me contan que eran clientes do meu tío Ramiro, zapateiro en Lérez, tiña o seu taller nos baixos do edificio onde está a farmacia, xusto no cruzamento da carretera que vai o monasterio e a nacional a Santiago.
Outra veciña, natural de Tomeza, ten grandes recordos relacionados co seu tío Juan, zapateiro nesa parroquia. O seu tio sempre estaba acompañado daqueles raparigos que non tiñan moita vontade de buscar traballo, non era a primeira vez que algún cliente que se achegaba cos seus zapatos a botar unhas tapas, dicíalle que facía de novo alí, a súa contestación era sempre a mesma: veño ver se hai traballo para o meu irmán.
Fóra do local, sentada nunha pequena banqueta, estaba a nai de Juan, o zapateiro, coñocida por A Cacholeira (puxéronlle ese alcume porque lle encantaban as centolas), unha señora de avanzada idade, simpática e sempre disposta a preguntar aos máis novos con certa malicia: Mira, mira, rapaz ! Ti xa Jixaches ? Jajaja
A sobriña do zapateiro mentres recordaba estes recordos ría, eran épocas onde pouco había e pasábalo alí, con eles. Ademais cando tiña necesidade dunhas sandalias ela mesmo as facía, o calzado naqueles anos escaseaba, moitos mozos e mozas da súa época andaban descalzos, menos mal que ela podía achegarse a xunto o seu tío e deixáballe confeccionarse as súas sandalias, cun anaco de coiro preparaba unhas tiras de pel e recortaba coa axuda dun patrón de cartón a forma do pé.
Tamén houbo outro zapateiro, veciño de Cerponzóns, da familia dos Viéitez, desempeñaba o seu oficio nun baixo da praza da verdura, se mal non recordo o seu nome era Fernando.
Para finalizar quédanme aqueles veciños que desempeñaron o oficio na mesma parroquia, por exemplo Ramón O Crecho, tiña o seu posto no baixo da casa do señor Casimiro O Pesquello, e tamén Canducho, O Lajrimas, que durante un tempo estivo no baixo da casa da Chantona.
Pero, sen dúbida, o máis recordado na parroquia sexa Honorio Outeda (1932/2000), por unha banda polo seu oficio (desempeñado durante un par de anos no baixo da casa de Milagros A Cecila e despois no seu domicilio), por outra banda Honorio foi un veciño que desenvolveu un gran labor na directiva da Comunidade do Auga e, por suposto, polos moitísimos anos que xunto co señor Albino, organizaron as festas patronais, sobretodo as de de Sta. Lucia.
Honorio era natural de Barro, desde moi novo comezou a aprender o oficio, así que en canto podía defenderse como zapateiro xa buscou onde comezar, o seu primeiro lugar de traballo foi o baixo dunha casiña situada preto do bar da Rula, no lugar de Mane (Barro).
Cando casa, trasládase a vivir a Cerponzóns, alí comeza co seu taller en Pidre, no baixo da casa dos pais de Mila, estivo preto de dous anos alí, aínda hai veciños que o recordan os días de sol na beirarrúa de en fronte ao seu taller de traballo, sentado xunto aos irmáns Ángel e Antonio, mentres charlaban de todo un pouco, Honorio merendaba o seu anaco de touciño con pan.
Aínda que Honorio tiña moita clientela, o diñeiro que facía non era o suficiente para levar unha vida máis ou menos axeitada, así que decide abandonar o seu oficio e irse a traballar a Holanda, alí estivo uns anos, máis tarde atopou un traballo mellor renumerado e trasladouse a Francia, onde pasou tamén uns cantos anos. De volta a súa terra estivo en varias empresas, entre elas Clersa e Reyes Hnos.
A súa maior afección era o fútbol e o seu equipo preferido, o Celta de Vigo, era tal o seu amor polo club que durante moitos anos foi socio e sempre que podía achegábase a Vigo a ver os partidos.
Ao pouco tempo de xubilarse comezou a sentirse mal, unha cruel enfermidade levouno moi novo, contaba 68 anos.