Celso Xavier Milleiro Sánchez
Ramallo
María Ramallo cumpre dez anos como Alcaldesa de Marín, cunha envexábel maioría absoluta acrecentada cos resultados das últimas eleccións municipais. Sen lugar a dúbidas María impregnou outro xeito de facer as cousas, porén non por iso deberiamos aplaudir a cegas.
Unha das causas da abafante maioría absoluta ten a ver coa división das forzas políticas do galeguismo e da esquerda local, así como unha falla de liderado tras continuas crises internas nos partidos da oposición.
Permítaseme facer unha valoración crítica do seu proxecto municipal porque o que pode aparentar unha boa xestión semella comida para hoxe e fame para mañá. Os lavados de imaxe nas rúas da vila e os camiños do rural non parecen que sexan alicientes para parar a vaga continua de perda de poboación nin tampouco que as zonas azuis e disuasorias de aparcamento funcionen como solución á crise estrutural que atravesa o comercio local. Hai desinterese manifesto no desenvolvemento do PXOM que permita deseñar unha planificación industrial sostíbel, protexer mellor o rico patrimonio arqueolóxico ou darlle solución ao abandono do casco vello e de lugares como Cantodarea, entre outros.
Remato salientando o traballo realizado pola Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, de oposición construtiva e fiscalizadora ao Goberno Municipal do PP.