Manuel Pérez Lourido
Somos parvos e non temos remedio
Un home é un home é un ghato e un bisho. Isto que quede claro. Porque a un ghato non lle van ocorrer cousas como ás que lle ocorren a un home o a unha muller: mercar unha entrada para un concerto, dende a súa casa, co seu móbil, coa súa conexión a internet… e que lle cobren ghastos de xestión. Tócate algo, os pés por exemplo.
Nin tampouco un ghato sería quen de mercar unha escultura invisible por 15.000 euros (e de vendela menos). Somos parvos e non temos remedio.
Agora veñen de subir o recibo da luz coa escusa de baixalo. Imos pagar un ollo da cara polo consumo eléctrico, agás que despracemos ese consumo ás hora nas que adoitamos durmir para estar espelidos polo día e que non nos tome o pelo calqura. Xa non imos falar dos políticos que deixan a política e entran nos consellos de administración das eléctricas; máis que nada por non mesturar o cuspe con sapos e culebras.
Tiñamos que adicar un día ao ano, ou unha mañá, ou un mediodía, ou polo menos cinco minutos, a saír a rúa vestidos con tea de saco, un cordel na cintura e un periódico do día enrolado. E comezar a camiñar con ritmo procesional mentres nos sacudimos nas costas co periódico enrolado e salmodiamos con voz firme e melodiosa: “parvo, parvo, parvo"; “parvo, parvo, parvo". Non ía servir de case nada, pero se cadra nos medraba a conciencia un chisco. A conciencia de ser parvos, claro.
Outra das cousas parvas aceptadas por todos: facer posible que accedan ao goberno (xestión das institucións e bens públicos) entidades dun sesgo político que avoga pola xestión privada sen ningún tipo de disimulo. Apoian a educación privada, a sanidade privada, e moitas veces son acusados de gobernar cara a privatización destes servizos cando o único que están a facer é ser consecuentes coa súa ideoloxía.
Ou as entidades bancarias rescatadas cos impostos de todos nós para que despois os seus xefes se adxudiquen ingresos insultantes mentres a emprenden a despedimentos en operacións económicas por riba do límite da vergoña máis elemental.
Dicíao moi ben Celso Emilio, nunha sorte de oración: "Perdóanos, Señor, tanta parveza e ten piedade de nós, dos pobres parvos".