Manuel Pérez Lourido
Un bo amigo
"Garda ao teu amigo baixo a chave da túa propia vida". Iso dixo Shakespeare, que ás veces escribía de forma tan enigmática como o rastro que deixou da súa existencia.
Son moreas os ditos e refráns que existen sobre a amizade, un asunto elemental nas relacións humanas. A gran maioría deles non fan senón gabar as calidades dese lazo porque iso é o que pensa a maioría da xente: que a amizade é algo de moito valor que ha ser salientado.
E non soamente en frases se vai xuntando o aprecio pola amizade, tamén en expresións que callan nas falas dos pobos. Como a de "un bo amigo". Porén, non semella ser unha construción afortunada: os amigos ou son bos ou non son amigos. Está esa outra de "con amigos coma ti, para que quero inimigos" pero é máis un reproche.
O concepto que temos da amizade vai mudando cos anos. Os amigos son moi importantes, fundamentais, na primeira xuventude (supoñendo que haxa varias xuventudes e que as poñamos en orde). En todo caso, entón son máis ben compañeiros de vida, os que están ao noso carón e cos que cruzamos, collidos das mans, esa maleza da adolescencia. Compartimos medos, ilusións, e música de rock and roll. Todo iso mentres buscamos parella como se nos fose a vida no intento. E se nos vai, non poucas veces.
Máis adiante, a madurez persoal modula tamén os afectos. As amizades perden esa aura romántica e exaltada da etapa precedente e escollemos moito máis axeitadamente a quen queremos ter por amigos. O que antes xurdía de modo intuitivo agora é unha escolla xa pensada. Está tamén o sentimento, iso que os anglos chaman "feeling", pero a razón pesa máis.
Co paso do tempo, este vai facendo unha criba natural nas nosas relacións e chegado certa altura da vida, xa son poucos os compañeiros que levan décadas con nós e podemos chamar amigos. Verderos tesouros, poucos sucesos poden acontecer para impedir que sigan con nós ata o final.
Aínda imos salientar un dato máis que fala da moita consideración en que temos á amizade. Trátase dun baremo elemental, primitivo, e polo tanto honesto onde os haxa. Trátase da lista das fases dunha enchente, esas cousas que pasan cando nos poñemos a beber e non freamos a tempo (porque non sabemos, porque non queremos ou porque calculamos mal). Lembremos eses puntos:
1- Facilidade de palabra
2- Exaltación da amizade
3- Cantos rexionais
4- Superpoderes
5- Tuteo á autoridade
6- Insultos ao clero
7- Destrución do local
Certo que é unha clasificación un chisco rancia, certo que non sempre se observan todos os chanzos e non sempre nesa orde. Pero os puntos dous e tres non fallan nunca.