Tribuna Viva
Menosprezo e ninguneo da Consellería do Mar ao sector percebeiro
Con data 13 de maio presentábase un recurso de alzada contra resolución da xefatura territorial da consellería do mar en Vigo pola que se ampliaba o período de extracción de semente de mexillón en bancos naturais e que se lle concedera de forma extraordinaria aos bateeiros para o mes de maio do presente ano.
Pasado máis dun mes, ainda non se tivo resposta algunha por parte da Consellería do Mar, o que ven a demostrar, segundo interpretan as confrarías, que os percebeiros teñen toda a razón nas súas reivindicacións, e ao comprobar que a Consellería do Mar dá a calada por resposta.
Iso sí, existe un novo borrador de orde reguladora da actividade extractiva da mexilla, e que só foi posto a disposición dos bateeiros. As confrarías dispoñen do borrador? Sí, fixéronse coa orde, mais pola porta de atrás. O feito de non ter coñecemento deste documento o sector máis afectado e prexudicado coa actividade extractiva da mexilla só pode cualificarse de insulto, menosprezo e discrimación da Consellería do Mar ao sector percebeiro
galego.
En canto ao contido do borrador, que dicir? comprendemos que só se lle facilitase ao sector bateeiro, dado que nin se fai mención ao percebe, nin se contempla ningunha zona de reserva de extracción da mexilla, a pesares das propostas presentadas en reiteradas ocasións polas confrarías. Únicamente se fai referencia a este aspecto nun dos parágrafos do texto do proxecto de orde e no que se expresa textualmente "a xefatura territorial poderá establecer zonas de reserva para os efectos da recuperación do recurso (a mexilla, non o percebe) durante todo ou parte do período habilitado para a extracción de semente". De coña!! crendo que a consellería do mar nunca vai determinar limitación algunha, pois de ter intención de facelo, as zonas de reserva xa estarían reflexadas no borrador de orde.
Este proxecto de orde pode cualificarse como incluso pior que a orde reguladora vixente e que data do ano 2000, pois o período de extracción da semente de mexillón establécese agora dende o 1 de decembro até o 15 de xuño do ano seguinte, cando antes ía até o 30 de abril. O único que pretende 'vender' a consellería do mar é que haberá un maior control da actividade extractiva, no referente ás cantidades extraídas, á identificación dos recolledores de mexilla, á trazabilidade da especie, etc., e a este respecto as confrarías fanse a seguinte pregunta: quen vai controlar e vixilar estes aspectos?. A resposta é fácil, - como até o de agora-, é dicir, ninguén.
Pero de verdade a Consellería do Mar pensa que esta é a mellor estratexia para avanzar na solución do conflito entre os sectores bateeiro e percebeiro? Acaso se dá por feito que o sector percebeiro vai 'tragar' co contido desa norma? Ou é que se lle vai presentar un borrador distinto ás confrarías de percebe?
Está claro que aquí do que se trata é de gañar tempo, distraer a uns e a outros, alongar ao máximo o problema durante a lexislatura e non asumir a responsabilidade de garantir a convivencia entre dous sectores produtivos e a sostibilidade do recurso (percebe). As confrarías pregúntanse tamén, de que valeron as numerosas xuntanzas mantidas na Federación Provincial e no grupo de traballo da mexilla (Consellería do Mar-Asociacións de Mexilloeiros e Federacións de Confrarías)? Cantas horas perdidas para dar voltas en círculo, sen obterse resultado e para ser permanentemente enganados.
A partir daquí, xa se valora o emprendemento de actuacións máis serias, comezando por solicitar ante a Federación Galega de Confrarías, a convocatoria dunha reunión urxente das confrarías de pescadores de Galicia con sector de percebe, co obxecto de analizar a situación actual e adoptar si cabe, medidas doutro calado.
José Manuel Rosas Otero. Presidente da Federación Provincial da Confraría de Pescadores de Pontevedra.