Pedro J. Peón Estévez
Os loucos anos vinte (do século XXI)
Remato de ler con fruición o excelente artigo do profesor Tomé e pónhome a escribir. A segunda década do século XX foi apodada como "Os loucos anos vinte". Tinha un marcado sabor americano e francés co seu minué, charlestón, foxtrot, swing etc. O cine fascinaba ás masas con máxicas imaxes en movemento.
Anos da frivolidade na música e as modas. Era a maneira que tinha o povo (sobretodo as elites) de esquecer os horrores da primeira Grande Guerra e a terrorífica gripe do 18. Pero, como de costume, cando a humanidade se relaxa (véxase Sodoma e Gomorra) vénselhe o mundo encima; a depresión de 1929, verdadeiro trauma económico a nivel mundial.
Eran tempos de vestidos de tirantes con flecos e cabelos recortados:
" Hay que ver como trabajan los barberos
Con la máquina del dos y la del cero
Zapatitos de charol / el pelito a lo garçon
Y su madre trabajando en el carbón"
Ese último verso fala da outra cara da "Belle Époque". Así seguía:
"Las muchachitas de ahora
Llevan chaleco de fantasía
El pelito "a lo Manolo"
Y la barriga media vacía". ( Comer, non comiamos pero rir riabamooos! )
Entre eles, a gomina e o pantalón de campana eran o máis:
"La melena no la corto
Porque no me da la gana,
Mientras no saquen los hombres
El pantalón de campana"
( Aprendido da minha mae, que cantaba estas cousas sendo eu rapaz )
Sen dúbida, as décadas vinte, corenta e sesenta marcaron a filosofía do século XX, porén o auténtico século XX Cambalache, que profetizara o inspiradísimo músico arxentino Enrique Santos Discépolo, habíanos chegar nos tolos anos vinte pero deste extranho século XXI.
Os presentes anos vinte comezan cunha pandemia de proporcións planetarias onde o protagonista absoluto chámase COVID 19. Como queira que este virus mata en silencio,segue sen ser tomado en serio por boa parte da xente que se relaxa, festexa, bebe e baila como se non houbese manhán (e de feito, para moitos, non o hai).
Celébrase o fin das mascarinhas con xúbilo, como se nos tiveramos liberado dun cepo, unha bota malaia, un corpinho, unhas argolas ou un cinto de castidade. Como se foramos o París liberado da opresión nazi. A grande diferencia é que antes o inimigo vinha de fóra pero Covid anda con nós, come e dorme con nós, en fin; vive con nós. É un máis da casa e negámosnos a velo así e, mentres nos divertimos e baixamos a garda, Covid máta en silencio. É unha cuestión ben sinxela; trátase del ou de nós. É a natureza mesma: quen se adapta, prevalece. Pero como quen morre faino na soidade dunha UCI, non nos vai nin nos vén. Olhos que non ven...
Estes anos vinte xa se levaron por diante varias persoas moi queridas da minha entorna máis próxima. Estes vinte queren fagocitar toda a minha xeración e o que é peor; as xeracións máis novas. Decátanse vostedes que na medida en que os maiores nos imos protexendo, o virus ataca ós mozos ?
Aínda non estamos a salvo de nada nin velhos nin mozos. Unha recente viaxe ás Baleares provocou un brote perigoso en Pontevedra, en toda Espanha, entre xente moi nova. A terrible cepa india está entre nós agochada, agardando un descoido.
Non deas nada por feito, non ponhas o carro diante dos bois nin vendas a pel do oso e non tires a mascarinha que aínda queda moita guerra. Non a guindes a mascarinha ó aire como a gorra dos licenciados. Non amoses o sorriso porque se che pode conxear e, por unha vez, lévalhe a contra ó Governo: pon a mascarinha, sempre
Iso é o máis salientable deste cambalache infernal. O outro é a telefonía móbil que, como todo invento, ten cousas boas e malas. Como todo; a meicinha nuclear é un ben da humanidade e a bomba atómica, unha maldición. E así con todo, mesmo cos móbiles. Grazas a eles, ninguén cala, ninguén escoita, todos entenden mesmo sen
saber, envurulhados nun batifondo infernal. O que lhes acoplou unha cámara abriu a caixa de Pandora. Eis o novo Boi Apis, un ídolo con pés, senón de barro, de "terras raras". E pensar que non é máis que un simple emisor-receptor de radio...! Coma así, é a cousa máis aprezada que posúes cando ficas ilhado nunha sala de hospital, dígocho eu. Velaí a devandita dualidade dos inventos. E para rematar, unha canción profética:
" Ponte la máscara, la máscara
Ah ah aah aaah!
Ponte la máscara, tu máscara
Y podrás tener felicidad ".
( Pepa Flores 1964 )
En fin....
"Siglo XX (...e un), cambalache, problemático y febril
El que no llora, no mama y el que no afana es un gil"
Discépolo dixit...Eis o resumo da política actual.