José Freire
Catalunya
Podemos discutir o que queiramos, pero non cabe dúbida que a reivindicación separatista dos cataláns na Diada, ademais de maioritaria, é o punto de inflexión na carreira que iniciaron os nacionalistas cataláns en demanda da súa autodeterminación. ÿ certo que, como dixo a Vicepresidenta Saiz de Santamaría, tamén gobernan para outro número importante de cidadás cataláns que non saíron ás rúas. Pero moito me temo que con eses non se pode contar á hora de contrarrestar as ansias separatistas.
O que resulta dramático é que isto vén no peor momento posible, no medio dunha profunda e xa longa crise, de turbulencias financeiras, de revisión do estado do benestar ou dunha corrupción que se incrusta na sociedade e afecta á credibilidade das institucións.
O que resulta cada día máis evidente é que a distribución territorial, a conformación do Estado que se fixo na Constitución, debe aclararse e pecharse, porque isto do Estado das autonomías, que é unha forma federal de organización territorial, chamada doutro nome, coas "nacionalidades e rexións" que sinala a Constitución, nos está a conducir a movementos separatistas, uns buscando a confederación da España "plurinacional" e negando que sexamos unha nación, e outros directamente pola independencia. E algúns ven iso dos referendos sobre independencia noutros países con absoluta normalidade, pero eses países non son España e aquí as cousas serían de distinto xeito se nos atemos á nosa historia cainita. Definir que comunidade é rexión e cal nacionalidade, concretar esa diferenza en termos políticos e competenciais, manter a igualdade en dereitos e deberes de todos os cidadáns do Estado, en calquera comunidade autónoma, e controlar e impedir os movementos separatistas, respondendo coas armas da lei se fose preciso, é o reto dos próximos anos dos partidos nacionais.
Non só os cataláns, senón mesmo a sempre sorprendente Esperanza Aguirre di que hai que catalanizarse, quererlle aos cataláns, adaptarse ás súas demandas para que eles se sintan cómodos. E cada día é maior o número de persoas, de dereitas e esquerdas, que están ata o cocote destes privilexiados, de que nos perdoen a vida e nos digan o que temos que facer sen respectar a nosa opinión e a nosa decisión, de que nos traten como quen desculpa a un parvo, de que nos miren por enriba do lombo, de que se crean superiores, de que falen de dereitos do territorio e esquézanselles as persoas, do seu egoísmo, de que sancionen por usar o castelán...De todo iso e dos políticos que, por conseguir o poder, manteñen posicións que debilitan ao Estado español.
España é unha nación. Así o di a lei de leis e o órgano que crearon os políticos para interpretala, o Tribunal Constitucional. Así o creen unha maioría de españois. A estrutura do Estado desa nación pode adaptarse, descentralizarse, respectar e comprender sentimentos de cidadáns doutros territorios que, política e culturalmente, poden considerarse unha nacionalidade como sinala a Constitución, pero pretender unha consideración xurídica de nación cunha descentralización do Estado que é crear un propio, pretendendo impoñer normas e pautas de funcionamento a toda España para "adaptarnos ao que queren os cataláns, iso non pasou nunca e por menos hai escritas negras pasaxes na nosa historia.
Os dous partidos maioritarios deberan formar unha fronte común contra este pulso do nacionalismo catalán. E non se fai. A xente está ata as cellas do que se fai mal e se explica peor. E ve, por unha banda, como o Goberno está a transmitir unha sensación de debilidade e de sometemento á Generalitat de Catalunya, sen que nos aclare aos cidadáns, por exemplo, que hai detrás diso do diálogo sen data de caducidade.
E pola outra, como este problema lle crea unha crise de cabalo ao PSOE, xa que o PSC non vertebra España, non é de España, é máis nacionalista que socialista e iso é unha ruína para este País e os españois. Cando persoas moi destacas do PSC, que é un partido político propio aliado co PSOE, que en Catalunya non existe, avogan porque os seus deputados en Madrid teñan grupo propio, con voz e estratexia propia para defender os intereses de Catalunya, ponse en evidencia que o PSOE non pode ser o vertebrador da nación española, porque os seus aliados cataláns non teñen unha visión política coincidente sobre o mesmo territorio, son nacionalistas, queren e traballan para Catalunya e desprezan a España.
Mas pide a independencia. O Estado de Dereito non o permitirá, pero conseguirá un concerto económico como o vasco e navarro. ¿Quen lle di, estimado lector, que este non foi o tema estrela da entrevista secreta con Rajoy?. Iso conduciría a unha maior desigualdade social entre os territorios que integran este País chamado España.
Apoio a consulta sobre a independencia de Catalunya. Máis, como español, galego e pontevedrés, tamén teño dereito a votar. E senón, é trampa.
Pontevedra, 22 de setembro de 2013