Marta Rodríguez Engroba
Como demostro que dixen non?
Cada vez me reafirmo máis na miña opinión de que aos nosos políticos, ou, a lo menos, a unha boa parte deles, se algo lles falta é traballo de campo, contacto coa realidade, e o digo con mágoa, porque, obviamente, repercute negativamente en todos nos, na nosa sociedade.
E se hai algún eido no que isto é aínda máis evidente e no relacionado coa violencia sobre a muller, ou, dito doutro xeito, no Ministerio de Igualdade, dando as veces a sensación de que a ministra, e con todo respecto o digo, vive nunha especie de burbulla, elaborando as súas as veces un tanto particulares ideas sobre a violencia de xénero, sobre o feminismo, ignorando o que acontece fora dela, o que a leva a facer propostas que, non digo eu que sexan malas nin mal intencionadas, pero desde logo, realistas e doadas de levar a práctica, non sempre son.
E esta semana tivemos, creo, un exemplo máis do que estou a dicir.
O goberno deu luz verde ao proxecto de lei de liberdade sexual, a coñecida coma "ley de solo si es si", impulsada polo Ministerio de Igualdade, por mor da cal, din, " Toda relación sexual sin consentimiento se considera agresión" establecendo que "Solo se entenderá que hay consentimiento cuando se haya manifestado libremente, mediante actos, que, en atención a las circunstancias del caso, expresen de manera clara la voluntad de la persona", eliminando esta norma o delito de abuso sexual, pasando a considerarse agresión toda relación sexual que se produza sen consentimento.
Esta lei, di a ministra, "te libera de demostrar que te has resistido, que hubo violencia o que te sentiste intimidada".
Francamente, serei moi curta, seguramente, pero confeso que non me aclaro, porque, a ver, imos por partes, e tentemos ser lóxicos.
Evidentemente, non podería concordar máis con que soamente si é si, e con que, por descontado, toda aquela relación sexual mantida sen consentimento é, se mire por onde se mire, agresión.
O meu corpo é meu e ninguén pode decidir por min que facer con el, ou obrigarme a realizar calquera practica que eu non desexe, isto o teño claro, pero, pensemos por un momento, por exemplo, nunha circunstancia que se pode dar, e, de feito se da, con máis frecuencia ademais da que imaxinamos.
Unha parella comeza a intimar, todo semella indicar que acabarán por manter relacións sexuais, máis, nun momento dado, ela cambia de idea, e decide non continuar adiante.
Se estamos a falar dunha relación normal, por definila dalgún xeito, non pasará nada, aí remata todo, pero, se non é así, e a outra persoa non está disposta a poñer freo, e insiste en seguir, malia que sexa a forza, e tendo en conta que isto sucederá en privado, agás que cando ela se resista él chegue a provocarlle lesións, por máis que ela denuncie, como vai demostrar que foi forzada?.
Obviamente, él o vai negar, e afirmará que a relación foi consentida.
Vai ser a palabra dun contra a doutro, e sabemos que non se pode ignorar a presunción de inocencia, por máis que non poucas veces teñamos claro que de inocencia non ten máis que o nome.
Pensemos noutro suposto.
Unha muller vítima de violencia de xénero, que rexeita ter relacións co seu maltratador, pero a que él ameaza con posibles represalias se non cede ou mesmo se non realiza determinadas practicas que ela non desexa.
Ou, outro caso moi frecuente nestas terribles situacións, a vítima, aínda nesa fase na que se cre namorada do seu agresor, é chantaxeada por este, que a ameaza con ter esas relacións con outra se ela non accede.
En ambos-los dous casos, a muller cede baixo presión, sendo, porén, forzada, mesmo as veces, de feito a maioría, sen ser ela mesma consciente disto, porque aínda se tende a pensar que, se non hai violencia física, non hai violación, sendo isto falso.
Podo asegurar, creo que con toda rotundidade, que non hai nin unha soa muller vítima da violencia machista que non sexa forzada sexualmente, e todas cantas pasamos por ese duro transo o sabemos ben, malia que o noso maltratador non nos golpeara ou non se nos botara enriba despois de tirarnos no chan para acadar o seu obxectivo.
Hai moitos xeitos de forzar.
E de novo isto sucederá na intimidade, sen testemuñas, e sen lesións que evidencien que foi un acto forzado, polo que, ante unha futura denuncia, demostrar que esas relacións non foron consentidas, non se tiveron libremente, vai ser moi difícil, por non dicir claramente imposible.
Di ademais a ministra que, no caso de saír adiante, esta lei "te libera de demostrar que te has resistido, que hubo violencia o que te sentiste intimidada".
Honestamente, creo que tampouco debería ser así ao cen por cen, e son consciente de que, chegados a este punto, estou a meterme nun terreo pouco menos que minado e tocando unha cuestión da que non gusta falar, pero que, malia que nunha porcentaxe ínfima, certo, e quero que isto quede moi claro, EN NINGÚN CASO se pode utilizar para xustificar o inxustificable, existe, e esa presunción de inocencia da que eu sempre digo e reitero que, no que atinxe a violencia sobre a muller, por desgraza, creo que se abusa en favor dos agresores, pode ter, nalgunha ocasión, razón de ser, polo que entendo que tampouco é xusto condenar de xeito unilateral así, sen máis.
En calquera caso, como é posible levar a práctica o que o proxecto de lei propón, "Solo se entenderá que hay consentimiento cuando se haya manifestado libremente........", se estamos a falar, repito, de actos que, agás raras excepcións, se levan a cabo na máis estrita intimidade?.
Como nos organizamos, asinamos unha declaración xurada antes dos preliminares, de que imos ter esa relación voluntariamente, por propio desexo?.
Levamos con nos unha testemuña que presencie o acto e dea fe de que todo transcorreu tranquilamente, sen presión nin violencia de ningunha clase convertendo o escenario de cada relación nunha especie de camarote dos irmáns Marx?.
Ironías aparte, é evidente a necesidade de lexislar todo o relacionado con este tipo de delitos, e de xeito urxente, ademais, pero non é tan sinxelo.
Estamos a falar dun tema moi complexo, de delitos que case sempre contan coa privacidade, coa ausencia de testemuñas como aliadas, e nos que as veces o si inicial, polo motivo que sexa, muda nun non, non sendo isto, por desgraza, respectado, pero con moi poucas posibilidades de ser demostrado, o que nos leva, unha vez máis, a conclusión de que propoñer leis é relativamente sinxelo, supoño, pero levalas a práctica, máxime sen coñecer a fondo o terreo, a realidade, nos que hai que aplicalas, non o é tanto, e que unha muller poida demostrar que dixo non é un exemplo evidente.
Asociación Si, hai saída