Gonzalo Sancho
A carreta de man
A Manolo Escobar roubáranlle o carro por telo pulcro, por semellar ouro os cravos de limpos que os tiña.
Eu precisaba presentar a miña carreta da horta decente para facer un cesto de froitos ornamental. Orgullo do agricultor para contrarrestar a ironía da parentela que consideran que estás medio tolo por prantar tanto, moito, de máis. …. - Pero tí para quén prantas?-. -Para Dei Inmortalibus-. Non terán toda a razón, pero algo certo dicen: 52 tomateiras para unha familia pequena é moito.
Debía limpar a carreta, e así o fixen.
Virxilio, nas súas Xeórxicas, aconsella que si non é tempo de estar na horta, debes de aproveitar para manter os aperos de labranza.
A carreta de man metálica, que xa é moito máis cercana a nós, é unha das millores ferramentas da agricultura tradicional, (a de legón, vaia). Palanca de segundo xénero que coa roda como fulcro pode mover o mundo.
Este carro de man que amoso na fotografía ten levado: postes de viña, malas herbas e boas cos seus terróns, restreba, pedras, leña, mazáns que caen ao chan, esterco, erra, terra e terra, rizomas de fento, desas que baixan ata o averno, si é que non chegan máis alá.
O carro co tempo, impertérrito i emporcallado. Había que mirar por el que tantas bondades ofrece no campo. Eu quería inmorzalizar os meus froitos enriba da cubeta para calar bocas críticas, familiares, ben queridas e xunguidas a min. As outras, que berren si queren, como a de Munch.
Un pouco de sebo no eixo da roda, deixalas de costas cando vai chover, é todo o mantemento que precisa unha carreta de man. Tapouco son eternas. Limpala deste xeito, lia a coña entre os veciños.
Non é propio do agricultor ter productos comerciais de limpeza na horta. Xa a natureza fornece xenerosa e sabia, si coñeces as prantas. As matas vexetáis non alteran a paisaxe do agro, nin contaminan.
Dase de xeito ventureiro na finca a xabroneira, bataneira, e outros nomes que recibe en Galicia. Saponaria officinalis; e así non hai confusión posible. É unha pranta que como ben indica o seu xénero ten saponinas: xabón. A fotografía amósano claramente; igual que mostra un escallo con follas e flores para recoñecer a pranta. Na proba de ecuma alcanza un grado de altura maior: ^15 mm.
Con este recurso e auga da boca mina (aqua virgo) púxenme a fregar ata que a pranta sacou as súas sustancias depurativas; facendo escuma, como a que facía aquel lagarto de nome comercial. Frota que frota, restrega que restrega, desapareceu a ferruxe co seu engadido. Tamén decía Virxílio que ningunha relixión prohibía meter as ovellas no río para sacarlle a roña. Eso dicía Virxilio. Agora hai menos deuses, moitos adiantos, algúns atrasos e pouca fe.
A carreta quedou como os chorros de prata, supoñendo que prata e ouro sexan nobres.
O bodegón froiteiro non vou amosalo. Quen dera ser artista. Chega de abondo con traballar a terra que non deixa de ser arte.