Tribuna Viva
Persoal sanitario esgotado física e psicolóxicamente ante a falta de persoal e de empatía
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo facemos un chamamento á responsabilidade individual e aos órganos de goberno municipal e autonómico ante o brutal incremento de casos Covid no noso concello e arredores.
Os médicos de familia están atendendo unha media de 90 pacientes por xornada, e o PAC vése desbordado, no que só existe un facultativo para atender, por quenda, arredor de 100 pacientes.
Os seguimentos de Casos Covid e probas de cribado están levándose a cabo en Baltar. O que fai que o persoal teña que aguantar turnos de 14 horas, un día tras outro.
Levamos 14 meses de loita, con pequenos remansos entre baga e baga no que o persoal (administrativos, persoal de limpeza, enfermeiras, médicos, etc.) tratan de devolver a normalidade ao servicio sanitario público pero cada vez con menos persoal e maiores requirimentos e sacrificios. Non dá chegado a normalidade ás vidas dos sanitarios, os cales non se consideran heroes nin heroínas pois cobran polo seu traballo e teñen un aguante limitado, como o resto da xente, ven como se esgotan as súas forzas, como todo o que levan loitado non serve para nada, só para debilitalos máis, sen dar chegado a fin. Encontrándose pola rúa persoas que eles mesmos positivaron de Covid, vendo como as aglomeracións son fomentadas desde o propio goberno municipal. Van esgotándose física e psicolóxicamente ante a falta de persoal e de empatía tanto das persoas de a pé como dos políticos que toman decisións que nada teñen que ver coa realidade sanitaria, evolutiva e preventiva.
As medidas adoptadas polos nosos gobernantes non son acordes a ciencia senón a outros intereses nos que non imos entrar. As medidas de ocio nocturno aplicadas pola Xunta e polo alcalde de Sanxenxo: certificado de vacunación e test de antíxenos, son un pasaporte ao libre contaxio.
Os test de antíxenos ou de saliva só sirven cando as persoas xa teñen síntomas, polo que unha persoa pode dar negativo e estar xa contaxiada pero non ter desarrollados os anticorpos que dan positivo; pois só éstos aparecen a partir do cuarto ou quinto día despois de terse contaxiado.
O estar vacinados, só serve para que se o pillas, non sexa tan letal, pero que nin te zafa de contaxiarte nin de contaxiar. Aínda así e todo, unha persoa vacinada cun sistema inmunolóxico debilitado ou de idade avanzada pode sufrir secuelas que lle van complicar o seu estado de saúde e incluso a súa supervivencia.
Cada vez que alguén se salta as medidas de prevención antiCovid, non só está decidindo sobre a súa vida senon tamén está interferindo nas vidas de todas as persoas que a rodean e que confían nela. Claro que podemos comezar a vivir, saír e disfrutar, pero non así, con responsabilidade e tomando as medidas de prevención necesarias, só así poderemos vencer ao Covid. Sen aglomeracións, sen ocio en interiores e con supervisión das autoridades no cumprimento das medidas de prevención e seguridade. Sexamos responsables.
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo.