Marta Rodríguez Engroba
Violencia de xénero, un lucrativo negocio, exceso de "expertos" e moi poucas solucións reais
A orixe desa sensación miña de estar a vivir algo xa vivido foi que a primeira imaxe que vin foi un calco case exacto do mencionado programa, no que tamén se falaba de violencia de xénero, baseándose na historia dunha famosa, como fan cada ano para encher os baleiros das noites estivais, sendo, nesta ocasión, a quenda dunha cantante e dos supostos malos tratos que sufriu por parte da súa ex parella, un coñecido actor xa falecido.
Non me vou, como xa fixen no caso anterior, por máis que moitos "ilustrados” se empeñaran en facer ver o contrario, a pronunciar sobre a historia de esta señora, e con todo respecto o digo, se ben é verdade que os fragmentos dalgunhas entrevistas feitas aos dous durante a súa relación, que reproduciron no programa, son, na miña opinión, máis que reveladores.
Aínda así, reitero, non me considero quen para pronunciarme ao respecto.
Esa sensación de revivir algo anterior a que aludía veu dada porque, ao primeiro golpe de vista, o escenario que estaba a ver era unha reprodución idéntica do mencionado programa.
Tanto é así, que, de feito, algúns dos convidados eran exactamente os mesmos, algo, como mínimo curioso, tendo en conta o antagonismo das dúas canles.
Algún xornalista, algunha vella gloria televisiva, e mesmo un toureiro que, se por algo non destaca precisamente e polo seu talante feminista, pero que agora non dubida en subirse ao carro da violencia de xénero e contar o inferno vivido pola súa nai, falecida hai anos, entrevistaron a irmá da cantante, debullando, entre pregunta e pregunta, as súas, non opinións, non, se non auténticas sentenzas en materia de violencia de xénero.
Vexamos.
Ata onde eu sei, ningunha destas persoas e personaxes son especialistas nesta delicada materia, e, para exemplo, non había máis que escoitar a un deles, do cal descoñezo o nome, máis si me consta que no único que é especialista é en informar sobre o mundo do "cuore” e dos famosos do momento, que se refería a este tipo de relacións, nas que a violencia machista está presente, como "pasionais” e "de amor-odio”.
Sen comentarios.
Por outra banda, dúas xornalistas, neste caso mulleres, unha das cales domina exactamente a mesma materia que o anterior e outra coñecida polo seu traballo en docu-realities pero, principalmente, por termos vendido, capítulo a capítulo, hai unhos anos, o seu embarazo coma se fora unha das 7 pragas bíblicas, que, despois de apurar ben o filón da outra canle, a que, sen dúbida, volverán no outono para seguir participando nas sucesivas entregas do culebrón que tanto defenden, se expresaban e facían afirmacións xa non soamente sobre violencia machista, se non sobre conceptos legais e xudiciais, con tal rotundidade e tal prepotencia, que semellaba sobrar todo o eido xudicial e legal deste país.
Eso si, todos eles, sen excepción,pasaron por alto o feito, coma xa nos teñen acostumados, de que algúns dos presentes, e dos entrevistados, manifestaron con toda claridade ser coñecedores, ou mesmo testemuñas, deses presuntos malos tratos, obviando, porén, que foron cómplices dun delito, ou de reiterados delitos.
E eu non podo evitar preguntarme, en primeiro lugar, xa que son, polo visto, os novos "referentes” en materia de violencia de xénero (que non nos pase nada peor, que abondo temos xa!), por qué, xa que saben tanto, e tan concienciados están, non inciden na gravidade de converterse en cómplices do agresor, calando o que sabían, ou mesmo presenciaron, deixando claro que facelo é un delito, en lugar de lanzar esa mensaxe de impunidade que tanto e tan grave dano está a facer?.
Porque é absolutamente indecente que calaran no seu momento, pero que non teñan o menor reparo en facer caixa agora a costa do delito que agocharon no seu día e das mulleres que foron vítimas del.
Por qué os responsables das canles de Tv. e dos programas non teñen en conta este tipo de cuestións?.
A todos eles lles pediría que se fixeran unha reflexión:
Algunha vez se pararon a pensar que, tendo en conta a indubidable repercusión que este tipo de programas, para ben ou para mal ,teñen, se desde eles se lanzase a mensaxe de que, quen sendo coñecedor dunha situación de violencia de xénero, cala, ademais de cometer un delito, está a converterse en cómplice do agresor, si estarían a ser unha grande axuda, si estarían a contribuír a concienciar a sociedade, en lugar de fomentar xustamente o contrario?.
E neste punto, creo que é a propia xustiza a quen se debe facer un chamamento, pregándolle que actúe ante este tipo de casos.
Que actúe, de xeito que, quen sabendo, vendo, cala, teña claro que vai ter que pagar por isto, que non lle vai saír gratis, porque, señores e señoras xuíces, da a sensación, e, de feito así sucede, de que, no que atinxe a violencia de xénero, o silencio cómplice ten a impunidade garantida, e así, permítanme que con toda humildade lles diga, non imos a ningures.
Por outra banda, cando se aborda un tema tan grave, o mínimo que se pode pedir é que o fagan auténticos especialistas, e non soamente pola titulación, se non tamén pola sensibilidade e polo sentido común, non personaxes que o único que buscan é o seu propio beneficio e potenciar as súas traxectorias televisivas, como se está a facer máis que evidente.
Outra cousa é que non se queira admitir,porque semella que, para acadar audiencia, todo vale.
A violencia machista xa acadou unhas cotas insoportables, sinxelamente arrepiantes, pero, curiosamente, é o delito en relación co cal proliferan os "especialistas”, que atopan nela un negocio do máis lucrativo.
O que é evidente, por máis que non se queira admitir, pero as cousas hai que chamalas polo seu nome, máxime cando se fala de vidas, é que a violencia machista é un suculento filón, un lucrativo negocio, para moitos, a vista está, e mentres isto siga sendo así, e non se implementen solucións auténticamente reais, de verdade, a nos, as mulleres, nos seguirán matando case con total impunidade.
Asociación Si, hai saída