Juan José Esperón
Oficios dos veciños: vigairo, mordomo, alcalde de barrio...
VIGAIRO : Persoa que, nalgúns lugares e por roldas, reúne e preside a asemblea de veciños, represéntaos no concello, encárgase de asuntos de interese comunal e, máis modernamente, organiza as festas da parroquia.RAG.
MORDOMO : Persoa encargada de organizar a festa da parroquia. RAG.
ALCALDE BARRIO : O designado polo alcalde como delegado seu nos barrios das cidades e vilas grandes ou nas parroquias.RAG.
Unha parroquia milenaria como Cerponzóns debeu ter ao longo de tantos anos muitos veciños que desempeñaron, entre outras denominacións o oficio de Vigairo, Maiordomo ou Alcalde Barrio.
VIGAIRO :
Dadas as características das nosas aldeas e parroquias, desde sempre houbo quen tiña a función de representar aos seus veciños e á vez de ser o delegado ou representante do señor xurisdiccional, a súa función era necesaria para executar cobros, informar e dirixir obras a realizar, vixiar polo seu cumprimento etc., en época romana coñecíase a este personaxe como “Villicus ” ou “Vigairo”.
Tiña tamén a obriga de gardar as pesas e medidas fieles da parroquia, hai quen as gardaba na sacristía, mismo na parede de algunha igrexa facían a marca das medidas polas cales sé guiaban. O Vigairo poñía adíutos (edictos) na porta da igrexa para así informar a veciñanza.
Na parroquia temos un lugar que se denomina Vigario, o máis seguro que nese lugar houbo un veciño que ocupou o cargo de Vigairo e “bautizouse ” o lugar con esta denominación. No ano 1713 o lugar xa recibía o nome de Vigario.
MORDOMO :
Foi na Idade Media cando se lle comeza a coñecer como Mordomo, ademais nomeábase un Xuíz, elixido por votación popular, anos máis tarde os xuíces serían nomeados polo Señor ou o Rei.
Aínda así, dependendo do lugar, por exemplo a nosa parroquia, un pequeno ámbito territorial, o cometido a realizar naquelas funcións administrativas e xudiciais recaía nunha soa persoa, recibindo o nome de maiordomo pedáneo.
Os mordomos realizaban a cobranza dos diezmos ou rendas, inclusive as multas.
Eran numerosas as funcións que tiñan naqueles tempos, constantemente tiñan obrigación de realizar censos, estatísticas, realizar a función de policía rural, vixiando e dando aviso para a conservación dos camiños, responsabilizábase de aproveitar os montes e plantíos reais, vixiaba as curtas de árbores, preocupábase de manter os viveiros reais, impedía a ocupación de terreo das dehesas polos propietarios colindantes, tamén era o encargado de facer as festas etc.
A través dos tempos a elección de mordomo foi variando, ao principio eran os veciños quen elixian quen sería o mordomo, anos despois era o señor civil, o xuíz ordinario ou o eclesiástico, quen o nomeaban.
De momento non teño datos referentes a como elixian os veciños de Cerponzóns ao seu mordomo. Sirvan dous exemplos que vou comentar para supoñer que na nosa parroquia sería escollido seguramente do mismo xeito, dado que son datos recollidos de parroquias próximas á nosa.
A maioría das veces a designación de mordomo realizábase o día primeiro do ano ou o día do Patrón, a reunión celebrábase no atrio da igrexa e despois da misa, acudían á reunión os Cabezas de familia, o mordomo saliente tiña unha lista preparada cos nomes dos posibles candidatos.
Unha das formas consistía na de puxar polo posto, o veciño que máis diñeiro ofrecía para ostentar o cargo era o que saía nomeado, o diñeiro que ofrecía na púxaa utilizábase despois para celebrar cos veciños unha comida, así de paso festexábase a nominación de mordomo durante un ano.
A outra elección era máis curiosa, o mordomo saliente levaba consigo unha baralla de corenta cartas, barallaba as cartas e cortábase, todos os cabeza de familia asistentes colocábanse en círculo e comezaba a dar volta carta por carta, collía a lista é nomeábase un veciño e ensinábase a carta que saía, así ata que aquel veciño que lle tocase o rei de espadas era o elixido e quedaba designado mordomo para ese ano.
Nas xuntanzas cos veciños o mordomo vai decindo os asuntos a tratar, os demáis veciños tiñan dereito a decir é opinar o que pensan sobre cada asunto, e os acordos eran por maioría.
O habitual que se trataba era o relacionado cos arranxos dos camiños, limpeza de fontes, limpeza da igrexa, do cemiterio, de algún edificio do común, tamén se trataba o reparto de persoal para traballar nos lugares indicados, de asuntos que foran necesarios para aproveitar os montes : rozas, cortas de leña etc., horarios para as augas pró rego, horarios de muiños etc.
Daquela unha gran maioría dos homes eran de poucas letras, o analfabetismo era predominante, pero tiñan unha gran memoria, cousa que dese xeito non había muito que escribir, quedaballe ben grabado tódalas obligacións.
Con relación a función de mordomo na parroquia de Cerponzóns atopamos documentos onde no ano 1652 aparece como Mordomo/Maiordomo Gregorio dá Barçia, tiña ao seu cargo a cofradía de San Xpobal (así o recollemos).
No ano 1752, no Interrogatorio do Marqués da Ensenada atopamos a lista de veciños que había naquel ano, no documento do interrogatorio aparece o listado de veciños realizado por Benito Blanco, mordomo, Domingo Castro e Nicolás do Freixo, peritos, homes intelixentes dos veciños.
Anos máis tarde no ano de 1807, Alberto Casas, era ou mordomo pedáneo dá Feligresía de San Vicente, xunto con Mauro Perez.
ALCALDE DE BARRIO.
A denominación Alcalde de Barrio aparece na época de Carlos III, a palabra barrio provén do arabe (BARR), que significa terra, campo, aforas…a diferenza dos alcaldes pedáneos, teñen unha orixe máis recente.
As funcións do Alcalde de barrio e a de Alcalde pedáneo (denominación para os que pertencían ao rural) era a de ser mediadores entre o Concello e os veciños aos cales representaban, maiormente o alcalde pedáneo, que é o que daba a coñecer as queixas e peticións , como tamén o de transmitir os acontecementos que lle encomendaba o mesmo Concello en relación á súa parroquia, é dicir, que o Alcalde pedáneo tiña unhas funcións propias, unhas competencias que tiñan súas propias da parroquia, aínda que fosen poucas, eran súas, mentres que o alcalde de barrio non tiña máis competencias nin funcións que as que lle delegaba o Alcalde-Presidente.
O alcalde pedáneo convocaba e presidía as reunións, executava os acordos da xunta veciñal, aplicaba o orzamento, ordenaba os pagos e rendía contas da súa xestión, ademais de velar pola conservación dos camiños rurais, fontes e montes, funcións moi similares ás que fixeron as súas antecesores, os vigairos e os mordomos.
Coa colaboración dos veciños fun facendo unha lista de “alcaldes” que tivemos na nosa parroquia, uns con máis acerto que outros , fixeron o mellor posible para levar a cabo o traballo polo cal foran nomeados :
Antonio O Recacho, Albino Chan, Moncho O Rei, Jesus O Moreno.
José Barragans, Faustino O Morrón, Ramón O Chaciras…