Manuel Fariña
Un goberno municipal esgotado que se escora perigosamente cara a dereita máis ultra
Os orzamentos municipais presentados por Juan Manuel Rey no pleno son uns moi malos orzamentos para Caldas, non están á altura do que a sociedade caldense precisa e demanda, e supoñen un gran salto cara atrás para as veciñas e veciños de Caldas, polo que necesariamente contaron co voto en contra do BNG.
Sabedores dos flagrantes incumprimentos do acordo que posibilitou a aprobación dos orzamentos do 2020, o PSOE decidiu dar un bandazo e lanzarse aos brazos dun PP máis preocupado polo seu propio interese político que polos veciños e veciñas de Caldas. Mostra destes incumprimentos son o feito de que en 2020 non se executou nin un só metro dos saneamentos previstos no acordo, nin se sacaron a concurso as concesións da piscina e a escola infantil municipais, ou a falta de mantemento dos viais municipais.
O BNG sempre tivo e sempre terá a man tendida para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Caldas. Boa mostra disto é o feito de que teñan a sinatura do BNG temas fundamentais para o futuro de Caldas como:
-
- A posta a diposición dunha parcela en Santa María para a construción do novo Centro de Saúde de Caldas. Demostrando deste xeito que era falso que a Consellería de Sanidade rexeitara previamente estes terreos como afirmaba o alcalde.
-
- O acordo para o reforzo das analíticas da traída municipal de Caldas e o contrato coa Estación de Hidrobioloxía da USC, dirixida naquel momento por Fernando Cobo. Analíticas e resultados que logo o goberno municipal decidiu ocultar deliberadamente.
-
- A dotación orzamentaria para mercar os terreos necesarios para a ampliación do IES Aquis Celenis. Partida que logo o alcalde decidiu non executar (pero que segue vixente e por tanto non figuraba no orzamento do 2021) para mercar nin os terreos sinalados no PXOM para este fin (cara a carballeira), nin do outro lado (cara a Segade).
A negociación dos orzamentos municipais entre o goberno municipal e o Partido Popular de Fernando Pérez deixa claras as prioridades do PSOE de Juan Manuel Rey.