Francisco Freire Vila
Modelo forestal caduco
En setembro arden os montes e secan as fontes, teño escoitado máis dunha vez da boca dos meus avós cando era neno. Daquela, pensaba que sempre sería así porque os ditos dos experimentados anciáns sempre se cumprían. Así, medrei coa preocupación de que as propiedades forestais da familia corrían un severo perigo ao chegar o mal augurado mes. Nada cambiou dende entón, no entanto, co tempo comprendín que o respectable dito non era universal, xa que só se cumpría en Galicia, o refrán non tiña sentido, por exemplo, no País Vasco, terra de montes frondosos e vexetación exuberante. Que envexa ver intacta a súa fauna e flora! Ben merecido está que Vitoria fose nomeada capital verde europea.
Comparando un sitio co outro só podo sentenciar que os galegos temos un instinto suicida contra o que parece imposible loitar. Digo imposible porque transcorreron varias xeracións e nada cambiou por moito que os distintos gobernos intentasen pórlle remedio a tanta devastación infernal provocada. Ante os seus reiterados fracasos ocultan a inutilidade das súas xestións con argumentos típicos, nada convincentes: "ardeu o 4% menos", "o monte só non arde", "os incendiarios acabarán no cárcere", "actúase máis rápido e a superficie queimada é menor"...
Fronte a isto, CC.OO. bota máis leña ao lume ao presentar estes días uns datos arrepiantes: dende 1991 arderon na Comunidade máis de 613.000 hectáreas, "o equivalente á provincia de Ourense", cun custo que superou, só en brigadas, os 1.362.000.000 de euros. Repito: 1.362.000.000 de euros!!! ÿ dicir, nos últimos 20 anos ardeu a metade da superficie arborada de Galicia e gastouse só na extinción o equivalente á construción de 60 colexios e 20 hospitais. En definitiva, perdemos hectáreas arboradas coa conseguinte merma da súa explotación forestal e perdemos a posibilidade de ampliar ou mellorar servizos fundamentais.
ÿ evidente, pois, que as consecuencias dos 3.500 incendios que se producen de media cada ano en Galicia recae directamente sobre todos nós e tamén é evidente que o modelo de política forestal é ineficaz e se en todos estes anos non houbo un cambio de rumbo, cabe pensar que está cheo de intereses económicos, senón, por que non se opta por un modelo produtivo que xere riqueza e emprego? Por que Austria e Finlandia, por exemplo, triplican as súas instalacións enerxéticas baseadas en enerxía forestal e aquí prendemos lume ao monte para queimar politicamente uns aos outros?
Estamos obrigados a cambiar xa este modelo de política forestal caduco, e quizais corrupto. Sabemos que non é fácil e que pode levar tempo pero, polo menos, teremos a esperanza de que o novo modelo, que xa está dando os seus froitos noutros lugares, poida funcionar tamén en Galicia en prol da biodiversidade, a produtividade, o emprego e a estima dos nosos montes.