Marta Rodríguez Engroba
Money, money, money... e o demais está de máis
Despois de escoitar as declaracións da delegada do Goberno contra a violencia de Xénero, Victoria Rosell, estando como estamos a vivir un ano, e especialmente un verán que, no que atinxe a violencia de xénero, non se poden cualificar máis que de dantescos, nunha entrevista na Cadena Ser hai unhos días, non me queda máis opción que reafirmarme no que xa hai moito tempo que levo pensando:
É inútil seguir loitando. É como bater coa cabeza contra unha parede unha e outra vez e, aínda por riba, ter que escoitar que te están a axudar.
A Sra. Rosell dixo, no transcurso da mencionada entrevista, admitir que non todas as comunidades autónomas teñen o mesmo compromiso na loita contra a violencia de xénero, aludindo principalmente a Comunidade de Madrid, a que acusou de deixar un 30 por cento do presuposto destinado a estas políticas sen gastar, parece ser que respondendo isto en parte a unhas declaracións feitas anteriormente pola ex directora de Igualdade desa Comunidade, Carmen Rodríguez, que, polo visto, denunciou maltrato do goberno autonómico a área contra a violencia machista, ao que a Sra. Rosell respondeu co dito anteriormente, acusando, ademais, ao goberno madrileño de negacionista.
Francamente, as leas entre estas dúas señoras non me importan en absoluto.
O que si me preocupa, e moito, como a todos os que tentamos loitar de verdade contra a violencia de xénero, é o revelador de ambos discursos, que deixan ben as claras a utilización política que se está a facer desta plaga asasina que non deixa de cobrarse vidas, neste caso en Madrid, pero que é extrapolable a calquera outro punto de España.
Por outra banda, non deixou de chamarme a atención a insistencia da Sra. Rosell da conveniencia de informar acerca daquelas comunidades que, segundo ela, non teñen vontade política de loitar contra a violencia de xénero, algo que demostran, dí, non executando a totalidade do presuposto destinado a este fin, engadindo, e cito literalmente, "Hay mucho compromiso social contra la violencia machista, pero hay que denunciar a quien no está a la altura con este dinero".
Dito doutro xeito, a solución, segundo esta señora, está en gastar ata o último céntimo, sexa como e no que sexa, que non quede nada.
Isto é o seu concepto, polo que se ve, de "estar a altura".
Ou máis clariño aínda. O auténtico compromiso está en gastar canto máis, mellor.
O de menos é, polo visto, como se xestionan eses fondos, a que recursos se destinan, e que beneficios REAIS lles reportan as vítimas.
É evidente que como se administren é algo que ao Goberno lle trae ao pairo. O caso é esgotar ata o derradeiro céntimo, según se desprende das manifestacións desta señora, coa finalidade, evidentemente, de seguir recibindo (isto, obviamente, non o dixo).
Non é algo isto que suceda soamente en Madrid, por suposto que non, e así nos atopamos, por exemplo, con que proliferan certos "chiringuitos" nos que se coloca a aqueles afíns a quen conveña, cobrando ben, por suposto, e aos que a violencia de xénero lles cae, en non poucos casos, noutro planeta, polo que se limitan a repetir o discurso que lles ensinaron que é o correcto, ou, mellor dito, que queda ben, a sair nas fotos, e, o máis importante, a cobrar!.
Ou, algo isto que se notará sobre todo a partir de Setembro, abondarán os eventos "de concienciación" aos que se convocará a aqueles que interesen política e medíaticamente, sen escatimar en gastos, todo o contrario, e que, por suposto, moi pouco ou nada real aportarán a mellorar a protección e asistencia das vítimas e dos seus fillos.
Proliferarán tamén, como non podería ser menos, as campañas nas que se distribuirá abundante material, co desembolso que eso implica, que non estarían mal, por suposto, se se acompañaran de accións reais, pero que, por si mesmas, de pouco serven, como está tráxicamente demostrado, e a súa eficacia e práctica e únicamente "cosmética".
Non importa que continúe sen ser revisado, por citar algunha eiva das moitas que existen neste eido, un sistema policial que claramente falla…..Xa serían ganas de complicarse a vida!.
Tampouco que cada verán o risco de nais e fillos en situación de violencia de xénero se incremente porque a súa protección, que xa non é para gabarse dela o resto do ano, se vexa claramente minguada.
Menos aínda tentar que a ningunha vítima lle falten os recursos básicos para poder subsistir elas e os seus fillos, e non se vexan, porén, avocadas a ficar co seu maltratador ou a volver con él, como está a suceder en moitos casos, especialmente desde que comezou a pandemia…Etc, etc, etc.
O importante é gastar, gastar coma se non houbera un mañá, pero naquelo que luzca e que non represente demasiado traballo, nin complicacións, e que, garante, ollo, isto é moi importante! que "Talito", "Talita", e demais afíns, teñan o seu sitio asegurado e, por suposto, ben remunerado.
Os coñecementos que teñan en materia de violencia de xénero, das auténticas necesidades das mulleres, das nenas e nenos que a sufren, a sensibilidade, a súa faceta psicolóxica, algo vital, son o de menos.
O importante, repito, é gastar, xustificar que eses fondos se investiron, sexa no que sexa, positivo para as vítimas ou non, racional ou non.
Porque atrás deses fondos, cando se esgoten, chegarán outros, e os de sempre, os que moven os fíos, os que, e isto é o peor, nin fan, nin deixan facer, seguirán tendo na violencia machista un negocio do máis lucrativo, o cal contribuirá, lóxicamente, a que continúe medrando.
Esta é, se admita ou non, a auténtica cara da "loita" contra a violencia de xénero: Money, money, money…. e o demais está de máis.
Asociación Si, hai saida