Marta Rodríguez Engroba
Violencia vicaria, nin é a nova, nin sempre impredicible
De verdade que, pola miña saúde mental, e porque sei que é certo que as cousas hai que tomalas de quen veñen, non hai día que non me propoña facer oídos xordos a certas "opinións" vertidas por determinados personaxes que o único que pretenden é acadar notoriedade e cuxa solvencia moral está baixo mínimos, pero acabo por fracasar estrepitosamente, porque, claro, non é o mesmo que se metan a opinar sobre as tendencias "fashion" que se van levar a próxima tempada, poño por caso, que a lanzar sentencias totalmente fora de lugar e mesmo perigosas como está a pasar ultimamente co que atinxe a violencia vicaria, unha das caras máis crueis da violencia de xénero que semella ser para moitos, polo visto, a última causa de moda, acabada de descubrir e arredor da cal aparecen, de súpeto, case cada día, multitude de "expertos" que falan, en moitos casos, sen saber do que falan, e sen ter en conta, por suposto, os prexuízos tan graves que poden chegar a causar.
Máis grave aínda se torna o asunto cando quen verte determinadas opinións é alguén que pola súa actividade, ou pola razón que sexa, ten un certo peso, e, porén, certa influencia na opinión pública, e é por isto polo que estou, ademais de abraiada, un tanto indignada, despois de ler certas manifestacións de Joaquín Amills, presidente da Asociación SOS Desaparecidos, en relación co que semella ser un novo caso de violencia vicaria por mor do cal un neno tería sido presuntamente asasinado polo seu pai nun hotel de Barcelona, e acerca das cales, en representación de Si, hai saída, a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte, me gustaría facer certas puntualizacións.
Vaia por diante, iso si, e como non podería ser menos, os nosos parabéns e recoñecemento pola gran labor que o colectivo que dirixe está a levar a cabo, pero supoñemos que isto non o converte en experto en todo, como nos sucede aos demais, naturalmente, o cal, entendemos, se fai extensivo a violencia vicaria.
Non obstante, de antemán lle pedimos desculpas se non é así, se efectivamente é uha autoridade na materia, e deixamos claro que nos non o somos.
Somos, sinxelamente, desde hai 7 anos, a voz dalgunhas vítimas de violencia de xénero, as cales tentamos axudar e apoiar do mellor xeito que podemos e sabemos,errando, naturalmente, moitas veces, e aprendendo dos nosos erros, nada máis.
Dito isto, non podemos por menos que concordar coa na necesidade que expón de abordar algo tan grave como é a violencia vicaria desde a educación e a prevención, e esixirlle ao goberno medidas ao respecto, pero non podemos deixar de expresar o noso asombro e a a nosa alarma cando, no transcurso da mesma entrevista, manifesta, e cito textualmente:
"La sociedad ha quedado paralizada conociendo lo que es la violencia vicaria, y hasta donde llega la maldad, como se puede utilizar a los menores como herramienta para hacer daño", puntualizando, ademais, "Anna y Olivia, las niñas de Tenerife, marcaron un antes y un después".
Desculpe, Sr. Amills, esta Vd. a dicirnos que a violencia vicaria acaba de descubrirse agora, no ano 2021, que a sociedade non sabía que existía????.
Por favor!.
Permítanos, Sr. Amills, que lle recordemos que, por poñer unha data de referencia, desde o ano 2014, 40 menores foron asasinados polos seus proxenitores, 5 no que vai do 2021.
Descoñecer é unha cousa, ignorar deliberadamente e mirar para outro lado, outra moi diferente.
Di Vd. por outra banda, que o caso de Anna e Olivia, as nenas de Tenerife presuntamente asasinadas polo seu pai, Tomás Gimeno, marcou un antes e un despois.
En primeiro lugar, permítame que lle diga que establecer comparacións entre casos tan tráxicos, tan desgarradores, está, penso, totalmente fora de lugar, ademais de supoñer un agravio para o resto, pero, xa que estamos, qué lle parece se lembramos, por exemplo, o de Andrea, asasinada durante unha das visitas autorizadas ao seu pai no ano 2003, malia que a nai da nena, Ángela G. Carreño, interpuxera 51 denuncias, advertindo do perigo que corría a súa vida, e suplicando que se interrumpiran as visitas sen conseguilo?.
A loita desta nai fixo que, por fin, no ano 2014, Nacións Unidas condenara a España por violar os dereitos de nai e filla, pero para a pequena Andrea, como para tantos outros menores, xa non hai volta atrás, xa ninguén lles vai devolver a vida, como tampouco ninguén vai poder recompoñer a das súas nais, rotas xa para sempre.
Nerea, Martina, Cristian, Candela, Amaia, Ruth, José......son soamente algúns dos nomes dos menores que serviron de instrumento a unhos malnacidos, mal chamados pais, para matar en vida as súas nais, e ningún deles é nin máis nin menos importante que os outros.
É máis, e xa postos a fiar fino, nalgúns destes casos, en demasiados, se fixo patente o máis que flagrante e reiterado fallo dun sistema que, facendo caso omiso da premisa fundamental de que NUNCA, e repito, NUNCA, un maltratador pode ser un bo pai, por razóns obvias, segue expoñendo as vidas de tantos nenos e nenas a un risco certo, desoíndo as nais que advirten, suplican, case sempre inutilmente, porque elas si saben perfectamente do que son capaces tales desalmados inhumanos, cuxos dereitos teñen que ser, polo visto, respectados por riba de todo, mesmo do perigo que representan para os seus propios fillos.
O caso de Olivia e Anna, Sr. Amills, desgarrador, sen dúbida, tráxico, pero nin máis nin menos que os que o precederon, e, por desgraza, o seguirán con posterioridade, como xa sucedeu, marcou un antes e un despois MEDIÁTICO, algo no que influíu, sen dúbida, que coincidiu no tempo coa emisión dun programa que deixou patente o rendible da violencia de xénero e ao que tampouco foron alleas as súas aparicións, pero permítame que lle recorde tamén que, malia que Vd. mesmo mencionou, a posteriori, unha vez foi achado o corpo da pequena Anna, algunhas características do presunto parricida que eran, como mínimo, para espertar receos, algo que é lóxico que a nai, como case todas as vítimas de violencia de xénero, non percibira, o que propiciou que lle confiara as nenas ao seu pai con toda tranquilidade e a mellor das vontades, pero que si eran coñecidas por gran parte da súa contorna, existindo mesmo algunha agresión pública, malia o cal nada dixeron, nin nada fixeron, nin existía, porén, ningunha denuncia.
As comparacións, Sr. Amill, son, ademais de odiosas, unha gran maioría das veces, inxustas e dolorosas, máxime cando se basean na repercusión mediática, algo que, lamentablemente, neste pais noso é xa unha triste realidade.
Son moitas as nais anónimas que, cada día, loitan para afastar aos seus fillos dun perigo certo, antes de que sexa demasiado tarde.
Somos moitos os que tentamos axudalas, apoialas, case sempre sen éxito, porque,por máis que as veces, moitas, de feito, existen sinais do que pode pasar, ante a xustiza de nada serven, porque a prevención da que tanto se fala é mera teoría, que queda moi ben, eso si, nos papeis e nos medios de comunicación, que é, en definitiva, o que vende.
É certo, Sr. Amills, que, en ocasións, a traxedia nos colle por sorpresa, que nin nos nosos peores sonos a podemos predicir, pero noutras, como é no caso da violencia vicaria, nin é nova, nin sempre impredicible, algo, cremos, que convén ter en conta e, cada un dos que temos algunha posibilidade, unhas moito máis modestas que outras, por suposto, transmitir.
Esta é unha loita e unha responsabilidade de todos.
Asociación Si, hai saída