Pedro J. Peón Estévez
Los españoles en Tokio
Alá polo verán de 1964, o pontevedrés Antonio Moldes e os seus colegas chegaban a Xapón convidados para animar a celebración dos Xogos Olímpicos Tokio 1964.
Cando aínda estaban acesos os ecos de Suki Yaki (primeiro éxito pop anivel mundial do novo Xapón) e un ano antes da arribada dos Beatles, o conxunto do xenial Moldes actuaba a carón dos míticos Platters.
O noso paisano Alejandro Blanco, actual presidente do Comité Olímpico Español, é un home moi ocupado, tanto que non se lembra daqueles outros JJ. OO. de Tokio 1964. Non lembra ou non quere lembrar, cousa lóxica por outra banda posto que, tanto naquela edición, así como nas anteriores e posteriores, é dicir: en todas as celebradas perante a dictadura, o medalheiro español ficaba limpo coma unha patena... sería esa a famosa "pertinaz sequía" que tanto mencionaban daquela os "próceres patrios" ?
Pese á súa excelente saúde de deportista e á súa boa cabeza, posiblemente o ourensán Alejandro Blanco non se lembre (ou non queira lembrarse) da nadadora canaria Rita Pulido mais...quen era e é Rita pulido ? A primeira vez que eu oín tal nome foi a comezos de 1965 na boca de Manolo, o meu máis grande companheiro de instituto, arestora profesor de Educación Física xubilado .Reconhezo que as cousas do deporte nunca me interesaron en demasía e as retransmisións televisadas daqueles XX.OO. eran aborrecidas, escasas e malas. Pero Manolo, siareiro e practicante de tódo-los deportes, estaba ben informado e dixo: "conseguimos unha medalha de ouro en 'Beleza Física' da man de Rita Pulido"... que clase de deporte era " Beleza Física" ?. Esta incógnita rondoume nos miolos a razón de unha vez por década aproximadamente pero, se o dicía o gran Manolo, ben dito estaba e non precisaba de máis voltas. A resposta non estaba asubiando no vento, que diría Dylan, mais si na wikipedia; Rita competiu en Roma 1960 con tan só 15 anos e en Tokio 1964 con dezanove. Unha foto súa roubada foi portada da revista Life. Os xornalistas do réxime dedicáronse a ensalzar a beleza de Rita e, por contra, a burlarse da suposta fealdade das extranxeiras. O resultado final está bo de adevinhar: aqueles "esperpentos" leváronse as medalhas para os seus respectivos países e o réxime espanhol, unha medalha imaxinaria; adevinhen o titular: "Nuestra Rita Pulido, medalha de oro en Belleza Física". "Había que hacer propaganda de Espanha" dixo ela nunha entrevista que lhe fixeron non hai moito. Rita levouse a sua beleza para Canarias porque era dela en propiedade e viviu, e vive, entregada á natación de xeito puramente altruísta. E así rematou Tokio 1964. As medalhas, tal como vinha sendo tradiccional, nin cheiralas. Pero aqueles Xogos Olímpicos aínda nos reservaban algunha sorpresa máis.
Tras 29 interminables horas de voo, un avión aterraba no Aeroporto Internacional e del baixaban José Moldes, Manuel Pérez, Miguel Laiz, José Luis Muñoz e Marcelino López. Eran cinco mozos, catro galegos e un leonés, componhentes do grupo musical internacional Los Españoles que foron convidados para amenizar os Xogos Olímpicos Tokio 1964. Contou Muñoz que os agardaban 200 fotógrafos e un intérprete. Compartiron ágape con diversas autoridades servidos por fermosas geishas. Fixéronlhe carteis bilingües (inglés e xaponés) e un xigante luminoso co seu nome e as súas siluetas en tubos de neón. Compartiron escenario cos archifamosos Platters e Nat King Cole fíxose amiguísimo de Marcelino López (Candelas)0ª. En Xapón sabían deles a través dun seu fan; un campión de sumo que os vira actuar nunha capital europea e ficara engaiolado. Chamábase Ozeki Kitahayama e pertencía ó Novo Xapón, un país aberto á modernidade. Unha nazón puxante que quería esquecer sonhos imperialistas e guerras horrendas. En 1963, unha peza musical -Suki Yaki- escalou os hit parades do mundo occidental. En 1964 celebraba os XX. OO. e recibía á elite do deporte e xentes da cultura, entre os que se contaban Los Españoles, cinco mozos emigrantes virtuosos das artes musicais. En 1965 acolhía ós mesmísimos Beatles, punteiros da chamada"invasión británica" de música beat, rock e pop. O que non conseguira Xapón coa guerra, estaba a logralo en tempo de paz. A sua tecnoloxía nos eidos do son e a imaxe, informática ou motor non tenhen competencia. Tamén as suas artes, desenho, gastronomía etc invaden o mundo, reciben un verdadeiro tsunami de turismo e a súa laboriosidade é mítica. E, daquela chegaron Los Españoles. Os xaponeses reeditaron os seus discos e imprimiron carteis novos, nun deles vense actuando acompanhados por unha moza xaponesa tocando o bongo e na portada dun LP van vestidos de kimono. FIxeron folhetos informativos bilingües ( xaponés - inglés ). Dun deles intentei traducir o empezo: " Un dos grupos musicais máis asombroso do mundo. Este é o comentario xeralizado de tódolos críticos que tenhan escoitado e visto actuar a Los Españoles. DE feito, este é, probablemente o quinteto maáis versátil que xamais se tenha congregado " O folheto segue informando en inglés, acompanhado de fotos e textos en xaponés.
Versátil é a palabra máis repetida cando se fala de Los Españoles, e así era. Cincomúsicos multiinstrumentistas, cantores todos, preparados para actuar dunha hora para a outra. A súa amplificación e escenografía eran mínimas ó contrario que asactuais orquestras que todo se lhevai en posta en escea co consumo esaxerado de luces cegadoras e atronadores decibelios en escearios xigantes con inxenios mecánicos e moita, moita "tecnoloxía" Dá a sensación de que queren actuar para todas as parroquias da comarca. O éxito do quinteto Los Espanholes baseábase en profesionalidade, calidade e simpatía. Cinco extraordinarios músicos multiinstrumentista e cantantes dirixidos por un verdadeiro xenio: o mestre Antonio Moldes de Pontevedra, inxustamente esquecido. Moldes criouse entre música e entregouse a ela toda a sua vida. Pontevedra débelhe un reconhecemento.
Contaba Muñoz que, nunha actuación en Dinamarca, alguén do público berrou: PLAY BACK ! Entón Moldes apagou a amplificación e seguiron tocando como se nada. Pronto tiveron que acender a amplificación porque xa non se escoitaba nada coa ovación e os aplausos da xente. Ó do berro non se lhe viuo pelo en toda a noite. Os Españoles eran uns artesáns da música. Con eles non cabía trampa nin cartón. O son que xurdía polos altofalantes era o que eles estaban a facer no intre. Contan que unha vez en Córdoba comezaron a tocar e a xente arrastou tódalas cadeiras para diante do palco e sentaron nelas de contado. Un dos do grupo díxolhes que non sentasen, que eles facían música para bailar. Alguén do público lhes dixo: "No se preocupen y sigan tocando que nosotros, lo que queremos es escucharles".
O nome do grupo xorde alá por 1954 perante a súa primeira xira europea. Mentres os mozos andaban á procura dun nome sen se decidir, o seu público francés impúxolhes, por lóxica pura, o nome de Les Espagnols e así reza nun cartelinho posto no pé do micro, na foto dunha actuación en Niza. Actuaron en toda a Europa continental e cando estaban en Hamburgo contratados pola sala Tarantela (Treffpunkt- Tarantella) foron contactados por un cazatalentos chamado Ivo Rovic.
Daquela xa Moldes lhe dera un xiro radical ó grupo arreglando temas pop actuais xunto con outros máis ou menos tradicionais conseguindo un dinámico producto entre orquestra e conxunto pop. Coas fichaxes de Muñoz e Laiz quedou definitivamente consolidado o internacional quinteto español.
A cidade alemana de Hamburgo supuxo un antes e un despois para os Beatles e tamén para Los Españoles un ano antes. O tal Ivo Rovic falou co gran Bert Kaempfert e este recomendounos á discográfica Polydor. Bert Kaempfert era o equivalente alemán de Paul Moriat ou Frank Pourcel e moitos outros directores de grandes orquestras que adaptaban baladas e suxerentes temas pop transformándoos en música instrumental de ambiente que tanto éxito tinha daquela. Os propios Espanholes fixeron unha versión excelente de Theme From A Summer Place substituíndo unha manchea de violíns pola engaiolante trompeta de Moldes e o resto da monumental orquestra polo virtuoso piano de Miguel, a batería de Marcelino, o baixo de Muñoz, o saxo de Manolo e as voces e talento de todos eles. Cara a metade do tema, Móldes introduce un sorprendente cambio de ritmo para seguir e rematar a tempo de samba. Fabuloso!
Polydor declarounos seus artistas exclusivos e gravoulhes unhas 150 cancións en vinilos de diferentes formatos abarcando temas de moda de media Europa, na que eran embaixadores do sur como o título do seu primeiro disco Under The Southern Skies. Para os europeos, aqueles mozos eran o son do mediterráneo, tan de moda daquela. E en efecto; así era, Los Españoles cantaban en italiano, francés, grego! e mesmo exipcio. Pero tamén en portugués e galego. Pero nin unha soa en inglés, que era o que imponhía a invasión anglo-saxona. Os Españoles non quixeron entrar nesa corrente. Eran demasiado íntegros para facelo. E tocaron pop espanhol, francés, italiano, copla, pasodoble, bolero, rancheira, tango e todo canto se lhe puxera por diante. Pódese dicir que tocaron tódolos paus. Cantaban ben e tocaban melhor, sempre baixo da batuta do mestre Antonio Moldes, do seu talento, da súa creatividade....da sua bondade como ser humano e artista, un home que viviu, en corpo e alma, para a música e para os seus.
Los Españoles actuaron en case todos os países europeos, moitos de Asia desde Irán a Xapón e Indonesia, toda Latinoamérica e os Estados Unidos e non tenho información de si actuaron en África. Por sorte podo escoitar todos os seus discos en Youtube. Para seren gravados hai máis de sesenta anos, soan estupendamente.
E mentras aqueles chavales eran profetas fóra da Terra, aquí, quitando familiares e amigos, eran uns perfeitos desconhecidos. Eu tiven a sorte de saber deles polo meu irmán maior e de conhecer a Antonio Moldes persoalmente, un senhor maior que mal sospeitaba eu que fora tan importante. Dos seus últimos tempos de artista falaba o seu amigo e tamén músico Leopoldo Centeno, conhecedor do amplo currículo de Moldes.
Fálase moito de Pucho e os Tamara, dos Satélites, a Sintonía ou os clásicos Poceiro e Montes... paréceme ben porque eu tamén os admiro pero boto a faltar unha lembranza de Los Españoles e a sua grande obra. Boto en falta algo que nos lembre a cotío do Mestre Antonio Moldes Ferro nesta súa Pontevedra.