Pedro J. Peón Estévez
Parrulos, funcionarios e "trabalhadores"
Un 25 de avril, o de 1998, exactamente vintecatro anos despois da "revolução dos cravos" a balsa de decantaciónda mina e ceo aberto de Aznalcóllar (Sevilla) ceibou por terra e mar máis de sete milhóns de metros cúbicos de lodos tóxicos e augas acedas que causaron un desastre ecolóxico de xigantescas proporcións na comarca dos ríos Agrio e Guadiamar, incluíndo o Parque Nacional de Doñana. A mina era propiedade da empresa sueca Boliden.
E pasou o que pasa sempre nesta sufrida Espanha. As administracións do Estado e Andalucía gastaron un pastizal para intentar arreglar o desastre retirando cantidades inxentes de lodos, arando terreos, protexendo acuíferos... Non sei canto se gastou do erario público pero pouco importa: pagamos nós.
A sueca Boliden non puxo un peso. Isto, en Espanha, é unha lamentable constante. Tamén recolleron 30 toneladas de animais mortos e artelháronse plans de protección para os sobrevivintes.
E aquí foi onden xurdiron iracundas voces criminalizando ó parrulo: "Menos mirar por "el pato" y más por los trabajadores", dicían con xenreira. Sempre me preguntei que terá que ver unha cousa con outra e que culpa podía ter o parrulo. Igual lhes parecía pouco 30 toneladas de animais mortos. Referíanse a eles co xenérico "El Pato" mordendo as palabras. E mentres isto acontecía, a sueca Boliden, facéndose o sueco, liscaba pola outra porta.
Isto garda unha leve relación co que eu vinha relatarlhes. Dun tempo a esta parte, nesta nosa Pontevedra existe unha xa longa campanha de desprestixio contra o funcionario. Aqui o "parrulo" é o funcionario. Óese moito pola parte dos defensores a ultranza dunha empresa que xamais pechou nin un só día en toda a súa historia. AÍnda que sempre se tiveron por "operadores", autodenomínanse "trabalhadores" cando lhe ventan o cu á coruxa.
Falan dunha Pontevedra senhorita, paraíso do funcionario lacazán e enchufado. E a campanha, pinga a pinga, vai callando coma quen non quere a cousa. Mesmo ás senhoras na perruquería, na cafetería ou na cola do pan, dedícanse a falar pestes dos funcionarios. Ata os "trabalhadores", cando se manifestan, non deixan de criminalizar ó probo funcionario. E a cousa, repito, funciona. O funcionario comeza a ser visto como o xudeo na Alemaña de 1939.
Si, que hai funcionarios que non dan pau pero ...e "trabalhadores"? Ben, e os que tal despotrican son conscientes que son funcionarios os médicos e ATS que os curan? ,os barrendeiros que se fan cargo do seu lixo, os que mantenhen a flora limpa e sá?, os que pintan, os que limpan, os que mantenhen? Os mestres que educan e aturan os seus filhos tamén son funcionarios. E os que loitan contra o lume, tamén. E os policías.
Xa non estamos nos tempos de Rajoy en que algúns sacaban as oposicións a golpe de xamón e de talón ou simplemente cun carnet da falanxe. Agora, mesmo para lograr un trabalho sinxelo cómpre prepararse a fondo, facer moitas viaxes (as máis delas en van), durmir pouco, estudar moito e con moita sorte acadar un trabalho pasados os trinta. Xa non son os tempos de Mariano en que bastaba ter un pai ben situado para ser o número un da promoción, nin pagar unha pasta gansa para ter un trabalho de "operador". Ben, isto último aínda pode estar vexente...
Estoutro día a case as cinco da tarde chamoume unha senhora interesándose pola minha saúde. A súa xornada laboral remata ás tres. Eran case as cinco e aínda non comera. Ocupouse da minha saúde no seu tempo persoal porque o que lhe dan para atender unha lexión de pacientes, non lhe chega a nada. E Feijóo mailo Sergas non queren contratar médicos. A minha doctora é funcionaria. O ceo a bendiga!