Marta Rodríguez Engroba
Por unha vez, señora. Ministra, concordamos
Non é nada persoal, obviamente, basicamente porque non a coñezo de nada, nin son quen para xulgar a ninguén, se non porque non comparto en absoluto a súa forma de xestionar a loita contra a violencia de xénero, se é que o está a facer dalgún xeito, porque, francamente, as veces, e que me perdoe se non é así, teño as miñas dubidas, pero as cifras, as tráxicas cifras, cantan, e se en materia de violencia machista estabamos mal, desde a súa chegada ao poder é evidente que estamos aínda moito peor.
Creo que é evidente, e así o manifestei en moitas ocasións, que non coñece a realidade da violencia de xénero, das súas vítimas, que tampouco se preocupa por facelo, polo menos aparentemente, e segue a basearse nas súas ideas un tanto radicais, e moi pouco realistas en demasiadas ocasións.
Moita proclama, moita arenga, e moi pouco traballo tanxible, a lo menos a vista dos.....resultados?.
Menos grata aínda me resulta ese evidente afán de notoriedade que xa amosou en moitas ocasións que a leva a protagonizar episodios inadmisibles, na miña opinión, e máis en alguén que está no goberno, nos que se pronuncia abertamente sobre determinados casos de presunta violencia de xénero sempre protagonizados por alguén que garante a repercusión mediática sen ter constancia da veracidade dos mesmos, baseándose tan so no que se di en programas de dubidoso cariz, sen importarlle que sexan emitidos, por exemplo, en canles que se distinguen por cosificar a muller, de cariz claramente machista, que utilizan a violencia de xénero como se fora o argumento dun reality máis, moi rendible, eso si.
Pero ao Cesar o que é do Cesar, e esta semana, no transcurso dunha entrevista nunha emisora de radio na que se lle preguntou sobre a tremenda situación que están a vivir as mulleres en Afganistán Irene Montero fixo unhas declaracións que, ademais de ser, na miña humilde opinión, moi sensatas e, por unha vez moi realistas, deixaron, malia que supoño que non intencionadamente, patentes, a dobre moral que existe neste país noso, sobre todo no que atinxe a violencia contra a muller, así como a utilización política que se lle está a dar, tamén, pese a quen pese, por parte dos sectores políticos máis conservadores, que non dubidaron en terxiversalas para esixir mesmo a súa reprobación.
De entrada, os titulares nos que se da conta destas declaracións, non se axustan para nada ao que ela manifestou, xa que a "acusan " de equiparar a situación de violencia contra as mulleres en España coa exercida polo talibán en Afganistán tras o golpe de estado.
Nada máis lonxe da realidade.
En ningún momento percibo que tal comparación exista.
Irene Montero afirmou que en todos-los países hai xeitos de oprimir as mulleres , engadindo, e cito textualmente, "Eso pasa en Afganistán, pero también pasa en España, con unas tasas intolerables de asesinatos machistas".
Así mesmo, manifestou "todas las culturas y todas las religiones tienen formas con diferentes niveles de dureza", argumentando que cando se fala de Afganistán non hai que entrar "en una comparación o ranking a ver quien es más machista".
Onde está a comparación?,e, o máis importante, dixo algo que non sexa rigorosamente certo?.
Outra cousa é que desde determinados eidos políticos, sociais, e mesmo "activistas" se rachen as vestiduras e se eleven as voces porque as súas palabras deixan en evidencia o que estamos a vivir: Escudarse en causas con sona, que garanten titulares, notoriedade, mesmo votos, máxime se estas nos caen lonxe, ben afastadas de nos, porque, e non me cansarei de repetilo, apoialas luce moito e non da traballo ningún, mentres se ignora as que temos ao noso carón, aquelas nas que si poderíamos prestar unha axuda real e efectiva.
Dito doutro xeito, sobra quen apoie, de boca para fora, claro, neste caso as mulleres afganas, e ignore olimpicamente o inferno que está a vivir, por exemplo, unha muller ao outro lado da súa parede, porque, xa se sabe, "son cousas de parella nas que non hai que meterse", e todos tan contentos e coas conciencias ben relucentes.
As palabras da ministra non soamente non minimizan, nin moito menos banalizan, como a acusan desde certo partido, o horror que están a vivir as mulleres e as nenas afganas.
Pola contra, reflicten a realidade.
Que non guste escoitala, porque tal vez saquen a relucir o que é mellor que fique agochado, é unha cuestión moi diferente e manipulalas de tal xeito si que é reprobable.
E xa que estou a meterme, case con toda seguridade, noutro xardín, porque teño que recoñecer que hai algo que teño en común coa ministra: que cada vez que falo a lío parda, coa diferencia de que a min se me pode chamar de todo sen reparo ningún, vou a referirme a unha campaña que circula por redes sociais, relacionada con este tema, denominada #YoAcojo, promovida, entre outras persoas (lamento a miña ignorancia, pero as demais non as coñezo), por unha xornalista, activista, pero cobrando ben, claro, e todos-los "istas" que a fan grande, estupenda e que de todo sabe, de todo entende, que aproveitou o seu desafiuzamento hai unhos anos para colarse nos platós de televisión e converterse en voceira de canta causa existe, e, xa de paso, encher o peto e engordar o seu ego, por mor da cal recolleron sinaturas de persoas que ofrecen as súas casas e os seus cuidados a mulleres e nenas afganas, e que lle foi entregado a Jesús Perea, secretario de Estado de Migracións, co correspondente posado fotográfico, claro está.
Non digo eu que a iniciativa non sexa loable, faltaría máis!, e case con toda seguridade unha gran maioría das persoas anónimas que asinaron ese documento o fixeron coa mellor das vontades, pero róncalle o nabo!, e desculpádeme a expresión, é que isto é para nota!, que nun país, como é o noso, no que o cualificativo "de pandeireta" xa se lle queda curto, no que a violencia de xénero medra coma a espuma, no que tantas e tantas mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos se ven abocadas a ficar cos seu maltratadores por non contar con opcións de acollemento, ou no que outras, por mor da pandemia, privadas dos xa seus escasos recursos, tiveron que volver con eles non se lles tenda unha man e se ofrezcan a acoller as mulleres afganas.
E aclaro, por se alguén ten algunha dúbida, que non teño nada en contra de que se lles axude, e eu mesma o faría encantada se tivera os medios para isto, pero, qué tal se comezamos por axudar as que temos ao noso carón?.
Porque semella que se nos esquece, pero en España hai moitas traxedias, moitos infernos, protagonizadas por mulleres, por menores, que precisan axuda urxentemente, e que non recibila lles pode custar a vida, pero claro, eles non proporcionan fotos, nin cadeiras en platós de televisión.
Ademais, por moita campaña que se faga, é improbable que ningunha muller afgana acabe por chegar as súas casas, mentres que a veciña, a compañeira, a amiga, están aí, preto, co risco que implica de ter que materializar esa axuda que se ofrece con máis "boquilla" que verdadeira intención de levala a cabo.
Por cousas coma estas non gustaron as palabras da Ministra, porque certas verdades, certo fariseísmo, está moi ben como está, caladiño, agochado, e sen poñer en risco o rendemento que tantos lle sacan.
En resumo, por unha vez, Sra. Ministra, non podería concordar máis con Vd.
Mágoa que non amose máis a miúdo tal sensatez, e mágoa tamén que non o leve a práctica claro.
En fin, non perdamos a esperanza, porque, ao fin e ao cabo, é o único que nos queda.
Asociación Si, hai saída