Tribuna Viva
Unha integrante da plataforma SOS Suído Seixo denunciada polo Concello de A Lama
O día 31 de agosto unha compañeira de SOS Suído Seixo, plataforma que loita contra a creación da mina Alberta I na zona de Doade, concello de Beariz (e os demáis proxectos mineiros derivados da mesma, nos concellos de Beariz, Avión, A Lama, Cerdedo-Cotobade e Forcarei), recibiu a notificación do “inicio dun procedemento sancionador”, por parte do concello da Lama, contra a súa persoa, e coa conseguinte multa polo valor de 100 euros, por, citamos textualmente: “...UNA CONCENTRACIÓN NO COMUNICADA EN LAS INMEDIACIONES DEL AYUNTAMIENTO DE LA LOCALIDAD DE A LAMA (PO), LA CUAL TENDRÁ UNA DURACIÓN APROXIMADA DE 2 HORAS, DANDO COMO HORA DE INICIO LAS 10:30 HORAS, EN LA MISMA SE CONCENTRAN ALREDEDOR DE UN GRUPO DE 30 PERSONAS PORTANDO VARIAS PANCARTAS CON EL LEMA NON Á MINA...”.
Dende SOS Suído Seixo queremos visibilizar o noso profundo rexeitamento a este intento de criminalizar unha loita xusta en defensa do territorio, e a nosa preocupación pola terxiversación e uso dunha situación de alerta sanitaria para frear e “castigar” a movilización social xurdida a raíz da oposición veciñal a un proxecto mineiro destructivo que non cumpre coas normativas europeas de seguridade medioambiental e que conta cun informe desfavorable da Confederación Hidrográfica na súa contra.
Queremos, así mesmo, dar a coñecer a situación real que o Concello de A Lama pretende terxiversar e ocultar a través desta denuncia: A Plataforma SOS Suído Seixo convocou un acto de entrega de alegacións no Concello de A Lama para o día 16 de outubro do 2020, onde se convidaba á xente, que de feito xa estaba a entregar alegacións, a facelo nun mesmo día, para visibilizar que o rexeitamento é amplo. No propio cartaz da convocatoria pódese ver que se lembra a necesidade de respectar as medidas sanitarias derivadas da pandemia. Durante o día, preto dunha treintena de persoas se achegaron á Casa do Concello a presentar de xeito individual, como é o seu dereito, ditas alegacións; en todo momento se cumpliron as medidas sanitarias vixentes.
Mentres as persoas ían entrando e facendo entrega, de unha en unha como obrigaba a situación, o resto esperaban fora mantendo as distancias, coas máscaras postas e iso si, visibilizando a oposición a dito proxecto mineiro, coma se pode ver nas imaxes saídas nas notas de prensa do Faro de Vigo, Radio Nova, e Nós Diario, e como se relata na denuncia interposta:“...EN LA MISMA SE CONCENTRAN ALREDEDOR DE UN GRUPO DE 30 PERSONAS PORTANDO VARIAS PANCARTAS CON EL LEMA NON Á MINA, ...”.
Esa mesma mañá unha parella da Guardia Civil acudiu ao lugar e despois de identificar á compañeira, como convocante da mesma en nome da Plataforma, marcharon sen manifestar ningún tipo de disconformidade sobre como estaba a transcurrir o acto, en relación coas medidas sanitarias do momento.
Por todo isto, non podemos entender como, case un ano despois, unha das nosas compañeiras recibe unha denuncia, e a multa correspondente, ante un feito que no seu día non incumpriu ningunha norma sanitaria, se non que foi só a mostra da veciñanza facendo uso dos seus dereitos e das ferramentas que a administración pon ao seu alcance para manifestar a disconformidade.
A plataforma está preparando unha resposta xurídica ao que considera unha vulneración inxustificada dos dereitos fundamentais e de participación pública ambiental, e levará o caso ante os organismos europeos e internacionais. Pídese ademais a solidariedade doutros colectivos afíns e da sociedade en xeral, pois entendemos que estamos ante un intento da administración de penar os actos civís en defensa do territorio e dos máis elementais dereitos políticos e sociais.
Seguiremos berrando ben alto: “Non á mina, si á vida”.
Plataforma SOS Suído Seixo